Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

América Latina tralas eleccións chilenas

miércoles, 03 de febrero de 2010
a) Introdución
Os comicios presidenciais chilenos do pasado 17 de xaneiro, que certificaron o retorno da dereita ao poder tras 52 anos, abre un novo período electoral para América Latina entre 2010 e 2012, con posibilidades reais de variación do mapa político hemisférico.
O triunfo do empresario Sebastián Piñera, da plataforma Alianza por Chile, foi inmediatamente interpretado como a expresión dunha “segunda transición política” no país sudamericano, trala acaecida en marzo de 1990 logo de 17 anos de ditadura de Augusto Pinochet e que, sucesivamente, consolidara no poder ao centroesquerda, representado pola Concertación pola Democracia, abertamente debilitada nestes comicios por diversas fracturas internas. Piñera sucederá así á socialista Michelle Bachelet o próximo 11 de marzo, quen se retira cuns niveis de popularidade que alcanzan o 80% de aceptación na sociedade chilena.
Piñera afronta así unha nova etapa dentro da consolidada democracia chilena, marcada polos notables logros en materia de igualdade socioeconómica, diminución da pobreza, ampliación da participación política, consolidación da cultura democrática e estabilidade institucional, pero que deberán ser preservados ante a perspectiva dun goberno de centrodereita no palacio presidencial da Moneda.
Igualmente, o triunfo de Piñera pode marcar unha nova tendencia electoral en América Latina, en especial en comparación co período 1999-2009, onde predominaron os gobernos de esquerda. Neste sentido, a rexión pode acentuar unha posible orientación cara a dereita e o centrodereita nos comicios presidenciais de Colombia, previstos para maio de 2010; Brasil (outubro de 2010); e Perú e Arxentina, ambos no 2011.

b) Unha nova etapa para Chile
A denominada “segunda transición chilena” acaecida trala vitoria electoral de Sebastián Piñera, da plataforma centrodereitista “Alianza por Chile”, achega un novo panorama electoral na política chilena dos últimos anos.
Piñera derrotou así a un dos principais baluartes da transición post-electoral de 1990, o ex presidente Eduardo Frei, alcanzando un sólido respaldo popular nas urnas do 51,61%. Deste xeito, a dereita volve ao poder en Chile tras gañar unhas eleccións máis de medio século despois da vitoria do candidato conservador Jorge Alessandri, en 1958. Igualmente, con Piñera pode estar anunciándose unha dereita post-pinochetista, marcadamente distanciada do legado do falecido ex ditador chileno.
Xunto á unidade de criterios da dereita chilena en torno á candidatura de Piñera, a súa fortaleza electoral tamén estivo marcada pola súa exitosa carreira empresarial e financeira, incrementando a súa popularidade por ser o máximo accionista do coñecido club de fútbol Colo Colo. Non obstante, e a pesar de que a súa fortuna persoal foi motivo de diversas investigacións xudiciais, o factor que máis posibilitou o seu triunfo foi a fragmentación e o “fastío endóxeno” (Bachelet dixit) existente dentro da plataforma da ata agora gobernante Concertación pola Democracia, conformada polo Partido Demócrata Cristián, o Partido Socialista, o Partido Pola Democracia e o Partido Radical Socialdemócrata.
Se ben Frei constituía o seu principal candidato, non houbo consenso político en diversos sectores desta Concertación, debilitados ante o feito de que, durante os meses anteriores ás eleccións, presentáronse diversas candidaturas, entre as que, finalmente, destacou o líder esquerdista e candidato independente Marcos Enríquez Ominami, quen quedou terceiro na primeira rolda electoral celebrada en decembro de 2009. Esta fragmentación do voto da esquerda, así como o nivel de abstención, cifrado no 30%, foron factores que igualmente contribuíron ao triunfo de Piñera.
Piñera herda así unha década de gobernos da Concertación que permitiron non só consolidar o carácter democrático das institucións e da sociedade chilena, senón diminuír a fenda socioeconómica, rebaixando a pobreza do 38,7% ao 13,7% actual. A pesar da recesión económica, Chile foi convidado en 2009 a unirse á Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), un factor que potenciou o discurso de Piñera de levar a Chile aos índices de desenvolvemento económico e social propio dos países máis desenvolvidos, xusto semanas antes de celebrarse a segunda rolda electoral.
Aínda así, Piñera enfróntase a unha serie de retos, en gran medida motivados pola aínda pouco perceptible complexidade que comeza a apreciarse dentro do panorama político chileno. Se ben herda un legado de éxitos durante o período da Concertación (1990-2010), Piñera deberá conxugar a medio prazo eses logros coa posibilidade dun reacomodo dos partidos da esquerda, esta vez coa perspectiva do impulso dun liderado fresco e innovador como o de Enríquez- Ominami, unha figura política que logrou alcanzar o 20% de respaldo electoral na primeira volta.
Os próximos cinco anos definirán se o éxito empresarial de Piñera pode traducirse tamén nun sólido éxito político e presidencial. Por outra banda, no escenario político queda á expectativa de que Enríque- Ominami (36 anos) poida aglutinar as diversas forzas de centroesquerda existentes na Concertación, enfiándose como unha alternativa política crible para o 2015.

c) A óptica electoral rexional
As eleccións presidenciais chilenas de 2009-2010 abriron un novo período electoral para América Latina que durará ata o 2012. Este período pode traducir unha posible reorientación política en diversos países latinoamericanos, ou ben confirmar a evolución existente durante o anterior período 1999-2009, marcadamente determinado polo predominio dos gobernos de esquerda.
A vitoria de Piñera, anteriormente fraguada no contexto hemisférico coa elección do empresario Ricardo Martinelli en Panamá e de Porfirio Lobo na Honduras post-golpe de Estado, pode alentar aos partidos de dereita e conservadores en escenarios electorais máis complexos, como Arxentina e Perú, que concorrerán a comicios presidenciais no 2011.
As dificultades do goberno de Cristina Fernández de Kirchner na Arxentina poden dar curso a unha variación política o próximo ano, co impulso de candidatos de orixe empresarial como Mauricio Macri (actual xefe de goberno da capital Bos Aires). No caso
peruano, a dereita pode potenciar a candidatura de Keiko Fujimori (filla do ex presidente actualmente en prisión por violación de dereitos humanos) en detrimento de candidatos de esquerdas de corte máis populista, como Ollanta Humala.
Outros escenarios son Colombia, Brasil e México, que irán a eleccións presidenciais entre 2010 e 2011.
Á espera de coñecer se finalmente o mandatario colombiano Álvaro Uribe Vélez se presentará aos comicios de maio próximo, con grandes posibilidades de triunfo para a dereita incluso no caso de postularse o seu “delfín” Juan Manuel Santos, Brasil pode rematar en outubro próximo a “era Lula” e do gobernante Partido dos Traballadores, no poder desde 2002, co triunfo da candidatura de José Serra, do PSDB.
México constitúe un caso particularmente significativo porque, trala transición post-PRI ocorrida en 2000, pode presentarse un retorno deste partido político ao poder en 2011. Ante os intentos do gobernante e conservador Partido de Acción Nacional (PAN) de promover un candidato presidencial, o Partido Revolucionario Institucional (PRI) afianzou no 2007 unha notable transición no seu liderado baixo a presidencia de Beatriz Paredes, con amplas perspectivas de alcanzar o poder, igualmente configuradas en torno ás dificultades do Partido Revolucionario Democrático (PRD), en especial ante o debilitamento da posición política de Andrés Manuel López Obrador.
Países onde goberna a esquerda como Venezuela e Nicaragua tamén irán a eleccións lexislativas e presidenciais entre 2010 e 2012. A revolución socialista e bolivariana de Hugo Chávez en Venezuela medirá de novo as súas forzas nas eleccións lexislativas de setembro próximo, condicionadas polos intentos de consolidación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), cunha oposición que tenta renovarse e cun contexto de dura recesión económica.
Todo isto influirá nas presidenciais de 2012, onde Chávez se presentará de novo á reelección.
Nicaragua tamén irá a eleccións presidenciais en 2011, enmarcadas nos intentos de reforma legal e constitucional do presidente sandinista Daniel Ortega para optar á reelección, que poden polarizar e tensar o ambiente político nicaraguano nos próximos meses.
Pola súa banda, outro país centroamericano, Costa Rica, celebrará en febreiro de 2010 unha novas eleccións presidenciais, con amplas posibilidades de triunfo do gobernante e socialdemócrata Partido da Liberación Nacional (PLN), de Laura Chinchilla.
Tendo en conta a perniciosa referencia do golpe de Estado en Honduras de xuño de 2009, que deron paso a unha eleccións con amplos vicios de ilexitimidade, países como Paraguai, Bolivia, Ecuador, Guatemala e, incluso, Venezuela, poden verse fracturados por escenarios de inestabilidade e reaccións contra os procesos de cambio cara a esquerda, complicando así os logros democráticos alcanzados por América Latina a partir de 1990.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES