Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manolo Casanova, Sábados de Gloria

lunes, 01 de febrero de 2010
Manolo Casanova, Sbados de Gloria (A Manuel Arias Casanova -Manolo Casanova-, finado o 29 de xaneiro de 2010)

O metro ía contigo,
o metro e a túa fala
tapizando de sorrisas as palabras.
Sábados de gloria; domingos anubrados.
Cinco días dun ferver nun só sentido.
Así andaches trazando o teu camiño.
De cores, amigo; a golpes de tesón;
a forzas puras; a ábragos de inxenio
de ocorrencias imposibles
feitas tanxibles e reales
aneladas en garzos de imaxinación.
Barrio Feixóo, Os Miñóns, A Milagrosa;
A Rúa do Cantábrico; Ramil.
E máis acó, en tempos achegados,
ao norte e ao sur de Lugo,
sorteaches trancos, lodazais e croios.
Pon un tapizado inmenso aí.
Nese teu horto no que están os invencibles,
idea camiños, alaceas, armarios embutidos,
dormitorios de película,
talas de madeiras de cerna dura,
cortinas, edredóns e porcelanas,
estrelas de luces lumiantes
cestos de vimbios e de xuncos
e ornamentos de formas incríbles.
Nese teu horto infindo.
Nese teu horto, incontable de mesuras,
sen arrós, nin valados, nin estremas.
No horto raiado pola lúa,
no horto do río de auga morna,
que pasa compoñendo un cantar indescritible
Mentras ti, co metro, vas medindo,
por se che cabe algo máis
no recuncho da ventá grande,
pola cal se miran os feitos e as vidas
dos que van chegando o horto grande.
Manolo Casanova: non coñecín a ninguén
que adverbiase tan ben a negación,
conxugando o abverbio en conxunción,
rezumando señorío, humildade e condición
nun “sí”, nun “non” non excluinte,
nun “pode ser”, nun “máis adiante”
Exento de soberbia.
Sabedor das vértolas do mundo,
sabio de saber que os tempos mudan.
Este ser, persoal e exclusivo, non se herda,
vai en ti, contigo foise,
no teu sorriso humanizado.
Condición que nace ou non
e que se amasa a sangue
en regos do arado,
labrando, apretando a rabela,
a pingas de suor e de fatigas,
en sulcos enlamados,
en reveses de xeo,
en froitos recollidos...

En fin, Manolo Casanova,
que vives na horta floreada,
das rosas permanentes,
dos fentos moles,
das herbeiras perennes,
da froita en paraíso,
das mimosas arrecendedoras,
dos piñeirais mestos,
dos carballos solemnes,
dos salgueiros grises e dereitos,
que orlan os carreiros
vereando de verde olivareiro
o grande río que non desemboca
en ningunha parte.
O río das augas que che cantan
para que teñas gloria sen fin,
en semanas sen principio nin remate.
Semanas de sete sábados:
Sete sábados, sete, sempre sete;
multiplicados por sete.
Por sete, por setecentos sete.
Por setecentos mil,
por setecentos e millóns de setes
sen atopar o cabo da arimética,
sen encontrar o concluir
dos gloriosos sábados.
É dicir, Manolo: eternamente ben,
en inmortal descanso merecido.

Este escrito, Manolo Casanova,
foi escrito por ti e para ti.
Se me preguntaras:
¿por niguén máis...?
Eu diríache: seguramente, sí;
para que agachalo,
que ó fin, sen pretendelo,
a escrita sae segundo nace dos adentros
e, das raíces déstas,
rezuman afectos de irmán e camarada,
que non se poden nin se queren arredar.
Quedan patentes inevitablemente.
..............................................
Sí; tamén para a dona coa cal viviches
de amor en compañía.
¡Fundamental, ben certo é!
Sen éla non terías os sábados de gloria,
serían de corrido semanas redobradas.

¿Verémonos?
¡Non se sabe, Casanova!
A horta na que estás é infinita,
e por ilimitada e exclusiva,
ten o seu chegar e o seu camiño
marcado no sino inescrutable do destino.

Manolo Casanova, amigo;
amigo-irmán polo azar, do amigo; amigo:
Deseña, por un caso, un marco,
un poio; unha bancada.
Un lugar para sentar cando un se vaia.
Se pode ser a carón do río cantadeiro
para oir a cantiga que che cantan
as augas doces, os xilgueiros,
os pardais do trigo,
os grilos do verán, os vellos muiños,
as rulas, os cucos;
o chantar do vento
nas pedras da muralla,
o croar das rás das Illas das Saamasas,
o aire, que respira aire,
da mesma Piringalla;
as touzas de Ramil,
a costa de Nadela,
os amieiros do Rato;
os soños que cantan soños
nos redondos castros.
Todos nun luar de sete lúas.
Todos nunha sinfonía
sabida de memoria
sen partitura algunha.

Manolo Casanova; amigo:
Amigo-irmán polo azar,
do amigo, amigo;
o metro foi contigo,
o metro e a tua fala
tapizada de sorrisas e razóns.
...O metro e un corazón...
Nun home de ben, en tres palabras.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES