Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba onte e hoxe: A “Carretera”

lunes, 21 de diciembre de 2009
Vilalba onte e hoxe: A Carretera O camiño coma símbolo, coma metáfora da vida, coma procura interior ou vía de superación non é unha mala imaxe. De frei Luis a Jack Kerouac. Tamén antes e despóis. Un camiño estreito e pedregoso para os obstáculos e dificultades; un camiño chan e amplo, luminoso, para a facilidade coa que levar a cabo os proxectos, os traballos e os días.

Vilalba ten medrado en torno a un camiño, a “Carretera”, vía de tránsito cara outros lugares, afastados ou non. Pero tamén camiño que se torna encrucillada, eixo do mundo, unión das partes que configuran a alma (como en Platón), lugar onde permanecer a contemplar con morno acougo os embates da vida.

De ámbolos dous valores, camiño e cruceiro, herdou esa feble natureza ambivalente e antagónica, precisa mestura de acción e pasividade, esa dualidade de permanencia no tempo ou no espazo, de impulso irresistible ou de freo e repouso necesarios. Así se dita o destiño. O do ser humán quero dicir, esa paradóxica xuntanza de opostos, posibeis e imposibeis, de creacións e derrubes, constantemente xuntos, cara a unha imprecisa eternidade. Quizáis iso mesmo configura o destiño dos chairegos. Esa vivencia permanente on the road, coma beatniks, coma Bonny & Clyde ou como aqueles xa esquecidos emigrantes que na década dos trinta asucaban esperanzados a Ruta 66 do Leste ao Oeste dos Estados Unidos deixando tras sí a ameaza das secas e a Grande Depresión. Pero tampouco debemos esquecer a lenta permanencia na encrucillada polvorenta, esa quietude de vellos bluesmen de ollar canso e voz quebrada.

Das fotografías que retratan a “Carretera” adoito preferir aquelas que (do mesmo xeito que as elexidas por Carlos Díaz e Novo Cazón para A memoria de Vilalba), representan a rúa principal da vila con ese aspecto de bulevar falazmente urbano cheo de xente camiñando ociosa. Esa rúa con árbores e cafés con sillería de ferro baixo a luz dun mediodía de verán (non sei se mediodía, non sei se verán, pero prefiro crelo así) que alumea con forza os toldos dos comercios, as fachadas dos edificios e as camisas endomingadas duns transeúntes que fican a parolar ledamente inmóveis, atrapados xa para sempre na eternidade da imaxe. Sobre todo aquelas fotografías que nos devolven un pasado agora abolido, con algo de impostado, un pasado en tons sepia, inexistente hoxe e sempre nesa súa artificial ausencia de cor que, dalgunha maneira, tamén o ennobrece tinguindoo da abstracción propia dos soños, das lembranzas ou, quizáis, da mesma ensoñación literaria.

Con todo, malia esa preferencia citada, a casualidade e a coincidencia no encadre reuniron hoxe aquí tres fotografías que amosan outro aspecto da “Carretera”, observada de lonxe, na distancia (como mellor se ven as cousas), a ollada de paxaro dende o alto da torre dos Andrade. Son varias e considerables as diferenzas entre elas. Tamén algunhas similitudes. O que primeiro chama a atención é ese ceo plomizo das tres fotografías, ese ceo indefinido, dunha grisura sempiterna con independencia da estación do ano (a imaxe máis recente tomouse no último verán). Ese ceo que, por mor dunha mesta néboa inalcanzable, confúndese e mistúrase nun horizonte difuso e promisorio co verdor da paisaxe chairega cada vez máis oculta tras as emerxentes edificacións.

A fotografía máis antiga corresponde con probabilidade á primeira metade do século XX. Ofrécese nela unha estampa rueira típica que podería pertencer a calquera vila galega da mesma época. A esa sensación de equilibrio e proporción que revela a similitude dos edificios de apenas máis de dous andares contribúe sen dúbida a cor sepia da imaxe que anula todo abigarramento, toda diferenza cromática, toda individualización.

O recordo da segunda imaxe permanece gravado con nitidez e fidelidade na miña memoria. Tomouna meu irmán Moncho sendo aínda moi nenos cunha cámara Kodak Instamatic agasallo do noso pai, quen nos levou ao alto da torre para estreala. Daquela a duras penas asomabamos por riba das almeas. Lembro que meu irmán ergueu a cámara e, apuntando como puido con pulso tremente mentres me describía o que vía (eu era algo máis baixiño que el), tomou varias fotos ao chou, esta entre elas. A cor tristeira da paisaxe nada ten que ver coa nosa ledicia por estar alí, por vez primeira, no alto da torre. Con respecto á fotografía anterior os cambios resultan xa considerables. Son moitos os edificios que medraron de tal xeito que xa case sepultan a liña do horizonte. Chama especialmente a atención a grande mole que se amosa en primeiro plano no lado dereito da imaxe, non só polo contraste cos pequenos telladiños que fican, intimidados, ao seu carón, senon porque aínda pervive na súa pel a marca daquela casa branca da fotografía anterior que enguliu sen consideración, sen siquera pedirlle permiso, sen outorgarlle dereito a réplica.

A imaxe máis recente ten algo de fantasía futurista na que toda a paisaxe enteira do planeta estivese a piques de ficar cuberta por unha sorte de xigantescos cogumelos artificiais. Coma se nela se amontoasen todos as imaxes que sucederon e sucederán no tempo ás outras dúas fundíndose cara un porvir impreciso, sorprende, non só a nova proliferación de cores e tellados, senón tamén esa competencia entre as edificacións máis recentes pola súa aspiración a acadar o status de arrañaceos con vistas a ese futuro para nós aínda invisible e, certamente, improbable. Poderíase engadir que algunha das casas, edificios pantasma doutras épocas, que manten o tamaño orixinal, perdeu parte da súa dignidade ao terse metamorfoseado con mutacións imposibles e futuristas, grazas a eses tellados de chapa e a esas cristaleiras coma anteollos de sol.

A mesma rúa ou tres distintas? Pódese pensar que algunha das tres sexa menos ficticia, máis real, cas outras? Non sei. Non é doado sabelo. A campá de vidro de toda fotografía acostuma amosar pequenos instantes, invariables e reais, do percorrer vital cunha fidelidade difícil de plasmar en verbas sen que elo se volte un exercicio inxenuo na comparanza. As tres aquí ofrecidas son só unha pequena mostra, faltarían moitas outras que enchesen os valeiros deixados por elas e que nos evitasen caer na recurrencia sempre doada e falaz da memoria. Pero tal vez iso xa non resulte posible. Entón, tal vez sería mellor deixar de miralas e tentar reconstruir dalgún xeito ese pasado desfigurado e fugaz, quizáis xa definitivamente borrado, tentando albiscar no espello das nosas lembranzas como única maneira útil de afrontar, nun presente enfermo desa mesma fugacidade, a chegada dun futuro que quizáis poda algún día resultar máis firme e tanxible.
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES