Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Baixo o xugo contemporáneo

lunes, 16 de noviembre de 2009
Ó igual que Sócrates ficaba abraiado da cantidade de cousas que non precisaba cando paseaba polo mercando, eu sorprendinme de toda a información prescindible á que se pode acceder navegando polas redes sociais. Agora sei que a Lucía de Arteixo gústalle a comida china e o ballet, que Hugo agregou recentemente á súa rede de amigos a Paco, co que comparte a prosaica afección polo “tunning” e que Susana, unha adolescente de Carballo, “colga” en Internet instantáneas das súas pernas espidas, obtidas cunha Kodak P850 de zoom dixital, para alimentar un chisco máis o seu ego cando os seus contactos comentan admirados o xenerosa que foi a Natureza co seu físico asombroso. Asuntos banais, dende logo. Claro que, no medio de todo este intercambio de información globalizada, tamén se expoñen datos persoais (números de teléfono, lugares de residencia, apelidos, costumes, afeccións…) sen ningún tipo de pudor nin de reparo. Un acto de puro exhibicionismo virtual que contrasta co celosos que nos amosamos da nosa vida “real”.

Porén, semella que ó deixarnos seducir polos atractivos da tecnoloxía, toda precaución é innecesaria. Quen non “se etiquete” nas fotos dos seus amigos e non deixe algún comentario superfluo sobre as mesmas ou quen non envíe un correo electrónico ou unha mensaxe instantánea a algún dos seus contactos -as máis das veces meros descoñecidos cos que se mantén unha relación exclusivamente cibernética- non existe.
As regras do novo camiño audiovisual son duras e elocuentes de seu: ou estás nalgunha rede social, ou non estás no mundo. Será que a nosa existencia, hoxe en día, tal vez só poida xa chegar a ser virtual. A elección, agora, redúcese ou a procurar establecer os vínculos sociais “á antiga usanza” -en directo e cara a cara- correndo o risco de ser tachado de romántico, de reaccionario e mesmo de antisistémico, ou ben a entrar polo aro: pasar a formar parte do Facebook, de MySpace, de Tuenti, de Twitter… dun longo etcétera de redes sociais nas que os individuos, sumidos no culto posmoderno á individualización e na necesidade de pertenza a un grupo, personalizan os seus perfís cibernéticos crendo que son importantes e atopan na web, cuxa información está exposta ó longo e ancho do mundo, paradoxalmente, un espazo íntimo no que reflectir esa necesidade de presentarse ante os demais nun vano intento por coñecerse -ou recoñecerse- ante eles mesmos.

Inmersos nun universo virtual que reforza uns falsos lazos sociais, a actitude dos usuarios é relaxada. Toda privacidade queda anulada e así, o control das masas, vítimas do seu propio erro, está garantido. ¿Para que procurar os seus datos cando son eles os que os brindan xenerosamente ó gran público? Tal vez foi isto o que pensou a CIA cando investiu, antes de que fora unha das redes máis populares de Internet, un “capital de risco” - corenta millóns de dólares - no proxecto de creación do Facebook, obra de Mark Zuckerberg, un mozo de vinte e tres anos que pasou a ser “o neno marabilla”.

¿Acaso é o usuario o que controla a información sobre si mesmo que expón no escaparate das redes sociais? En ningún caso. Un exemplo é o que aconteceu co xornalista William Bemister, falecido o pasado novembro. Trala súa morte, a súa irmá Stephanie pediu a Facebook que retirara o seu perfil público. Os responsables da rede social, alleos ó sufrimento da familia, negáronse a facelo aducindo á súa política cos usuarios falecidos, segundo a cal convertían en conmemorativas as páxinas dos defuntos.

Nun mundo globalizado, rexido pola teoría dos “Seis grados de separación” que asegura que é posible acceder a calquera persoa do planeta en tan só seis “saltos”, o home nunca estivo tan preto e tan lonxe a un tempo dos seus semellantes. O artificio das redes sociais condénao á peor das soidades: a aquela que se sofre en compañía. Xusto cando máis libre podería ser pondo a tecnoloxía ó seu servizo, o ser humano convértese na súa propia presa renunciando á liberdade básica da intimidade.

Dicía Diógenes que “hai que ter cordura para vivir ou corda para aforcarse”. Tal vez, nesta sociedade caótica e falta de valores, sexan as redes sociais unha forca moderna.

Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES