Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bolivia: Outra reelección para Evo Morales

viernes, 04 de diciembre de 2009
a) Introdución
Bolivia apréstase a celebrar o próximo 6 de decembro unhas eleccións presidenciais que de novo medirán o pulso político nacional, así como a consistencia e viabilidade do proxecto nacionalista, socialista e indixenista impulsado polo presidente Evo Morales Aima e o seu partido Movemento ao Socialismo (MAS).
As enquisas outórganlle a Morales unha contundente maioría (52%) fronte aos seus principais rivais, Manfred Reyes Villa, do Plan Progreso Bolivia-Converxencia Nacional (PPB-CN), quen conta cun 18% de intención de voto; e Samuel Doria Medina, do Fronte de Unidade Nacional (FUN), cun 9% de aceptación electoral. Con elevados índices de apoio popular e cunha oposición debilitada e con rostros case descoñecidos para a maioría dos bolivianos, Evo Morales ten practicamente asegurada a reelección presidencial.
Así, Morales comeza a outear as perspectivas futuras do seu proxecto de “refundar Bolivia”, orientando a súa visión para o período 2010-2015. Afondando neste proxecto, as expectativas están dirixidas a observar se Morales radicalizará a súa revolución ou ben iniciará un proceso de maior horizontalidade política, escenarios tamén determinados ante a posibilidade de activación de diversos factores de desestabilización contra o seu goberno, dentro e fóra do país.
Velaí que Morales afrontará os retos emanados da polarización sociopolítica e ata territorial que vive Bolivia, fraguada nunha especie de fractura xeográfica entre o Oeste, coa capital La Paz e as cidades de Cochabamba e Oruro como centros neurálxicos de apoio a Morales; e o Leste boliviano, cos departamentos orientais de Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija, ricos en gas natural e hidrocarburos, onde gobernan os prefectos radicalmente opositores ao proxecto de Morales, incluso atizando certas pretensións secesionistas.

b) Evo busca outra maioría
Un novo proceso electoral para “refundar Bolivia”.
Evo Morales acometerá o próximo 6 de decembro a posibilidade de ser reelixido no seu cargo presidencial, trazando outro momento histórico para o seu país, en especial no relativo ao indixenismo político.
En decembro de 2005, e cun 54% da votación popular, Morales converteuse non só no primeiro líder indíxena en chegar ao poder en Bolivia senón no candidato con maior votación popular nuns comicios presidenciais nese país. En agosto de 2008, tras aprobarse a realización dun referendo revogatorio por presión dos sectores opositores, Morales pulverizou estas estatísticas, alcanzando o 67% dos votos, a máis elevada votación electoral nunca antes observada neste país andino.
O proxecto de “refundar Bolivia” oriéntase cara a reestruturación dos poderes públicos, a través da convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte que tivo que sortear diversos obstáculos, incluso sediciosos, por parte dos sectores opositores, o cal incrementou o nivel de polarización e violencia, obrigando en setembro de 2008 á Unión de Nacións do Sur (UNASUR) a intervir politicamente para solucionar esta crise.
Aprobados os pasos constituíntes, os bolivianos foron de novo chamados ás urnas en xaneiro de 2009 para votar a aprobación ou non dunha nova Constitución Nacional que recoñecía, por vez primeira na súa historia, o carácter multiétnico e plurilingüe da nación boliviana. Un 61,4% dos bolivianos aprobaron
esta nova Constitución que reestruturou os poderes públicos e obrigaba a convocar novos comicios presidenciais, a fin de lexitimar os cargos públicos, incluído o presidente.
Polo tanto, máis de cinco millóns de bolivianos están facultados para votar o próximo 6 de decembro, nun contexto de menor intensidade da polarización e, probablemente, máis determinado a garantir outra vitoria contundente de Morales. Non obstante, nesta oportunidade os seus índices de vitoria poden manifestar unha lixeira baixa, que pode explicarse polo desgaste político causado pola polarización existente.

c) As enquisas
A empresa demoscópica Equipos Mori realizou unha ampla consulta entre o pasado 31 de outubro e o 9 de novembro, que augura outro triunfo claro para Morales, cun 52% dos votos, o cal evidencia a popularidade e consistencia do seu proxecto político.
Outro factor que pode explicar as probabilidades de vitoria de Morales e do seu partido MAS ten que ver coa debilidade da oposición, basicamente ante o descoñecemento popular dos seus dous candidatos: Manfred Rey Villa (PPB-CV) e Samuel Doria Medina (FUN) A enquisadora Mori outórgalle, respectivamente, un 18% e un 9% de intención de voto.
Mentres Morales afonda o seu proxecto “nacionalista, indixenista e socialista”, destinado a recuperar o control estatal sobre os recursos naturais, a oposición amosa unha perspectiva tan distinta como ambigua.
O candidato Rey Villa posúe unha clara posición liberal, que conecta con diversos sectores políticos opositores, contrarios ao peso estatal na economía e a favor do libre mercado. Aínda así, Rey Villa tamén sopesa diversas opcións redistributivas dos ingresos
fiscais de cara aos sectores máis desfavorecidos, nunha clara estratexia por gañar apoios dentro duns colectivos que seguen observando ao presidente Evo Morales como o seu principal líder.
Pola súa banda, o candidato Doria Medina revela varias incógnitas, postulándose a si mesmo como un abandeirado da sociedade civil. Así mesmo, é notoria a oferta electoral “populista” de ambos candidatos, destinados a repartir US$1.000 mensuais a cada familia pobre e desempregada, así como aos pequenos agricultores.
Non obstante, e a pesar da fragmentación política da oposición, desbandada nunha serie de sectores políticos con diversos intereses, as súas esperanzas electorais se cifran en lograr recortar a maioría do MAS no Congreso boliviano.

d) Os escenarios a futuro
Velaí que as expectativas electorais sinalen diversas variables de cara aos próximos comicios presidenciais. Morales gañaría en 6 dos 9 departamentos bolivianos, un avance significativo tomando en conta que no referendo revogatorio de agosto de 2008 obtivo o
triunfo en cinco departamentos.
Estes cálculos denotarían que Morales gañaría con contundencia no Oeste do país, perdendo nos departamentos orientais de Santa Cruz, Beni e Pando, pero gañando o departamento oriental de Tarija, rico en hidrocarburos e gobernado por un líder opositor, que fai causa común cos prefectos dos departamentos veciños, dentro dunha alianza territorial que popularmente se coñece como a “Media Lúa” boliviana.
Con este panorama, resulta claro que non está en xogo a reelección de Morales, practicamente asegurada, senón o control político dos departamentos do país, onde o MAS tería a maioría pero a oposición podería vencer en enclaves importantes, non só no Oriente boliviano, que lle permitan entrar con certa forza na Asemblea Nacional boliviana para o período 2010-2015.
Barallando escenarios a futuro, diversas análises especulan cara onde se orientará Evo Morales no período 2010-2015. Algúns aducen a posible “radicalización” da súa revolución, con maior ritmo de nacionalización económica, fortalecemento dos dereitos da súa base social e creación de novas institucións para crear un “novo Estado”.
Por contra, outras análises apuntan que, ante unha oposición fragmentada pero concentrada nos prefectos dos departamentos orientais, Morales iniciará unha etapa de máis diálogo que consolide unha maior horizontalidade política para o seu proxecto nacional.
A medida que se aproxima a data electoral, a tensión política comeza a incrementarse, manifestándose en determinados choques entre simpatizantes e opositores ao presidente Morales. O candidato Manfred Villa, sinalado desde diversos sectores por presunto enriquecemento ilícito, acusou recentemente a simpatizantes do MAS de atacar as súas propiedades. Paralelamente, afiliados ao partido do presidente denunciaron ataques violentos no rural boliviano por parte de sectores radicalmente opositores.

e) Pulsando o panorama exterior
As eleccións bolivianas marcarán o curso dunha nova etapa electoral en América Latina, delimitada para o período 2009-2012, e que pode presentar considerables cambios na orientación política e electoral manifestada nos últimos anos na rexión.
Se ben a segunda volta electoral en Uruguai, celebrada o pasado 29 de novembro, confirmou a hexemonía da esquerda coa vitoria do Fronte Amplo de Pepe Mújica, nas eleccións presidenciais chilenas do próximo 13 de decembro podería retornar ao poder a
dereita conservadora de Sebastián Piñera.
Á falta de saber se finalmente o presidente Álvaro Uribe Vélez poderá legalmente postularse a outra reelección, os comicios presidenciais colombianos de marzo de 2010 auguran outro triunfo para a dereita, que pode completarse cos comicios presidenciais de Brasil (2010), Perú e Arxentina (2011).
Resta por observar qué sucederá nas eleccións lexislativas venezolanas de setembro de 2010 e nas presidenciais de decembro de 2012, aínda que o presidente Hugo Chávez segue a manter a súa hexemonía política e electoral, con claras perspectivas de vitoria que abrirían un novo período ata o 2019.
Todo isto determina un novo reto político para o “eixe da ALBA” constituído por Venezuela, Bolivia e Ecuador na área sudamericana, con gobernos súas propiedades. Paralelamente, afiliados ao partido do presidente denunciaron ataques violentos no rural boliviano por parte de sectores radicalmente opositores. Simpatizantes e posibles futuros membros, como o Paraguai de Fernando Lugo, actualmente centrado en diversas tensións políticas internas.
Morales afondará as perspectivas de consolidación do marco de integración da ALBA e o seu achegamento cara a Venezuela, Cuba, Ecuador e aliados exteriores con cada vez maior implicación na rexión sudamericana, como son os casos de China, Irán e Rusia.
Precisamente, os sectores opositores a Morales acúsano de presuntamente orientar a Bolivia cara os intereses de Chávez e doutros países, como Irán e Cuba, dentro
dun conglomerado de alianzas estratéxicas exteriores, en materia enerxética, militar e de integración, neste caso a través da ALBA. Cómpre aquí observar cal será a posición de EEUU e doutros países aliados de Washington ante a reelección de Evo Morales, nun contexto delicado para o equilibrio rexional tralo golpe de Estado en Honduras e a consolidación das bases militares estadounidenses en Colombia.
A pesar da súa maioría popular, Morales afronta un país con arriscados niveis de polarización en diversas rexións, que poden dar curso a situacións de radicalización, desestabilización e violencia. En todo caso, visto desde a perspectiva política e electoral, Morales e o MAS están avanzando nos pasos da “refundación de Bolivia”.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES