Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"Olliños de Mel": A Aceptación Incondicional

miércoles, 11 de noviembre de 2009
Así de entrada resulta forte. Non si? Pois cando de verdade se pretende axudar, non hai outra. Se o mestre quer facer algo ten de acoller ao alumno como chega e tal como el é. Non como nos gustaría que xa fose. Nos coidados de enfermería, na atención médica, en calquera xanela de calquera negociado, canto agradecemos que nos acollan sen xulgarnos por adiantado, nin polas aparencias, nin polo ben ou mal vestidos, ou polas primeiras impresións, etc.

Olliños de mel, cantan nunha das habaneras nas “Pepitas” de Ferrol. Sempre me emocionei con esa mensaxe. Ollares doces e suaves. De comezo, todos temos dez puntos no permiso de conducir. Pois a vida dunha persoa é moito máis ampla e misteriosa do que unha tarxeta de plástico acreditativa dunha habilidade determinada. Todos, sen excepción, precisamos moito dos olliños de mel. Unha mirada tenra, unha palabra cálida, un xesto acolledor dicimos que son sanantes e saudábeis. Logo ao longo da “escoita activa”, xa se verá cal vai sendo a ruta a seguir.

Toda relación, en certo senso, ten de ser de axuda. E se as relacións máis variadas non teñen ese “certo senso” de axuda, teriamos de pensar se son de verdade relacións, ou máis ben son outra cousa que eu agora aínda non quero cualificar. Prefiro que as conclusións as faga sempre o interlocutor, como estamos a facer na Escola de Saúde.

“Sentirse aceptado é unha necesidade experimentada por todos en calquera relación interpersoal profunda, pero sobre todo por quen ten necesidade de axuda.” Consideración positiva da propia persoa do outro. Máis do que dos seus feitos, que sexan bos ou regulares, sempre pertencen e se moven no periférico. Niso que Ortega calificou de “as miñas circunstancias”. Cando escoitamos o relato dunha vida cos ollos do corazón, recobramos os olliños de mel para a acollida e o respecto da persoa. Somos moi moralizantes para os outros. Lembramos aquilo de ver moi ben un pequeno lixo no ollo do veciño pero non acertamos a ver a viga nos nosos propios. (Mt 7, 1-5).

Por que unha nai, un pai, os avós sacan os fillos adiante? Olliños de mel. Aceptación incondicional da persoa. Os feitos poden ser discutíbeis: --“E diso xa falaremos, pero agora, de momento, ti entra na casa, déixame que te abrace, fillo, filliña, e que choremos e riamos xuntos e despois ...” -- Despois que? -- Despois temos de sacar adiante este rapaz, esta moza. Eu sigo crendo en ti. A ver se tamén ti podes crer en ti.

Milagres do amor. Milagres do moito sufrir. Nunca se escribirán nos libros os milagres dos olliños de mel. A parábola do fillo pródigo e do Pai misericordioso, (Lc 15, 11-20), sobrepasa todo enfoque reducionista. ACEPTACIÓN INCONDICIONAL. C. Rogers sabía ben o que estaba a dicir. E revolucionou a psicoloxía.: “Significa aceptar sen condicións á persoa á que se lle pretende axudar, con todo o seu presente, o seu pasado e o seu futuro, co seu modo de expresarse e de vivir, sen reservas e sen xuízos de valor.”
“E iso implica: Ausencia de xuízos moralizantes. Confianza e consideración positiva do e para co axudado. Acollida de toda a súa persoa, principalmente do mundo emotivo. Cordialidade no trato”.

A nosa doce lingua e cultura galegas, tan vilmente maltratadas e desprezadas polos seus coidadores, obrigados legalmente á tutela, tamén están a esixir de todos nós consideración positiva e aceptación incondicional. De nada.

Olliños de mel.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania