Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Epistolario republicano

miércoles, 04 de noviembre de 2009
Da man do profesor Xesús Alonso Montero chegou ás nosas mans un epistolario que foi presentado no Liceo de Ourense o pasado 5 de outubro, día do patrón da miña urbe natal, é dicir, día de San Froilán. Por motivos profesionais perdín a data festiva na miña localidade e logo aproveitei a tarde para asistir á presentación do volume titulado Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948).

Cumpríndose 30 anos do nacemento de Xerais, segundo afirmaba no acto o seu editor e director Manuel Bragado, o volume de Alonso Montero vén a engrosar o acervo cultural na nosa lingua, sumándose a unha lista de máis de tres mil títulos publicados. O conxunto do epistolario consta de 120 cartas escritas por 57 persoas nun momento decisivo das súas vidas, antes de seren axusticiadas e xa coa esperanza perdida.

O libro foi descrito como ‘estremecedor’, mesmo ‘arrepiante’, sendo tamén unha obra aberta á futura incorporación de novos documentos, xa que na xornada de presentación en Ourense o profesor Alonso Montero recibiu unha nova epístola (de María Dolores Alonso, segundo anunciou) que se une ás outras tres das que ten noticia dende que o libro saíu do prelo.

Desas 120 misivas o autor, con claro compromiso político, confesou que 40 eran inéditas. Aparecen no volume por vez primeira, logo de que iniciase a súa pescuda a finais do ano 63. Entre todo o material destacou a carta de Manuel Estévez Gómez, cuxo retrato (feito polo pintor Benito Prieto Coussent, tamén preso no cárcere de Tui) figura como portada do libro. Era ‘un albanel de poucas letras, pero con talento, xa que fixo versos’. Outras das destacadas foron as de Alexandre Bóveda ou Víctor Casas, que no momento de máis angustia das súas vidas aproveitan a escrita para despedirse da familia e do partido comunista. Os autores fan así o seu testamento, ás veces co intento de salvar a súa vida, declarándose católicos; outras, reafirmándose nos seus principios. Hai cartas que se escriben sabendo que van ser vistas polos funcionarios do cárcere e outras que circulan polas vías da clandestinidade e que chegan a nós sen autocensura.

Todas están en castelán, agás catro. Teñen como destinatario a muller, a nai, o pai, os irmáns, o partido... pero detrás desas persoas está tamén o lector de hoxe. Así, o autor destacou a carta enviada por José Domínguez González a unha muller, Angelina, dende a prisión de Vigo. Pídelle que non rompa a epístola, que de cando en vez a lea e se lembre del. Seguiu ese dictamen e hoxe o destinatario é a propia historia, contando con tal documento.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES