Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivamos o Nadal en Begonte

jueves, 31 de diciembre de 2009
Chega o Nadal. Dende o pasado domingo a localidade de Begonte vive máis mergullada na celebración da Epifanía, despois de ser inaugurado o seu Belén e de contar coa actuación do Orfeón Lucense, dirixido nestes momentos polo tamén crego (como fora o seu refundador, Xosé Castiñeira Pardo), Xesús Mato Mato. Esta actuación de Nadal estivo marcada pola forte aposta deste director pola recuperación do vilancico galego, perdido nun tempo histórico no que xa non se cantan pezas de Nadal nas casas, nun momento que se asocia coa preferencia polas cantigas inglesas ao estilo do ‘Merry Christmas’ ou do ‘Jingle Bell’ que acompañan moitas das tarxetas postais que envíamos co gallo de felicitar o aninovo e desexar unhas boas festas á familia e os amigos.
Un ano máis recibo no meu interior a chamada que me obriga a volver a Begonte para presenciar o espectáculo que constitúe o que considero un Belén con vida propia, cunha morea de figuras artelladas mecánicamente que fan das labores do campo da Terra Cha recreada un dos grandes atractivos para maiores e pequenos. Cada vez que un viaxa a Begonte atopa algo diferente na escenografía desta representación maxistral. Cando non se trata do cambio de ubicación dalgunha das figuras, chámanos a atención a incorporación dalgún novo personaxe, cun oficio que non había ou o perfeccionamento de algún aspecto tan só ensaiado na edición anterior. Sempre mellorando o evento. Un dos atractivos está no desfrute da climatoloxía que se representa no Belén, co paso do día á noite, coa chuvia e a neve... ademais de contar coa presenza dos animais mamando, como acontece cos ranchiños, ou os peixes (reais) nadando no río preparado para a ocasión.
Nado no ano 1972, segundo contan os maiores, o artícife desta obra foi o crego que dá nome ao centro cultural no que se garda este tesouro do patrimonio galego da Terra Cha, D. José Domínguez Guizán, quen intentou nos comezos imitar o que estaban a artellar os da escola de Formación Profesional de Someso (A Coruña). Levou adiante o seu proxecto e xa van tres décadas de Belén de Begonte. Hoxe a actividade continúa grazas á importante labor do Sr. Varela, ben coñecido entre a xente de Begonte que alaba a súa dedicación na posta en marcha dun espectáculo que non ten parangón na provincia.
Disque cada ano visitan preto de corenta mil persoas este máxico lugar, a capital do Nadal galego, tan só situado a uns vinte quilómetros de Lugo. Os nenos que veñen unha vez quédalles no maxín un pouso que lles fai rememorar a visita toda a vida. Sempre nos aproveitará a visita, como imaxinaba o poeta Fiz Vergara Vilariño. Así me aconteceu a mín. É un recordo que gardo con especial agarimo, cando o vistei por primeira vez dúas décadas atrás. Dende aquela repito cada ano. Igual que festexamos a Noiteboa, o Fin de Ano ou o día de Reis, así debiamos ter sinalado no almanaque de Nadal a visita obrigada ao Belén de Begonte.
É nese lugar onde teñen sentido as pezas polulares que cantou o Orfeón Lucense na actuación en Begonte que viña a repetir o concerto que tivo lugar o 18 de decembro no Círculo das Artes de Lugo. Alí escoitáronse cantigas galegas como ‘Meu carrapucheiriño’, ‘Con un sombreiro de palla’, ‘En Belén hai moita festa’, ‘Vinde ver o neno’, ‘No pendello’, ‘Despedida de ano vello’ ou ‘Eu durmindo estaba’, entre outras, e que foron cantadas polo coro tendo o luxo de contar coa presenza de Mini e Mero e A Quenlla, entre outros artistas convidados, como Noemí Mazoy.
Cantouse ao neno. Cantouse ao Nadal. Cantouse ao Belén de Begonte. Todo coa intención de achegar o público a esencia do Nadal galego. Foi un convite para aprender a vivir o Nadal máis auténtico, como era antes, cando se recitaban os cantos de Reis e se vivían estas datas co espírito propio que rememora o nacemento do neno Xesús. As pezas de Fuxan os Ventos, de ‘Galicia canta ao neno’, foron ofrecidas en Begonte como unha homenaxe a toda a xente que vive o Belén desta pequena localidade da Terra Cha. Foron un agasallo para o pobo, tal e como se concibíu no seu día a compilación de tales cantigas populares.
En Begonte vívese máis o Nadal. Vívese máis intensamente e durante dous meses, dende que se inicia decembro, co acostumado Pregón de Nadal, ata que remata xaneiro, clausurándose o Belén e dando alento para continuar este marabilloso costume ao ano seguinte. Vivir o Nadal de Begonte é unha boa opción agora que comezan as vacacións. Como di a canción de Fuxan os Ventos, ‘Nosa Señora’, ‘E vamos todos, e vamos todos a adorar o Redentore, que naceu o Rei de reises en Belén, i en Belén entrou, pastores’. Pois vaiamos todos, vaiamos todos a Begonte a visitar o seu Belén, e a vivir o seu Nadal.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES