Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eis o Bilingüismo Harmónico

martes, 01 de diciembre de 2009
Como me semella vostede, Señor Presidente da Xunta, aquel home da xanela da Empresa Ribadeo en Lugo.

Un neno orfo ten que aprender prematuramente a facer de home e asumir responsabilidades de adulto que lle exceden.
Tería eu daquela uns dez anos escasos, 1947, e xa había tres que finara a nosa naiciña. Pola enfermidade que seguía habendo na casa, o noso pai non podía ausentarse nin un intre. Era el só para todo. Por iso mandoume a min facer unha xestión a Lugo. Todo foi ben, porque hai xente moi boa no mundo que se doe dos picariños cando intúen neles a necesidade. No meu caso era ben patente, pois cando me preguntaron porque non arranxaba eses asuntos o meu pai, non houbo máis que facilidades cando dei explicacións.
O problema xurdiu ao ir pillar o billete de volta na xanela da Empresa Ribadeo. Alí estaba aquel home da convivencia harmónica de linguas. O diálogo foi así:

- ¿Que deseas?
- Por favor, un billete para O Alto de Roca na liña que vai á Coruña ás cinco da tarde.
- Oye, muchachito, eso no existe en el mapa y además se dice “El Alto de Roca”. No te das cuenta que estás en una ventanilla de una Administración. Tienes que aprender a hablar bien.
A verdade é que non mo dixo enfadado. Non.

Eu non sei se está ben xurar, porque cando se xura sempre é cara para arriba, para gardar fidelidade ao poderoso. Cara abaixo, non importa.
Pois eu aquel día xurei cara dentro por partida dupla:
1º. Non sei se Roca estaba ou non no mapa daquel señor. Pero si que existía no territorio da Galiza, porque eu nacín alí. 2º. Que meu pai e miña nai me aprendera a dicir: “O Alto de Roca”. E eles non nos falaban mal. Nunca nos falaron mal.

Non sei se está ben, pero eu hoxe volvo facer un dúplice xuramento: 1º. Que non minto no relato do sucedido. 2º. Que desde aquel día eu souben que era Xaquín, fillo de Xaquín de Roca, que me querían moito e eu tiña fachenda deles.

O que xa non me atrevo a xurar é se aquilo foi bilingüismo harmónico, con permiso do Excmo. Sr. Núñez Feijoo, o Presidente, que coma aquel home tamén ten unha xanela grande, inmensa, na Administración. E tamén el me está a repetir: Tienes que aprender a hablar bien. E, novamente, xa entrado en anos, veño saber que meus pais me falaron mal, que seica me teño que avergoñar deles. En resumo que foron uns ignorantes. Grazas, Sr. Feijoo. Se non fose por vostede moitos de nós, os galegofalantes, estariamos irremisibelmente perdidos. Repito: GAZAS, SR. FEIJOO!

Tampouco podería xurar se este relato terá o “placet” desa preciosidade aromatizante, Dona Rosa Díez.

Porque bilingüe, bilingüe, só somos os de abaixo. O débil, o pobre, o pobo non ten dereitos. Só obrigas. O de arriba escolle, impera e fai saber. E que Deus nos libre das súas iras.

Síntome outra vez orfo de nai. Non podo falar no que ela me aprendeu. Síntoo ben. Paradoxos da vida: Estraños na propia terra.

Sempre seu, Xaquinderoca. De nada.

Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania