Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A aldea perdurable do Belén

martes, 05 de enero de 2010
Polo Nadal recibín a visita de Gabriel, un neto dun tío lonxano meu que emigrara para a Arxentina aló polos anos trinta. A pesares de traballar toda un vida as cousas non lle foran demasiado ben e xamais puido volver á súa terra que deixara con apenas dezaseis anos. Dicían que a diario lle viña o recordo daquel abrazo que súa nai lle dera na despedida como dicíndolle: xa non te volvo a ver máis meu fillo, e como Centinela, a súa cadeliña, fora correndo detrás del ata que se lle acabaron as forzas. Agora mudaron os tempos, pero os anos e a súa enfermidade impídenlle voltar, por iso Gabriel traía un encargo moi especial, visitar a aldea de seu avó e contarlle como se atopaba todo.

Nos días posteriores aproveitei para ensinarlle as cidades de Galicia, as mariñas, o verde que lle fascinaba...Non paraba de fotografar cada recuncho que para min pasaba desapercibido. Cada día, non facía máis que preguntarme, nun galego con acento arxentino, que se facía un pouco gracioso: ¿cando imos ó lugar do meu avó? Eu dáballe prazos, pois non sabía como dicirlle que moitas aldeas de Galicia desapareceran, entre elas ésta, que se atopaba moi pretiño da parroquia de San Martiño de Pacios, e outras moitas estaban a punto de facelo. Claro que Gabriel, non entendía moi ben porque desaparecían estos asentamentos, eu explicáballe que era polos cambios xeracionais, pois a xente nova ía toda para as cidades na procura dun futuro mellor.

Un día decidimos ir e cando íamos chegando, dende un montouto puidemos ollar o que antes era unha aldea chea de vida, hoxe era unha fraga cuberta de vexetación, non había nada daquelas terras que antaño estaban sementadas de trigo, as casas somentes quedaban os sitios, pois as pedras incluso foran levadas para cerrar fincas de chalés de ricos. Ese día o vento azoutaba con forza, e botamos a correr por un camiño que antigamente levaba a unha fonte e dende alí ambolos dous berramos respondéndonos o eco dende o outro lado. Calamos uns segundos e escoitabamos o río Ladra que xemía con laios en solitario.

Ó regreso, Gabriel, coa faciana triste dicíame que lle ía ensinar agora ó seu avó, eu non sabía como axudalo, pero ese día íamos estar de sorte pois ó baixar para Begonte atopamos paseando a Don Jesús Domínguez, que non tardou en preguntarme quen era o rapaz e ó velo choroso quixo saber o motivo de tanta tristura. Despois de comentarlle o sucedido, Don Jesús non tardou en dicirlle: - ¡Alegra esa cara moziño! Pois vas ver a aldea do teu avó, a máis bonita e a mellor conservada de Galicia. Logo de andar un pouquiño e tras abrirnos unha porta, alí estaba a maravillosa aldea do BELÉN DE BEGONTE.

Gabriel quedou abraiado e con ollos como pratos, non sabía por onde comenzar a miralo para así poder facer a reportaxe e cumprir co encargo. Mentres, Don Jesús, lle ía explicando –mira Gabriel dende co neno Xesús veunos nacer aquí hai trinta e oito anos esta aldea, ó contrario doutras non parou de medrar. Todolos anos temos uns veciños máis nun terreo de pouco máis de oitenta metros cadrados e nunca estamos solos, pois veñennos visitar centos de persoas que ano tras ano acercanse ata aquí para vivir con nosoutros o misterio do Nadal, facendo as delicias de pequenos e maiores.

Gabriel non articulaba palabra e Don Jesús seguíalle debullando cousa por cousa e dando resposta a cada pregunta que lle facía –a aldea do teu avó era así cando se foi, a vida pasaba apaciblemente, vivían do que lles daba o val, axudaban uns a outros, pasaban moitas necesidades pero compartían o que tiñan e eran moi felices. Gabriel deixou de mirar por un momento o Belén para dicirnos –agora comprendo porque o meu avó dicía que se fose hoxe non emigraría.

Don Jesús comentounos que a emigración fora moi dura e que hoxe é unha boa hora para solidarizarnos co teu avó,con todas esas persoas que tiveron que ir polo mundo adiante e sobretodo co neno Xesús que tamén foi un emigrante naqueles duros tempos, pois os seus pais tiveran que andar dun sitio para o outro para salvalo.

Alí estivemos horas e horas e cando saímos do centro cultural de Begonte xa era noite pecha e Gabriel non paraba de dar pulos ó aire debaixo da intensa choiva que neses momentos caia, mentres dicía –agora sí que se vai poñer contento o meu avó.

De volta a Arxentina non tardei en recibir noticias del, pois nada máis chegar apurou en levarlle as fotos a seu avó que enfermo terminal nun hospital de Bos Aires empezou a miralas unha por unha dicindo que se sentía o home máis rico do mundo a pesares de non facer fortuna ningunha fóra.

E no medio de tanta dor tivo momentos de alivio para ver no Belén a réplica da súa aldea e por uns intres sentirse neno recordando os xogos que facían cando ían levalo gando ó monte, as cabriolas, e como cunha simple vara de avelá convertíase nun dos mellores cabalos que trotaban por aquelas corredoiras imaxinando que detrás daquelas montañas o estaba agardando un mundo moi distinto ó que lle tocara vivir de neno. Quería seguir soñando ata que se parou nunha foto de casas do Belén e nunha delas, ó carón da calor da lareira, alumeando coa luz dun candil viu a súa nai que non se cansou de esperar por ese fillo que perdera en vida e todalas noites, antes de deitarse, rezaba e agardaba por el. Coas mans temblorosas agarrouse a Gabriel –grazas meu neto é o agasallo máis grande que endexamáis me fixeron. Xa me podo ir tranquilo.
Eijo Balseiro, Ramón
Eijo Balseiro, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES