Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia de Xénero

martes, 12 de enero de 2010
Violencia de Xnero O día 28 de decembro do ano 2009; día dos Santos Inocentes, fosen femias ou varóns.

¡Canto sentín que ese Bonxe non estivese máis lonxe! O caso foi que, ao pasar pola autopista, lembrouse a miña dona de que igual quedaría ben un pucheiro no remate do noso refuxio de montaña, segundo era tradición na bisbarra, así que nos desviamos no cruce de Castro para encargarllo á oleira de Bonxe. Xa alí, tivemos que agardar pola artista, que estaba a tal momento dándolles clase de "Manualidades" aos presos; e cando volveu, non sei se por orde de Deus ou por tentación do diaño, tiven a ocorrencia de preguntarlle polo "Asturiano".
O tal Asturiano, que sempre lle chamamos así, era fillo duns ídem, grandes amigos nosos, e criárase en Gijón, na porta contigua, na década dos sesenta, onde coincidimos con seus pais, clientes do Banco, e por engado, bos veciños. Sempre lle tivemos un gran afecto, e non só pola vella amizade, xa que nos parecía un rapaz modélico. Soubéramos pola prensa que foi acusado pola súa muller, unha luguesa, diso tan de moda que chaman, non sei se de bo ou de mal nome, "Violencia de xénero". O caso é que non nos entraba na cabeza que aquel rapaz, con tan bos principios, acabase de mal home, sendo esta a razón do noso interese polo seu caso. A Oleira ofreceuse amablemente para acompañarnos, e para obter unha visita aínda que fose a deshora, así que aló fomos, que cerca quedaba, dispostos a darlle unha aperta; quere dicirse, a pregarlle que fixese propósito de emenda para que saíse rexenerado, en ben seu e por tranquilidade de seus pais!
-¿Emenda, eu? ¡Non me fagades rir! Estou aquí simplemente porque lle din uns azoutes á miña muller...; ¡iso si, con estas mans honradas, que teño un taller de traballa-la pedra, e dou exemplo...!
_Deixounos descolocados:
-¿Pero..., houbo un xuízo, non si?
-¡Subseguinte á súa denuncia, por suposto! Resultóume unha folgazana...
A miña, defendendo as súas conxéneres:
-¡Iso non cho admito, que nunca Profesora houbo que non fose activa, activa e responsable!
-Agarda, que non rematei: Por se fose pouca cousa a súa preguiza, polo menos na casa, resultou tan mentireira e tan inútil, estéril incluso, aínda que isto último non sexa un defecto en si, que deu en celarse de cantas rapazas competentes pasaban ao redor meu; con este ambiente, estaláronme os nervios, e.., non sei se un mal día ou un bo día, farteime das súas intrigas e das súas indirectas, así que a collín no colo, pero boca abaixo..., para abaixala dos seus fumes!
-¿Só iso? -Increpouno a miña.
-¿E logo, cómo lle ía dar os azoutes sen poñela boca abaixo? Se cadra dinlle algo forte, pero en todo caso o médico de urxencias non lle houbese diagnosticado traumatismo de nádegas se non fose porque chovía sobre mollado, que as tiña encetadas de tanto sentarse no primeiro que atopaba! Para que teñades unha idea: ¡incluso levaba o periódico para o inodoro, e alí, de sentada, comezaba pola primeira e remataba na última, anuncios incluídos, pero onde máis tempo perdía, ou gañaba, era coas revistas de folletín, que as refollaba ata o punto de memorizalas!

Mediou a miña dona, unha vez máis, avogando polas súas conxéneres:
-¡Non esaxeres...! ¿Tomábaslle a lección, acaso?
-Non facía falta, pois a continuación colgábase do teléfono e explicáballes ás amigas, unha por unha, quén era o último marulo de Fulana, de Mengana e de Zutana. ¡O que vos digo: unha periodista honoris causa! Por certo, xa que viñestes para verme, vouche pedir un favor...
Malo cando un amigo, ou o fillo dun amigo, che solta iso de "vouche..." Quixen atallarlle:
-Mira, ho, ben sabes que te temos en alta estima, pero chegas tarde: primeiro, porque xa estás xulgado; e segundo porque, aínda que non estiveses, agora xa non se estila aquilo de unta-lo carro. ¡Tratándose de Lugo, menos aínda!
-¡Frío, frío! Como ben sabe esta profesora de cerámica, tamén nos dan clases de informática, e eu, que lle preguntei a meu pai pola entrada do teu blog, leo os teus disparos. Non é que fagas diana en tódolos escritos, pero, cando ese mecánico dos coches da Fonsagrada, que tamén foi amigo de meu pai, confiou en ti para que lle subises as súas Memorias, eu non quero ser menos!
Aquilo púxome nun brete:
-¿Tamén escribiches..., iso..., Memorias?
-Non exactamente. O que che pido é que mas escribas ti, facendo que me entrevistas. Farémolo por unha boa causa, como recurso para promover unha nova redacción desa Lei de Violencia de Xénero...
-¿Por, e para?
-¿Aínda non o tes claro? ¡Deixaron aos homes indefensos, que precisamente por indefensos collen a tranca..., ou, como mínimo, dámoslles azoutes! A esa Lei fáltalle un articulado que trate das intrigas femininas, das súas tremoias e das súas provocacións, armas impunes de alta rendibilidade, aínda que cun elevado risco persoal pois non tódolos maridos desesperados se conforman con darlles unha azouta!
Poñédevos no meu caso, que chegas do traballo con ganas de atopar comprensión e ánimos, pero os dela eran contradicións ex cathedra, filípicas de quen todo o sabe e todo o entende. Mirade que lle teño dito: "Ti es especialista no teu, no que ensinas, pero mestre é máis que profesor, e aí tes a Cristo, o Mestre dos mestres, manso e humilde de corazón". ¡Como nada, infalible, sempre infalible, máis papista có Papa!

O Asturiano aínda deu máis queixas, pero as outras dounas por veniais. O caso foi que este Asturiano colleume débil, débil e desprevido, así que lle aceptei o encargo, e aquí me tedes disposto a teclear esta serie de apuntes, pois xa vedes que estou facendo de "negro" dun preso. ¿Unha obra de caridade? ¡Dubídoo! É certo que el parece ter esta necesidade, a de abri-lo peito, pero eu teño ocupacións e temas de sobra como para ocuparme de algo no que non sei discernir onde está a verdade, ou onde prevalece o subxectivismo. En todo caso a miña submisión é tan absoluta que incluso non lle dixen, e debera facelo, que actuar de periodista sen selo é, ou pode parecer, como pouco, unha usurpación de funcións. ¿Periodista, eu? En certo modo, xa que fun un homólogo, que non hai periodista que tanto se esforce por chegar ao fondo da mentalidade dun entrevistado como nos ocorre aos directivos da Banca cando precisamos analiza-la situación, a solvencia, moral e material, dun cliente. Nos meus tempos de actividade profesional teño arrincado segredos que nin ao cura llos houbesen contado, pero iso foi daquela, para gañar o pan de cada día, o meu, e co meu, o dos meus fillos, pero agora, de xubilado, o menos que merezo é un descanso definitivo, a ser posible, xubiloso.
Outra das miñas debilidades, das miñas negacións, foi a medicina, e iso que o meu parente, aquel doutor Luís Vilabella, cando soubo que estaba estudando de maior, díxome en certa ocasión que se pedía unha excedencia no Banco, e estudaba Medicina, que contase con herda-la súa consulta. ¿Médico, eu? ¡Antes cura! Un médico que por tal se teña debe ser capaz de cura-los espíritos, pois as enfermidades do corpo, esa debilidade das funcións vitais, eses fallos nas defensas do organismo, parten, ou arrancan, ou se deben, en gran medida á nosa impotencia fronte ás debilidades e fraquezas do próximo, dese próximo atordante e atorrante que nos complica o vivir cotián, normal. O problema non soe estar na debilidade intra da persoa, senón en que esa debilidade resulte incapaz de parar os croques que reciba, pois para iso nin o judo vale. ¿Onde se estuda isto?, me teño preguntado. Sego sen sabelo, pero algo me di que esa ciencia, ou esa virtude, ou ese defecto, que xa di o dito, "Home/muller, se queres ser feliz, non inquiras, non analices", que na linguaxe actual podería traducirse por, "Se queres ser feliz, cultiva o pasotismo, pois nel está a meirande das anestesias", só pode tirarse dunha educación responsable, seguida dunha madurez igualmente irreprochable.
Para seguir, saquei de bolígrafo, pois o papel tíñao el, o Asturiano.
-Ben que me fodes, pero, xa que insistes, comecemos. ¿É que non foi virxe ao matrimonio, ela, a túa interfecta?
-Diso do hime, si, salvo que o tivese operado, que din que tamén se fai, que xa se deron casos... Do que non estaba virxe era da inocencia, que xa se consultara, e dixéranlle que, en uso normal de matrimonio, non tería familia, aínda que había certas técnicas... ¡Pois ben, todo iso ocultoumo!
-¡Corresponde á intimidade da persoa...! -Interrompeunos a miña dona, masónica coma a que máis niso de avogar polos débiles, ¡que neste caso igual era a favor dos fortes!
Pero o Asturiano non se mordía a lingua:
-Vosoutros, que nacestes nunha aldea, coma a maioría dos vellos, recordaredes que sempre foi admisible a devolución de toda res transmitida con defecto oculto. Eu, daquela, tiña outra noiva, que xa tivera un fillo bravo, e por tanto estaba capacitada; de coñecer o segredo destoutra, houbese preferido criar rapaces de dous pais..., que polo menos un deles sería meu! ¿Vasme seguindo, apuntas?
-¡Sigo, home, sigo, pero isto teu vai resultando unha novela de folletín, e moito me temo que non a podamos cualificar de "Novela ejemplar", como se fixo con aquelas de don Miguel...!
-Exemplar, ou non, este é un caso real, e non eses reality shows que nos dan na tele, ¡que en moitos casos están amañados! e logo que as obxeccións deben incumbirlle ao meu posible lector, ¿non cres?
-¡Mira que me causas un descrédito se me presto a escribir imaxinacións túas!
-¡Iso, miñas, así que ti, relata refero..., pois a responsabilidade por suposto que é miña, absolutamente! Pero volvendo ao miolo da cuestión: Se será retorcida que, meses despois de casados, en vista de que o noso non funcionaba, levoume ao médico para que me analizase a pretexto de que lera non sei onde que abundaba a esterilidade masculina... Acepteille, e pasei por esas, sen esixir reciprocidade, manso e humilde que son, ¡ou que me fixo ela, acaso hipnotizándome!
Aquí si que cedeu un tanto a miña dona, testemuña de canto me ía ditando o preso:
-Paréceme xusto, xusto e práctico, que vos analizasen aos dous, e despois diso...
O Asturiano, que son así de abertos e de rotundos, non a deixou terminar:
-¡Claro! Pero tardei en abri-los ollos, que só o fixen tempo adiante, segundo me viñeron ao entendemento datos e indicios, certas contradicións que me pasaran desapercibidas. A xogada ía resultarlle maxistral se o médico me dese, ¡a min!, por estéril, pois daquela, con botarme as culpas, ela, ¡unha vítima!
-Fala amodo, rapaz, que todo isto, segundo mo estás dicindo, con présas e así de excitado, non hai taquígrafo que cho colla, e as miñas abreviaturas están algo esquecidas de tanto tempo sen darlle a isto das gamas... O próximo día, se non rematamos hoxe, vou traer unha gravadora!
Tomoume a choteo, e púxose a referir arrastrando as verbas, como se lle ditara a un neno. ¡Debo ser idiota, xa que tantas lle aguantei! ¿Por qué o fixen, por qué seguín? Coido que foi por facerlle caso ao aforismo de que, In dubido pro reo!
-¡Isto último téñollo perdoado..., para que Deus me perdoe a min, que tampouco me dou de ser perfecto! Se cho conto, se o lembro, é para que non falten datos nesta proposta dunha nova lei, na que sería esixible unha análise por psicólogo, ou nunha máquina da verdade, para que o xuíz reaccione atido ás circunstancias concomitantes, subxectivas, de cada caso. Mira, aquí teño a Biblia, que ma prestou o capelán coa intención de que reflexione niso de "Compañeira che dou, que non serva; trátaa como fai Cristo coa Igrexa".
-Iso significa, con tolerancia; con recíproca tolerancia, no caso matrimonial. -Sentenciou a miña mestra, pero o Asturiano ía embalado, e nin sequera colleu folgos.
-Eu, obediente que son, ¡que era, ata que me exasperou!, fun máis lonxe, que baixei ao Xénese. Si, aquí está: "Coa mesma, colleu do froito e comeu; logo deulle ao seu home, e tamén comeu". O que non di a Biblia, pero é de toda lóxica, é que o pecado non ten efectos retardados: ¡existen, prodúcense, no intre mesmo de cometelos! Daquela, cando lle ofreceu a mazá, ou o que fose, ao seu Adán, ela, Eva, xa percibira a experiencia de que o froito tiña contraindicacións; ¡porén, insistiulle, e menos mal que se lle quedou media mazá na gorxa, neste saínte que temos os homes, pois diso nos vén!
Naquel intre da entrevista eu non sabía se rirme ou chorar por el, ¡meu pobre!, así que me limitei a argumentar:
-A Biblia ten un senso metafórico, que serviu para adoutrinar os antigos, os incultos, pois os cultos xa sabemos, e a ti téñote por tal, que Deus, bondade infinita, se pon condicións, sexan en forma arbórea, ou sexual, ou a saber cómo, cándo e onde, é para que fagamos méritos, para que exercitemos o noso libre albedrío...
Atalloume, atropeladamente:
-¡Corto e cambio, que xa sei que mas teño cun teólogo de certa altura! Agora paso a dicirche o meu gran fallo, meirande có de Adán, pois el vivía á luz do sol, naquel paraíso, ou cómo lle chamasen! ¡Namoreime do seu cheiro, e para iso, na escuridade! Digo mal, que non foi exactamente na escuridade senón no escintileo cegador das luces alternantes dunha sala de festas... Noivados eran os de antes, sempre de día, fose feira ou festa. Naqueles tempos, por miope que foses, ollába-la res, e se tiñas dúbidas, visitábala na casa, vestida de cada día. O meu foi na romaría, e para iso..., ¡o que che dixen! A condenada estaba en oferta, cheirando a "Maderas de Oriente", ou a "Rêve d´Or"...; me parece que ás dúas cousas, así que me acheguei a ela coidando que tiña ante min unha Scheherezade!
A miña, todo orellas, que así se puxo en toda a entrevista:
-¡Estívoche ben, por Sultán! Demostraches ser máis Sultán que aquel can que paseaba teu pai polo monte da Providencia, alí en Gijón, que ata me parece lembrar que lle chamaba así.
O Asturiano, nin con esas; ¡non se acovardara nin ante o Fiscal do seu xuízo, que así o perdeu, acaso por contradicirlle!
-Que a muller é intelixente, xa o sei; que ten unha memoria de elefante, sempre disposta a rememorar aquilo que nos poda amolar, tamén; pero aínda hai outra virtude, na que reparei por culpa túa, que llo contaches a meu pai cando estivestes en Asturias: ¡Que deixou de haber diferenzas na caixa dos Bancos desde que entraron mulleres! ¿Lémbraste? O que non dixeches, daquela, nin eu souben ata que veu a miña separación, é que as mulleres, aínda que choren, aló por dentro son impasibles, e impórtalles un carajo que a cola da ventá chegue ata a mesmísima porta de entrada. ¡Esa é a súa arma secreta! Non estou por iso de que dúas tetas tiren máis que dúas carretas, pois elas tamén se espapallan cando teñen un home diante, mais cunha diferenza: que nós somos débiles, e caemos, mentres elas aguantan, e aguantan, e aguantan, sen derreterse. ¡Elas nunca teñen "gatillazos", que mo dixo un médico!
-Mira, ho, de médicos non me fales, pois o teu, o teu interese, a tal momento, que iso me dixeches, ten unha finalidade xurídica: Sentar as bases dunha reforma, séxase protestante, ou luterana, segundo prefiras!
-¡Vale, vale! Esquecíame que ti es un ex-bancario, e por ende, un pragmático... Pero teño aquí a Lei, ¡que a merquei tarde, pero lina! Vaian por diante algunhas emendas que xa teño anotadas: Artigo 1.1- "... la situación de desigualdad y las relaciones de poder de los hombres sobre las mujeres..." ¡Porras! ¿Onde está esa desigualdade, eses poderes, nestes tempos en que as mulleres tanto exercen de albaneis, como de gardas, ou de ministras do Exército..., e incluso aprenden judo? Todo iso ante uns homes que lles seguen chamando, "Miña dona"! O único poder que lles falta, sexa físico ou moral, é misar, e para iso téñeno cerca, que xa reparten hostias!
A miña non puido conterse e berroulle:
-¡Animal, sacrílego!
-¿Eu? Está ben, retíroo, pero aquilo de hostis, se mal non me lembro, tamén significa inimigos..., que a iso me quixen referir!
Non era así, pero, ante un preso, ¿que menos que permitirlle algún exabrupto? Un asturiano non se corta nin ante o moro Muza, así que este, tampouco:
-No punto 2 afírmase que se trata de, "...prestar asistencia a sus víctimas". ¡A única asistencia que recibín foi a de contar cun avogado de Oficio, e para iso, un rapaz que chegou ao xulgado acompañado da súa noiva, á que lle deu un bico segundo entraban, pero ela, impasible, nin llo devolveu!
-Anda, le ben, que aí refírese á muller en canto vítima!
-¿E logo, eu, que fun obxecto dunha provocación reiterada, sostida, cotián, non encaixo nesa cualificación? ¡Mal entrevistador es ti, que todos adoitan enxalzar ao entrevistado, sexa home ou muller!
Como igual tiña razón, calei, deixándoo que perorara. A dificultade estaba en que me fixera escribir ao seu ditado; ¡ou iso, ou nada!
-No 3 hai unha terxiversación, xa que di, "...todo acto de violencia física y psicológica...", pero dio a continuación de, "La violencia de género a que se refiere la presente Ley..." ¡Cortizos! A Lei encabézase afirmando que os seus motivos van encamiñados ás relacións de poder dos homes sobre as mulleres..., do que se segue que recoñece unha violencia unidireccional! ¿As mulleres, unhas santas, e os homes, uns diaños, forzudos e matóns? ¡Algún, si, pero todos, non! ¿Sabes qué che digo? ¡Teño a sospeita de que esta lei foi redactada ao son da marcha nupcial de Mendelssohn! Puedo prometer, y prometo..., hacer lo que tu ordenes, amada mía, tanto aquí como en el Congreso!
-¡Cínico, que es un cínico! -Espetoulle a miña muller, pero el seguiu impávido, obcecado, que é como adoitan estar eses homes que maltratan ás mulleres.
-Na miña defensa, -proseguiu, inmutable, -e como alegación, tiven a sinceridade de manifestar que as últimas verbas da miña muller, despois dos azoutes, foi chamarme louco, e vano, pero foime contraproducente pois o propio xuíz replicoume: "Despois dunha violencia, que nunca está xustificada, ¿que pretendía vostede, acaso un bico de parafusa?".
-¿E ti, qué lle contestaches?
-¿Eu? Máis ou menos o que diría todo macho: ¡Señoría, váiase a tomar por onde se comeza a face-los cestos! Apuntouno nun papel..., ¡e foise! Pero aos poucos volveu o Secretario coa sentenza firmada: ¡Tres anos de reclusión, e quédalle prohibido achegarse a menos dun quilómetro da casa onde fixe a súa esposa a residencia habitual!.
-Despois diso, ¿que lle dixeches ao Secretario? ¡Non lle soltarías outro taco!
_-¡Non; salvo que lle chames "taco" a desexarlle que teña a ben casarse coa miña ex, agora divorciada, xa que por tan excepcional a teñen!

Ao día seguinte a miña dona si que a foi, ¡que non foi!, autorizándome a volver a Bonxe, pero eu só, de paso que recollía o cacharro, que nolo ían ter vernizado e cocido.
-¡Este permiso é improrrogable: antes da noite, aquí, e escribe con luvas, pois ese Asturiano é capaz de contaminarche o seu machismo! ¡Canto dano se está facendo a si mesmo con esa febre de poñer por escrito os seus delirios de grandeza!
-¡De grandeza, non; de xustiza!
-A xustiza inxusta é un privilexio dos grandes..., e el non pasa do un setenta!

-¿Que; cómo estás hoxe?
-¡Peor, moito peor, pois acaba de saír o seu avogado cun papel que me fixo firmar autorizándoa a vender o noso Mercedes, que era de gananciais!
-¡Iso é un mérito seu, de boa administradora, pois un coche nun garaxe, tres anos seguidos, puro ferruxe!
-¡Nun garaxe estou eu, pero xúrolle a Deus que ao remate disto irei buscar aquela que tiña en perspectiva, a do fillo bravo, para facerlle dous ou tres, pois, por moito que me saquen, máis me queda, que eles non saben da miña caixa de seguridade en certo Banco, lingotes de ouro, e tamén brillantes en bruto! Pero isto non o poñas..., por se acaso!
(¡Claro que o poño, ou deixaría de ser imparcial!)
Isto de volver a Bonxe, é outro dos sacrificios que me trouxo a miña condición de ser home de palabra. O Asturiano xa me recibiu cun feixe de folios na man: ¡estivera preparando esta segunda entrevista meticulosamente, tanto coma un político, e iso que renegaba deles!
-¿E logo, qué; consultaches coa almofada? ¿Estes folios son a túa retractación...? ¡Mira que che convén facelo..., para que o teu amor volva a ser, iso, teu!
-Coa almofada consultei, e aquí están as miñas conclusións: Veño de redactar sendas propostas lexislativas para recolle-las firmas dos afectados, co seu preámbulo xustificativo e demais requisitos, artigos e cláusulas adicionais, para que os leguleios non se extravíen en desviacións subxectivas. Dúas, dúas leis son precisas para que o noso futuro sexa, iso, un futuro digno, pois a situación actual é propia de países amazónicos, séxase, rexidos por Amazonas.
-Entón, qué teño que facer? Anoto o que me digas, ou xa o tes redactado en forma de monólogo?
-Toma nota do que falo, do que che explico, que isto, estes papeis xa redactados por min, son o corpus iuris do asunto. Ante todo, cómpre reformar radicalmente esa mal chamada e mal concibida Ley de Violencia de Género, pois unha análise superficial do seu texto, do actual, leva á conclusión de que é moi pobre de redacción, pobre e nesgada, rozando, se non incorrendo, en desaforos constitucionais pola evidente discriminación que reflicten algunhas frases da mesma. ¿Ou é que xa non hai gramáticos no Congreso? Sequera en Madrid iso das redaccións téñeno fácil, que só traballan e viven en castelán.
Eu crearía, simultaneamente, as Sociedades de Convivencia Unisexual, pois iso de Matrimonio é fariña doutro saco. Unha sociedade, toda sociedade de Convivencia Unisexual, levaría implícito un modus vivendi, séxase un modo de vivir, arranxo, acordo ou transacción entre dúas partes, perfecta e rotundamente tipificado nas variantes de:
.Sociedades de Convivencia Unisexual con achegas individuais de bens, dos que se incorporaría un inventario para o seu retorno, ou equivalente en moeda actual, a quen se apartase ou a disolvese.
.Sociedades de Convivencia Unisexual sen achegas individuais, ou con achegas funxibles no patrimonio común, que terían sempre o tratamento de comunidades a partes iguais.
Disoltas estas sociedades, sexa uni ou bidireccionalmente, por acordo documentado, ou por falecemento dun dos integrantes, había que prever no Código Civil qué porcentaxe do seu caudal relicto iría parar a un Fondo de Asistencia para Menores Orfos...
Interrompino, pois esa nova estrutura xurídica caía lonxe do meu entender:
-¿Un Fondo de Asistencia para Menores Orfos...? No Dereito Comparado non existe esa figura, e por tanto, sería unha creación ex-novo, non si?
-¡Novas circunstancias, novas previsións! Xa que esas machorras, ou eses efeminados, se amontoan desa maneira gozando de tódolos bens da sociedade actual, pero negándolle brazos e cerebros que manteñan e acrecenten o progreso humano, séxase, a conservación da especie, principio e fin de tódolos seres animados, é xusto que, xa que non aportan voluntariamente, o teñan que facer a fortiori, contribuíndo por vía sucesoria aos gastos do Erario Público. ¿Enténdelo agora?
-¡Cómate nunca o diaño! Pola miña parte, e de aquí en diante, en vez de chamarte Asturiano, quedas bautizado co nome de Licurgo... ¡Amén! ¿Sabes qué che digo, e obrígasme a dar remate a esta entrevista de lelos...? ¡Dixen lelos, pero habería que engadir, de legos lelos! ¡Vas ter sorte, que seica están suprimindo os manicomios para transformalos en Centros de Asistencia Continuada!
O Asturiano, digo, o Licurgo, non se cortou nin un pisco, que me rebateu tronante:
-¡Pois é unha pena, que esas casas de Saúde Mental facían falta para encortellar a eses lexisladores témeros que non saben lexislar! Sigamos, así que volve a acender esa gravadora, que ben te vin darlle ao Stop!
As miñas leis de Convivencia recollerán tódalas desviacións imaxinables, e serán válidas, estarán en vigor ata o día en que vexamos os cans montados noutros cans, e as cadelas facendo o ídem coas outras cadelas, cousa que vai para largo!
-Querido Licurgo, téñote que interromper de novo pois teño a impresión de que non estás actualizado...
-¡Querido amigo, as túas obxeccións non teñen peso específico; nin peso, nin futuro! Ten en conta que coas miñas previsións evítolle ao futuro que algún día, nalgunha parte, a un gobernante ortodoxo lle dea por castrar a tódolos desviados deste país...
Volvín a interrompelo, cun chisco de esperanza en alumarlle:

-De presente, xa nin se capan os porcos, e ben que se nota despois nas carnes, que lles queda un sabor desagradable, a bravío!
-Ti, que es tan afeccionado á Biblia, mira aquí, -e mostroume o Xénese, -no, 2.24: "Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo". ¿Pode facerse un "mesmo corpo" entre bichos de igual xénero?
-É evidente que non... -Tiven que aceptarlle esa alusión á imposibilidade física aludida.

El estaba, seguía, lanzado, feito un bólido.
-Daquela, como non é cousa de capa-los desviados, e por outra parte están admitidas as sociedades civís, de par das mercantís, eses tales, sen ter que incorrer na contradición de chamarlles "matrimonio" a eses axuntamentos, que non son tales, poderán asociarse! Pero anota ben, ao pé da letra, que das gravadoras non me fío: A-so-ciar-se! Serán unhas sociedades un tanto estrañas, pero con forza legal; non só toleradas, senón rexistradas; cos seus dereitos, pero tamén cos seus deberes! En canto ao matrimonio propiamente dito, a súa terá que ser unha Lei de Reciprocidades, e nada de proteccionismo unilateral. Terá que prever, e recoñecer, que a muller, en xeral, é máis intelixente có home, e precisamente por iso hai que prever as súas argucias, os seus subterfuxios, as súas provocacións sibilinas. Polo que fai ao home, como temos acreditada unha certa brutalidade, ¡home que se porte mal, como foi o meu caso, forzoso á Lexión! Foi un erro aquilo de suprimir o servizo militar obrigatorio pois conviña domarnos un pouco, e nalgún caso, moito!
-Na Lexión tamén hai mulleres, e ben que o fan! -Argumenteille.
-Na actual, si, pero eu crearía a de Forzas Especiais, o Tercio dos Sansóns; unha forza especial de ataque para enfrontala aos inimigos externos, na que encadrarían todos aqueles que demostramos ser incapaces de controlar e de prever as argucias das Dalilas respectivas. ¡Un batallón dos torpes! Cando esta previsión teña efectos, xa verás qué poucos homes se atreverán a levanta-la man contra ás mulleres! ¡Diálogo, por aburrido que sexa, ou..., Lexión! Dicíase no Exército que unha retirada a tempo era a mellor das vitorias; daquela, ¡fuxir, que tamén foxen os ventos!
-¿Fuxir... para onde, pois, afortunadamente, hai Rêve d´Or en todas partes?
-Nos conventos de frades, aínda non. ¡Esa será a mellor saída para os violentos! Nas celas recolectas teríamos tempo e ocasión de arrepentirnos da nosa estulticia, da nosa imprevisión por non pararnos a escoller femias acreditadas, mulleres con certificado de boa conduta!
-¿Expedidos por...?
-¿Por quen vai ser? ¡Polas monxas, pois as rapazas casadeiras, segundo a miña Lei terán que facer un cursiño prematrimonial nun internado de monxas!...

De chegados a este punto, e en vista dos desvaríos imparables do meu Asturiano, co pretexto de que tiña que levar o auto a pasa-la I.T.V., aínda que coa promesa de volver a entrevistarnos cando me autorizase a miña muller, fixen mutis polo foro da prisión! Pero non me fun de Bonxe sen falar cun dos médicos do cárcere, e conteille o caso.
-¡Pobre Asturiano; aínda que lle estivo ben por casarse cunha prima, cunha galega, que iso é endogamia!
-Non eran primos, doutor, senón simplemente amigos, fillos de amigos.
-O de primos é un dicir, pois os asturianos din que, gallegos y asturianos, primos hermanos, pero que os primos somos nós, e eles, irmáns! O que che quero dicir é que a culpa de canto lle pasou tívoa el porque..., voucho dicir: por presentarse a exames sen ter a sinatura estudada! ¿Que galego compra unha res para a cría sen que primeiro lla recoñeza un veterinario? ¡Ao matrimonio hai que ir, ámbolos dous, de parte a parte, ben estudados, ben talentados, pero facémolo con excesiva superficialidade, e máxime agora, que coñecemos esa porta falsa do divorcio, que é máis falsa cá da muralla de Lugo!

Dinlle as grazas ao médico, pero tamén fuxín del pois estaba visto que a media humanidade fáltalle ferver outro pouco, que aínda temos xente cru nesta merenda da vida terráquea. ¿Que van quitar os manicomios? ¡Pois é unha pena! Se eu mandase, construiría menos AVEs e máis centros psiquiátricos. Está visto que imos á présa, e tanto corremos, tanto nos aceleramos nas decisións, que remataremos no fondo dun barranco. ¡Desta a culpable non vai ser a mazá, senón a propia parella, ambos, xuntos, asemade, xa que, nin xuntos nin separados facemos gran cousa por acadar o máis importante deste mundo, a perfección convivencial! Preocupámonos máis da penetración que da compenetración... ¡Egoístas que somos!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES