Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A presidencia española da Unión Europea

lunes, 11 de enero de 2010
a) Introdución
España asumirá o próximo 1o de xaneiro de 2010 a presidencia rotativa semestral da Unión Europea no marco dunha conxuntura clave para o proceso de integración europeo, especificamente orientado cara a consolidación do recén aprobado Tratado de Lisboa como referencia de integración, e ante os retos emanados da necesidade de abordar solucións conxuntas para superar a recesión e a crise económica.
Neste sentido, a presidencia española deberá afrontar a posibilidade dunha crise financeira en Grecia, que pode espallar maiores complicacións cara outros países como Portugal, Italia, Irlanda e, incluso, a mesma España. Tanto como a resolución da crise económica, a próxima presidencia na UE deberá tamén equilibrar os escenarios de ampliación cara Europa do Leste (Croacia, Bosnia, Serbia e Turquía); as complexas
relacións coa área mediterránea; un escenario electoral dentro e fora da UE (eleccións presidenciais en Ucraína e Gran Bretaña e posible referendo independentista en Escocia); e aspectos internos relativos á política de inmigración e a cohesión social.
Igualmente, no aspecto da política exterior, a presidencia española na UE deberá tomar atención cara escenarios xeopolíticos clave como as complexas relacións con Rusia (especialmente no tema enerxético); a crise en Oriente Próximo (con epicentro en Irán); e unha maior atención cara América Latina, especialmente ante o momento histórico que supón a celebración dos Bicentenarios das súas independencias
políticas.

b) Os retos da presidencia española na UE
Por cuarta vez desde 1986, ano no que ingresou na entón Comunidade Económica Europea (CEE), España asumirá a presidencia semestral do Consello da Unión Europea. As presidencias anteriores (1989, 1995 e 2002) estiveron determinadas por momentos importantes dentro da conxuntura internacional: caída do Muro de Berlín e fin da “guerra fría”; activación dos Tratados de Maastricht e Niza; e o maior proceso de ampliación da UE, ata conformar o actual nivel de 27 países membros.
A conxuntura de 2010 resulta diametralmente diferente, especialmente ante os avatares e os retos formulados pola crise financeira e económica global espallada a partir de 2008. Así, afrontar solucións cara a recesión económica e o espectro do desemprego nos países europeos suporán grandes prioridades para a presidencia española.
Ao mesmo tempo, imponse a consolidación a nivel institucional e comunitario do Tratado de Lisboa como referente de integración, que terá a partir de 2010 unha mayor manifestación cara a concreción dunha Constitución política e unha política exterior e de seguridade común. España inaugura así o período de dezaoito meses de presidencia da nova Comisión Europea.
Dentro da actual conxuntura, a diplomacia española ven acometendo nos últimos meses unha serie de situacións críticas que poñen a proba a súa consistencia de cara a afrontar a presidencia semestral europea.
Estes casos foron a prolongada resolución da crise do buque pesqueiro Alakrana en augas somalís; os roces con Marrocos ante a folga de fame da activista saharauí Aminatu Haidar en territorio español; e o actual secuestro de tres cooperantes españois en Mauritania.
Os escenarios relevantes para a próxima presidencia española na UE serán
Grecia e a crise económica europea:
Os temores actuais en Bruxelas están dirixidos a medir o impacto que, hipoteticamente, puidera ocasionar un default bancario en Grecia, epicentro actual de todas as miradas do mundo económico e financeiro europeo, a un nivel case similar á recente crise financeira nos Emiratos Árabes Unidos.
Esta situación cuestiona a efectividade dos mecanismos da Unión Económica e Monetaria (UEM), así como do Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) os cales, basicamente, non prevén a eventualidade de bancarrotas financeiras nalgúns dos países membros da UE.
A próxima presidencia europea deberá moderar unha serie de medidas financeiras para asistir a un país como

Grecia, con menor renda per cápita e cun gasto público aproximado de 12% do PIB. No caso de que a crise determine unha posible bancarrota e maiores protestas sociais, Atenas podería verse obrigada a acudir ao FMI e outros organismos financeiros internacionais, a pesar das reticencias de Bruxelas.
Igualmente, a posibilidade dunha crise financeira en Grecia podería arrastrar a outros países como Portugal, Italia, Irlanda e, incluso, a propia España, conformando un panorama económico sumamente difícil para a UE no primeiro semestre de 2010. Estes temores moi probablemente obrigarán a adoptar unha estratexia europea conxunta de vixilancia e contención económica ante eventuais crises financeiras.
O Tratado de Lisboa:
Con dificultades e non menos polémicas políticas, tal como aconteceu meses atrás na República Checa, España será o primeiro país en ocupar a presidencia do Consello
da UE que deberá afrontar os retos de integración emanados no Tratado de Lisboa, finalmente aprobado polos 27 países membros.
O pasado 1o de decembro, a UE comezou a adaptar as súas estruturas de integración cara o Tratado de Lisboa, elixindo un novo presidente para a UE, cargo elevado no holandés Herman Van Rompuy, e unha nova responsable na Política Exterior e da Seguridade Común (PESC), na que foi elixida a británica Catherine Ashton.
Con novas caras, o Tratado de Lisboa comezará a súa andaina a partir do próximo 1o de xaneiro, co total aval do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, quen practicamente pode condicionar o éxito da súa presidencia europea á consistencia deste tratado.
Con isto, a presidencia española sorteará unha serie de escenarios enmarcados nos pulsos internos na UE entre países como Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Polonia ou Italia, no reparto das cotas de poder dentro da “nova UE”.
Igualmente, a próxima presidencia da UE acomete un escenario enmarcado pola elección dun novo Parlamento europeo (elixido en xuño de 2009), con poderes reforzados.
Velaí que este primeiro semestre de presidencia española verificará o nivel de aceptación política, os dilemas e a capacidade de equilibrio destas novas figuras como Van Rompuy e Ashton, así como a viabilidade dun tratado que, a grandes resgos, foi escasamente aprobado por referendo popular senón basicamente a través dos poderes lexislativos dos respectivos países.
Unha parálise na ampliación europea:
A crise económica de 2008 e os avatares do proceso de integración da UE dos 27 practicamente paralizaron o proceso de ampliación europea, especialmente cara o Leste.
Neste sentido, o 2010 deberá determinar o marco real dos procesos de negociación con países como Croacia (que poden avanzar ao final do próximo semestre), Bosnia e Hercegovina, Serbia, Ucraína e, principalmente, Turquía, este último país foco das maiores controversias no seo na UE.
Compre igualmente considerar a aparición de Islandia como posible membro a futuro, especialmente gravadas ante súa recente crise financeira e as políticas de asistencia financeira de Bruxelas, que provocaron fortes controversias nos demais países aspirantes. Velaí que, ante outras prioridades, a presidencia española moi probablemente calibrará con moderación e posible distanciamento calquera aproximación de compromiso cara o proceso de ampliación.
Novas realidades na política exterior:
Cunha nova PESC en curso, a UE deberá igualmente equilibrar un escenario internacional en constante proceso de cambio: un novo atlantismo con EEUU; as tensións en Oriente Próximo; os riscos do arco mediterráneo; e a emerxencia de China; e os efectos do Cumio de Copenhague sobre o cambio climático.
A aparente empatía entre Zapatero e o presidente estadounidense Barack Obama calibrará unha nova relación transatlántica radicalmente diferente en comparación cos anos anteriores. Non obstante, e a pesar dos compromisos de Zapatero para defender a estratexia de Obama en Afganistán, a súa prolongación e ampliación poden provocar tensións internas dentro da UE na OTAN.
A falta de concretar un novo marco de negociación de paz en Oriente Próximo, ata agora inexistente, a situación en Irán e, principalmente, o pulso nuclear coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), ocupará a atención da presidencia española na UE cara Oriente Próximo, aínda que igualmente determinadas polos imperativos de Washington.
No caso mediterráneo, a UE deberá afrontar os retos da inmigración ilegal, a posibilidade dunha reactivación terrorista dende o Magreb e a necesidade de equilibrar as relacións con socios clave como Marrocos, aparentemente danadas ante o recente caso da activista saharauí.
A UE de 2010 deberá definir un novo marco de actuación e cooperación con China, asumindo que os cambios do sistema internacional dos próximos anos
estarán basicamente definidos en torno á evolución das relacións entre Beijing e Washington.
Finalmente, resta considerar cal será a perspectiva da presidencia española e da UE ante os acordos de mínimos alcanzados no pasado Cumio de Copenhague sobre o Cambio Climático. Neste sentido, a presión da sociedade civil e a posición tradicionalmente ecoloxista da UE pode dar curso a tensións con EEUU e China, entre outros.
En balance global, a presidencia española da UE potenciará a prioridade que Zapatero lle outorgará a súa política internacional no transcurso de 2010. O reto, non obstante, radica na evidencia do escaso peso da política exterior da UE a nivel global.

Rusia e a UE:
Un foco de atención preferente para a UE será a súa relación con Rusia, tomando principalmente en conta a enorme dependencia enerxética europea de Moscova.
Como ven sucedendo cada inverno desde 2006, a UE pode verse inmersa na crise do subministro enerxético dende Moscova, en especial cara países como Ucraína e Europa do Leste. Igualmente, as eleccións presidenciais ucraínas do próximo 17 de xaneiro determinarán, en gran medida, o pulso das relacións UE-Rusia, en especial ante a posible vitoria do candidato prorruso Viktor Yanukovich.
O curso das relacións entre Bruxelas e Moscova tamén estarán determinadas polo novo reacomodo das relacións entre EEUU e Rusia, enmarcadas estas dentro dun maior nivel de cooperación (Afganistán, Irán) con non menos tensións xeopolíticas no espazo
euroasiático. No entanto, o factor enerxético e os seus complexos eidos xeopolíticos imponse como a clave destas relacións.

España, a UE e América Latina:
Finalmente, a presidencia española abre un período clave para as relacións con América Latina, subscritas estas de cara á celebración dos Bicentenarios das Independencias latinoamericanas, así como ante os cambios políticos na rexión.

A cooperación económica e a comprensión política cara estes cambios dominarán a axenda das relacións entre a UE e América Latina. Zapatero observa con simpatía e atención a emerxencia de Brasil como potencia global, pero deberá calibrar as primeiras etapas dun novo ciclo electoral latinoamericano ata o 2012, así como os vaivéns nas relacións con países con procesos de cambio máis controvertidos, como Venezuela e Bolivia, en especial no relativo aos intereses económicos españois e europeos.
Un escenario clave será Cuba, do que España constitúe un actor fundamental como voceiro da UE.

A crise económica e as contrariedades de carácter político, en especial en materia de dereitos humanos, dominarán unha axenda igualmente balanceada ante as decisións que tome o presidente cubano Raúl Castro, fundamentalmente de cara á oferta de apertura con EEUU. O tema cubano provoca igualmente unha notoria polarización no seno da UE.

c) Galicia ante a presidencia española da UE
Os intereses galegos de cara á próxima presidencia española na UE semellan focalizarse en tres aspectos principais: a Política Pesqueira e Agraria Común; a evolución da rede de infraestruturas viarias no marco da Axencia Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; e a promoción cultural de Galicia ante a celebración do Ano Santo Xacobeo en 2010.

Nas últimas semanas, os principais partidos políticos galegos (PPdG, PSdG e BNG) configuran unha serie de axendas políticas destinadas a potenciar un lobby galego en Bruxelas, con capacidade de actuación e defensa dos seus intereses, con especial énfase no sector pesqueiro e nos retos en materia de seguridade, particularmente ante o incremento da piratería no Océano Índico e ante a masiva competencia pesqueira asiática.

Cun novo goberno na Xunta de Galicia, conformado polo Partido Popular, opositor ao goberno do PSOE en Madrid, poden aparecer diverxencias de enfoque ante variadas perspectivas desta axenda galega. Polo pronto, Galicia terá a súa representación nesta presidencia semestral: Vigo acollerá en maio o Cumio Europeo da Pesca mentres Compostela será Capital Cultural Europea ao longo de 2010.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES