Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mozambique: Frelimo consolida a súa hexemonía

martes, 24 de noviembre de 2009
Mozambique: Frelimo consolida a súa hexemonía

a) Introdución
As eleccións presidenciais, parlamentarias e provinciais celebradas o pasado 29 de outubro en Mozambique, consolidaron a hexemonía política do gobernante Fronte para a Liberación de Mozambique (FRELIMO), así como a reelección presidencial do actual mandatario Armando Guebuza para un período doutros cinco anos de goberno.

Os resultados definitivos, publicados o pasado 12 de novembro, outorgaron a Guebuza a vitoria co 75,4% dos votos, por riba dos seus dous principais candidatos rivais, Afonso Dhlakama, da Resistencia Nacional Mozambicana (RENAMO), quen acadou o 12,5%; e Daviz Simango, do Movemento Democrático de Mozambique (MDM), quen obtivo o 8,64%. Igualmente, o FRELIMO obtivo 191 escanos dos 250 existentes na Asemblea da República, gañando 31 escanos máis con respecto ás anteriores eleccións de 2004. A RENAMO quedou con 51 escanos parlamentarios e o MDM (unha escisión da RENAMO acaecida a comezos de 2009), obtivo oito escanos.

Non obstante, a RENAMO rexeitou os resultados electorais, acusando a Guebuza de presunto fraude electoral, un escenario que pode complicar o panorama político nas próximas semanas. O Consello Nacional Electoral (CNE), así como os organismos internacionais presentes, consideraron que non existían probas que evidenciaran irregularidades no cómputo dos votos, certificando a transparencia dun proceso electoral no que tamén participou a ampla diáspora mozambicana en Zimbabwe, Sudáfrica, Tanzania, Malawi, Quenia, Zambia, Portugal e Alemaña.

b) Consolidando a hexemonía política
Desde a súa independencia de Portugal en 1975, o FRELIMO (de tendencia marxista, tal e como recolleron os seus estatutos tralo congreso de 1977), sempre gobernou Mozambique, mantendo o poder incluso durante a cruenta guerra civil interna (1976- 1992) acaecida entre o FRELIMO e a Resistencia Nacional Mozambicana (RENAMO), que deixou máis dun millón de mortos e unha gran devastación económica e social.
Consolidada a pacificación nacional e a súa hexemonía política, o FRELIMO afronta un novo período gobernamental de cinco anos, que moi probablemente concentraranse no fortalecemento da institucionalidade democrática e en dar curso aos programas de combate á pobreza.

A pesar das acusacións da RENAMO de presunto fraude electoral, que foron inmediatamente rexeitadas polos organismos internacionais presentes nos comicios, desde a Unión Africana ou a Unión Europea ata a Comunidade Lusófona e a Comunidade para o Desenvolvemento da África Austral, por non atoparse probas verídicas que sustenten as presuntas irregularidades electorais, pode apreciarse unha saudable consolidación política e democrática en Mozambique, iniciada tralos acordos de paz de 1992 que, posteriormente, revalidaron no poder ao FRELIMO nas primeiras eleccións multipartidistas celebradas en 1994, tras case dúas décadas de guerra civil.

Aínda que Simango e o MDM cualificaron estes comicios como unha “ilegalidade democrática”, non sustentaron a tese do presunto fraude defendida pola RENAMO nin as súas demandas de ignorar os resultados electorais e propiciar un goberno de transición ata celebrar outros comicios. Deste xeito, a RENAMO persiste na súa tradición política de denunciar os sucesivos procesos electorais realizados en Mozambique desde 1994.

Probablemente, Simango e o MDM analizaron como óptimos os resultados obtidos, especialmente os oito deputados alcanzados na Asemblea da República, un suceso que rompe o histórico bipartidismo parlamentario entre o FRELIMO e a RENAMO. O MDM é un partido escindido da RENAMO a principios de 2009, polo que a súa primeira participación electoral apreciou un notable resultado.

O actual proceso electoral mozambicano evidenciou igualmente esta consolidación democrática e multipartidista, coa inscrición de 30 partidos para estas eleccións, aínda que o CNE finalmente oficializou a participación de 19 partidos políticos. Aínda así, estas eleccións rexistraron un alto nivel de abstención, estimada nun 56%.

c) Os retos do FRELIMO
O FRELIMO e o presidente Guebuza (un multimillonario home de negocios) deberán agora acometer, entre outros retos, a superación da pobreza.

Segundo as últimas estatísticas oficiais, un 70% da poboación vive na miseria, sendo un 45% a que vive en pobreza extrema. Mentres, un 90% dos mozambicanos viven con menos de US$ 2 ao día. Mozambique ocupa o lugar 172 entre 182 países clasificados nos Índices de Desenvolvemento Humano (IDH) que anualmente realiza o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD). O seu desemprego supera o 20% da poboación economicamente activa, cun PIB per cápita de US$ 900. A loita contra a pobreza é unha prioridade gobernamental, consolidada no Plan para a Redución da Pobreza (PARPA) e pola achega orzamentaria que realiza un grupo de 18 donantes internacionais, sendo eles Alemaña, a Asociación Internacional de Fomento (AIF), o Banco Africano de Desenvolvemento (BAD), Bélxica, Canadá, a Comisión Europea, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza.

Nos últimos anos, o goberno mozambicano alcanzou notables logros en materia de redución da fame. Segundo cifras oficiais, en 2004, ó redor dun millón de mozambicanos padecían fame, reducíndose esta cifra a 120.000 persoas no 2009. Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), entre 1997 e 2003, Mozambique logrou diminuír nun 15% os seus índices de pobreza, significando que tres millóns de persoas saíron dela.

Non obstante, aínda que recoñecen eses avances, diversas asociacións civís cuestionan a veracidade oficial destes índices.

Outro factor a tomar en conta ten que ver coa enorme disparidade económica rexional, principalmente entre a rexión da capital, Maputo, e as do norte do país, en particular Niassa, Nampula e Cabo Delgado. Desde 2006, o presidente Guebuza ven adiantando un amplo proceso de descentralización a favor dos distritos.

Igualmente, os casos de infección co virus HIV/SIDA son significativos en Mozambique, influíndo no seu desenvolvemento socioeconómico.

No político, o FRELIMO tentará consolidar o proceso de reforma institucional e constitucional iniciado a partir de 2004, que permitiu o consenso lexislativo e político para instaurar asembleas provinciais elixidas directamente, unha demanda da RENAMO.

Paralelamente, o FRELIMO aprobou a creación do CNE e unha nova modalidade de inscrición das listas electorais, materia onde atopou unha forte oposición política.
Diversos analistas especulan coa posibilidade de que o FRELIMO tente aproveitar a súa maioría parlamentaria para propiciar outra reforma constitucional a fin de habilitar a Guebuza para competir novamente nos comicios de 2014. Aínda así, oficialmente, o FRELIMO non contempla esta posibilidade.

No apartado económico, Mozambique ven experimentando sólidas taxas de crecemento, pasando do espectacular 8% de crecemento anual entre 1994 e 2006, ao estimado de 4,5% para o 2009. A pacificación do país, unha maior estabilidade política e a apertura aos investimentos estranxeiros, propiciaron estes sólidos niveis de crecemento económico.

Desde 1994, Mozambique iniciou un proceso de liberalización económica, considerado un dos mayores do continente africano, que posibilitou, entre outros resultados, a privatización de máis de 1.200 empresas anteriormente en mans estatais.

d) Un socio clave: China
Un socio económico que cobra importancia capital en Mozambique é China, tal e como se evidenciou no recente foro de cooperación entre a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e China, celebrado o pasado 10 de novembro en Lisboa. Nese foro, a primeira ministro mozambicana, Luísa Días Diogo, eloxiou o feito de que Beijing fora un dos primeiros países que recoñeceu a independencia de Mozambique en 1975.
Historicamente, desde 1960, a República Popular China mantén unha estreita relación
co FRELIMO, movemento ao que apoiou durante a súa guerra de independencia contra Portugal. A presenza chinesa en Mozambique supón unha prolongación do interese de Beijing por fortalecer os seus lazos de cooperación económica e política dentro do mercado africano. Un sector sensible da implicación chinesa en Mozambique ten que ver coa agricultura, onde Beijing, a través do Centro Chinés de Investigación e Transferencia de Tecnoloxía Agrícola, abrirá a principios de 2010 un centro de capacitación agrícola para que expertos chineses ofrezan os seus coñecementos na modernización tecnolóxica e de técnicas agrícolas en Mozambique. Esta perspectiva de modernización agrícola semella constituír un dos piares da implicación chinesa en África. A comezos de novembro levouse a cabo un Foro China- África en Sharm el-Sheikh (Exipto), onde trazouse un plan de actuación 2010-2012 no que a agricultura, a seguridade alimentaria, as infraestruturas, a sanidade e o comercio foron presentados como prioridades para as
relacións entre Beijing e os seus socios africanos.

En xaneiro de 2007, e dentro dunha xira por varios países africanos, o presidente chinés Hu Jintao visitou Mozambique, ampliando unha serie de acordos comerciais, tecnolóxicos, deportivos, culturais (irmandamento entre Shanghai e Maputo) e no sector agrícola. A magnitude do comercio entre ambos países é notorio: China é o terceiro maior socio en importacións de Mozambique, cun 6,1% do volume destas importacións, mentres o país asiático é o sexto maior receptor de exportacións mozambicanas, cun 4,9%.

Entre 2001 e 2007, China condonou máis de US$50 millóns en débeda externa de Mozambique, ao mesmo tempo que adiantou un amplo programa de axuda ao
desenvolvemento no país africano, outorgando “créditos brandos” para a construción de infraestruturas. Un factor que explica porqué Mozambique aposta pola cooperación chinesa para afianzar o seu proceso de desenvolvemento socioeconómico.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES