Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os pendellos de sempre campar

viernes, 15 de enero de 2010
Os pendellos de sempre campar É unha sorte poder ir e vir aínda polos espazos que un comparte. Son de seu e de noso. Son amigos. Son famila. Velaí Agolada e o seu carisma: moito acó da súa prehistoria e moito aló do 2010 que peta na porta de avancar cara ás diversidades, que son riqueza.. Neste punto das cronoloxías sebreviven os Pendellos, amigos residentes dunha arquitectura de feira antiga. Esmorece a feira e Eles resisten.
Regreso nestas datas primeiras de decembro e vexo que están no Clínico-en dicir do mundo labrego cando visitan por obriga o CHUS de Compostela, na procura da saúde-Nas intemperies, na necesaria intervención de implantar a tubaxe do saneamento. Calquera que se achegue á vila pode saber das ruelas centenarias de terra batida que foi paseada polos pés das nosas tribos da montaña e da ribeira, punto cernal. Velaí a certeza do escribán Manuel Ramón Varrio y Losada en atraer a feira cara ás equidistancias. E todas e todos viñan polos días 12 dos tres séculos, a feirear de cedo e sempre campar; que é coma dicir estarmos orgullosos do noso ser galegos, esa identidade irenunciábel dende xa.
Mais... teño un medo, case pavor, no meu tempo reflexivo de arestoras. Pode suceder, aínda non sucede sobre as vísceras ao aire, que os espazos das ruelas e da praciña da Randulfa muden para sempre en lousa nova e labrada na modernidade das maquinolas ao uso (abughardar, amansar, pulir...). Terror! Os meus pendellos da memoria feliz, aínda sendo dura a nosa infancia e adolescencia, poderían non ser calzados coa pedra de seu humilde, aquela que os pedreiros insomnes polo tanto traballo de arrincar e compoñer, trouxeran dende os ventres abondosos que na contorna hai, coma no Campo do Xastre, que está aí, ao carón. E esa enxurrada, ese lifting, varrería para sempre aquela identidade, que é de respecto e de historia polo singular, polo cadrante da fermosura e do sinxelo: pezas únicas dun tempo de convivios, para que a Terra saiba, aprehenda do pragmatico dos encastres das nosas vidas coa paisaxe, sabedoría e ciencia, antropolóxica tamén.
Aínda confío que as horas mailos días que axiña han vir para remate do labor dos ceruxáns que implanten polo sochán as canles desta marabilla identitaria non perdan o pulso mailo siso. Restaurar é moito máis difícil que facelo novo unha e outra vez. Seino. Nin tampouco vale a escusa dos visitantes minusválidos, da meirande consideración. Hai espazo onde abeirar os seus carrís. “E se non hai búscase!”, que dicían de antigo os canteiros sabios de labra e de arte. Vai de axiña este comentario para a reflexión. Por se o tempo non recúa e aínda é.
Vázquez Pintor, Xosé
Vázquez Pintor, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES