Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Empatía:mira desde os meus ollos e verás...

lunes, 23 de noviembre de 2009
Todos temos usado algunha vez un deses aparellos que hai nos miradoiros para ver mellor a panorámica. Quizais mesmo temos mirado as estrelas cun telescopio. Quen non ten unha lupa ou unhas gafas de cerca? Dá gusto descubrir os misterios do minúsculo, do imperceptíbel, investigando cun microscopio. A capacidade de ver é unha verdadeira marabilla. Mas nin sempre vemos axeitadamente nin miramos adecuadamente. Probastes a mirar desde os ollos dos demais e ver o que eles están a ver ou sufrir?

Só me comprenderás ben cando te poñas no meu lugar e olles a vida cos meus ollos. Cos da cara e, principalmente, cos do corazón. Non se trata de que me apartes do meu sitio e fagas por min o que é responsabilidade miña. Iso sería anularme. Eu preciso que me axudes a ver, non que me aniquiles. Ponte ao meu lado ou mesmo detrás. E así, no silencio interior, escóitame, aténdeme e trata de comprenderme nas miñas circunstancias. Daquela empezarás a alcanzar algo moi importante para ti e para min: “Eu, do que este, posibelmente reacionaría da mesma maneira”.

Xa estás no punto de partida. Pero non te deixes arrastrar polo problema. Ese é outro erro moi común. Céntrate en min, na miña persoa, que é quen está magoada. E desde ese punto de mira, desde a miña persoa, trata de comprenderme. Non. Non me chores as penas. Iso xa o fago eu. Mírame a fondo e trata de ver en min as potencialidades e posibilidades que eu non acerto a descubrir. Todo iso que está adormecido dentro de min e eu nunca souben deixar saír para me construír. Axúdame a crer en min mesmo e tamén nos demais. Fai posíbel en min o encontro co Deus da liberade, do amor e da xustiza, que me quere de pé e nunca arrastrado. E quéreme con futuro.

Alenta en min esas pequenas luces que ti descobres. Axúdame a que abrollen nas silveiras do meu camiño esas pequechas flores brancas de esperanza para que as espiñas nunca afoguen a tenrura, que foi nacendo, día a día, no amor que as chamara.

Abáixate a min. Chega ata o fondo do pozo onde estou sumido e espétate na mesma lama na que os meus pés se cravan. Agárrame con forza, para que tamén eu me prenda á mesma corda que para salvarte e salvarme un día con ousadía te arriscaches a aproximarme. Pero non te deixes envurullar. Por favor, eu non preciso que ti te afogues nin que coma min te fagas. Necesítote libre. Precisamos saír os dous. Con feridas, tal vez. Pero saír á luz e así vivir de novo. E cadanseu realizar o seu proxecto vital.

E logo, déixame libre para avanzar. Protéxeme coa túa mirada sempre animadora mentres te gozas de verme rexurdir de novo. Irei erguendo o voo. E desde o horizonte, lonxano, seguirémonos mirando en liberdade, ambos emocionados, porque volvín a ser eu mesmo pero renovado. Axudáchesme a ser un novo “Xoán Salvador Gueivota”.

Desde o miradoiro do tempo e do espazo sigo ollando os teus acenos de aplauso. Estiveches ao meu lado cando te necesitei. Nunca me pediches nada a cambio. Sempre me deches liberdade para autovalorarme e autorrealizarme.

A isto os entendidos chámanlle EMPATÍA.

Eu estouche agradecido e lévote no corazón.

Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania