Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Romance de Don Gil de Sotrondio

martes, 19 de enero de 2010
Romance de Don Gil de Sotrondio Do Norte ao Sur, e do Leste ao Oeste, se hai algún manancial que sexa inesgotable, co futuro asegurado, manando máis no verán que nas propias invernías, por paradoxal que pareza, ese é o Turismo Motorizado: tren, barco, avión, automóbil... Só ten de malo que serven H2O en botella, aínda que peor podería ser se nola deran, directamente, da billa! Vén isto a conto de que, como bo galego, que por tal me teño, funme aos vales, ás rozadas pirenaicas, aos Roncesvalles, e alí busquei as pegadas do cabalo de dom Carlos, o Grande, o Magno, para entendernos. Convencido de que aquel rastro apuntaba a Compostela, montei no meu auto, ¡por falta de cabalo!, que ten non sei cantos HP, -¡Carlomagno só usaba un, un cabalo, de cada vez!-, e seguidamente dinlle á espora; quero dicir, ao acelerador. Con isto peguei un urro, tan forte ou máis có daquel Rolando: ¡Ultreia; esperade por min, que xa vou!

Cheguei ao Campus Stellae no mesmo día; ¡en seguida! De aparcados, abrín os cóbados e funme á Porta Santa, pois de cóbados abertos ninguén me pasaba diante! Despois diso dinlle as apertas regulamentarias ao Patrón. ¡E quedei perdoado, coma os outros! ¡Que menos, pois agora, tal e como anda o mundo, xa non hai pecados; ou por mellor dicir, só hai un: o da soberbia globalizada! Pero, ¡ai de min!, que con esas técnicas só satisfixen a sede espiritual, que non a outra, degoirando por aquelas fontes de montaña do recorrido peatonal! Nese antollo o lóxico era volver aos Roncesvalles, e tornar, desde alí, a pinrel batido, mais pareceume excesivo para os meus anos, así que fun en bus, pero só ata Oviedo, para encomeza-lo Camiño Primitivo cabe El Salvador, tal e como fixo aquel Rei da vella Gallaecia, o noso Afonso II!

Anda que te andarás, de Este a Oeste, ¡igual có sol!, din chegado ás ruínas do Hospital de Montouto, nun día bo, un serán deses nos que ata as pedras se rin. Alí topei cun mozo de vacas, que para confundilo cun cow-boy só lle faltaba o cabalo. Achegouse a min. Era a prudencia personificada, tímido incluso!

-Mire, señor, desculpe, pero estou nunha necesidade perentoria: Acabo de herdar, e requiríronme os da Facenda para que lles pague as Sucesións… ¿Sabe que é iso?
-¡Que máis quixese eu que volver a herdar... para pagalas dúas veces!
-O caso é que din con este manuscrito nas gabetas de meu pai, e como vostede, con eses antollos, e coa solemnidade dos seus andares, tal parece un letrado moi letrado...
O caso era grave, e logo que me colleu débil, así que, sen receo, ningún, despreguei aquel papel de barba: sucio, cheirando a humidade e a séculos, que máis que procedente dunha gabeta parecía retirado do poleiro das pitas... Nin case lle rebatín, que aquilo era unha auténtica bicoca, un curioso Romance, ao parecer inédito!
Por favor, non vos riades de min, que non fun o único inocente: Camiño adiante, nunha pousada de Castroverde, dispoñéndose a cear segundo ían chegando, dez peregrinos, ¡dez!, e todos facendo por ler, e por interpretar, cadanseu exemplar do Romance susodito. ¡Do mesmo, idénticos! Xa que fixen tal dispendio, amén do esforzo de pasalo ao ordenador para facilita-la súa lectura, aquí o tedes, que deste xeito aforrades de mercarllo ao estudante, ao Vaqueiro... ¡un Vaqueiro máis ilustrado cá Vaqueira da Finojosa!

Valeume o San Salvador
e tamén a Virxe María;
valeume o Señor Sant Iago,
inimigo da mourería.
Ansí fablou Rei Afonsus,
que Secundus El reinaría,
Casto de nome e de feitos,
cando volveu da correría:
Os mouros alí quedaron,
exsangües, ¡e sen feridas!
Morreron de medo e do frío,
mortos de morte morrida.
Tras deles ía un cabalo
polo Pajares arriba,
e cabaleiro Sant Iago
sen estrobos se sostiña.
Gozoso da súa vitoria
e sen mouros na serranía,
El Rei Afonsus Secundus
platicou desta guisa:
A vós, don Gil de Sotrondio,
cabaleiro de gran valía,
encoméndovo-los votos
que ao Campus Stellae eu faría.
Iredes coa miña Corte,
tres ducias, en cabalerías;
iredes por bo Camiño,
pola romana de Gigia.
Egeria do Berducedo,
vosa amada compañía,
coidará das dez doncelas
que votaron solteiría;
e aló, na Compostela,
gran convento lles daría,
para que poñan luz acesa
ao Sant Iago e á Santa María.
Para face-los trinta e seis,
vintecatro cabaleiros,
rexos, fortes e varudos,
todos eles espadeiros.
O tesouro sarraceno,
desde hoxe santiagueiro,
levaralo nas acémilas,
nestes sacos fareleiros,
que ansí disimularedes
cos bergantes camiñeiros.
Ordeno e mándovos, don Gil,
poñervos decote ao roteiro,
¡non sexa que o Magnus Carlo
faga vía polo Cebreiro!

Ficieron unha parada
en Berduceo, no muíño,
e nestas, o irman de Egeria
aprestouse a seguilos.
Unha legua non levarían
cando unha das virxes
de selo cansou,
e daquela o Berducedo
namorouse dela, ¡e casou!
Polas Grandas de Salime
outra virxe esmoreceu.
¿Cal é a vosa inquietude?
¡Señora, ese pastor..., é meu!
Con oito daquelas mozas
á Fonsagrada chegaron,
mais, como é terra frida,
¡outras dúas namoraron!
¿Que lles podemos dicir,
ou qué podemos facer?
¡Déunolas o Rei Casto,
e castas eran, as dez!
Meu Gil, Señor de Sotrondio,
e meu amo e señor tamén,
¡eu podo responder por min,
ca non polas virxes dez!
Ao pasar polo Castro Verde,
que eran as festas de Sant Iago,
para evita-lo perigo
metéronas, núas, en sacos,
¡dicíndolles aos castrexos
que eran xabarís cazados!
O malo foi que aquel Conde
quixo cobra-la portaxe,
¡e quedouse con dúas virxes,
ás que deu Pena e Bolaño!
Doéronse daquel percance
por San Miguel do Camiño:
¡Con tan pouca cera virxe
non se fai un lampadiño!
En Lugo convidáronos
alí no pazo do Bispo.
¡Gran cousa foi o convite,
moitas lebres e bo pisto
Cando espertaron da cea,
e lles volveu o sentido,
dúas daquelas virxes fóranse
cos frades, cara ao Miño.
Seica fundaron dúas aceas:
Unha, a do Rei Chiquito;
e outra, que lle din da Olga,
¡Olga, a de frei Benito!
Saíron de Lugo tristeiros,
fracasados na misión,
e chegados á Retorta
invocaron ao San Ramón,
cando que era San Román
o patrono da poboación.
Con tal trema de remorsos,
tanto medo e confusión,
tanta cegueira na escolta
e malograda a Fundación,
acordaron casa-las dúas,
¡e que ficiesen criazón!

Desta guisa fablou don Gil
cando a Compostela chegou:
Dez virxes me deu Afonsus,
e traelas ata aquí mandou.
Iso cumprir non puidemos,
tal e como El sinalou;
iso cumprir non soubemos,
ca ninguén de pecar librou!
Esas virxes, de desvirgadas,
quedáronse polo Camiño,
pero, co tempo, cos anos,
Patrón, terás peregrinos;
tera-la ruta poboada de afillados,
¡e ti de Padriño!

Cando El Rei Afonsus se enterou
do bo servizo que foi feito,
aledóuselle o corazón,
ca non lle cabía no peito.
Deulle as grazas ao Patrón
e loouno deste xeito:
Señor Sant Iago,
¡que milagre!
Con dez virxes fermosotas
repoboáche-lo Camiño,
¡desde Ovetum ás Retortas!
Señor Sant Iago,
¡que milagre!
Ti, co teu cabalo brioso,
e os mozos facendo das súas
¡xa temos Camiño glorioso!
Señor Sant Iago,
¡que milagre!
Pasarlle diante ao Carlo Magno,
pois el, e mais ten francesiñas,
¡inza menos que un Rei Casto!
Aquí remata a historia
do Cabaleiro Sotrondio,
¡que perdeu dez asturianas,
sendo de Afonsus Mordomo!
Seu Rei seica lle perdoou,
mais no Ceo custoulle entrar,
¡que o esperaban as Dez Mil,
dispostas a se vingar!

Publicado no núm. 41, de ADIALA, 3er trimestre do ano 1.999.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES