Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Europa despois do referendo irlandés

miércoles, 04 de noviembre de 2009
a) Introdución:
Trala aprobación do Tratado de Lisboa no segundo referendo realizado en Irlanda o pasado 2 de outubro (cunha negativa no 2008 que supuxo un duro golpe para Unión Europea), Bruxelas afronta un novo período, marcado pola necesidade de consolidar este tratado como referencia da integración, confiando na súa entrada en vigor en xaneiro de 2010, coincidindo coa presidencia española da UE.
Non obstante, xorden obstáculos inmediatos. A pesar da recente aprobación por parte do goberno polaco, a resistencia do presidente checo Vaclav Klaus a subscribir este Tratado, sendo a República Checa o único país pendente de ratificación, reflicte as dificultades de Bruxelas para avanzar no seu proxecto de integración, reaccións deste vez orixinadas nun país tradicionalmente europeísta e atlantista.
Paralelamente, a UE impulsa a aplicación deste tratado barallando unha serie de candidaturas destinadas a elixir un presidente para Europa. As opcións están centradas, principalmente, no ex primeiro ministro británico Tony Blair; o ex presidente español Felipe González; o ex primeiro ministro holandés Jan Peter Balkenende; e o ex primeiro ministro belga Guy Verhofstadt.
Nesta lista, Blair semella erixirse como o candidato con maiores opcións, aínda que a súa eventual elección non deixa de manifestar contrariedades e controversias en diversos países europeos, o cal acrecente os dilemas internos da UE.

b) Pulsando a integración
O pasado 2 de outubro, un 67% dos irlandeses aprobaron vía referendo a ratificación do seu Tratado de Lisboa, proceso que foi seguido o pasado 10 de outubro coa firma en Varsovia, por parte do presidente polaco Lech Kaczynski, do texto de ratificación deste tratado.
Non obstante, a aprobación irlandesa estivo fortemente mediatizada por unha activa campaña propagandística impulsada dende Bruxelas (con presións políticas de por medio), destinada a evitar unha repetición da derrota deste tratado acaecida o ano pasado. Con ese certo nivel de coacción que premeu na repetición deste referendo, Bruxelas reforzou a persuasión cara a poboación irlandesa sobre a necesidade de ratificar este tratado.
Igualmente, a crise económica global afectou seriamente a unha economía como a irlandesa, tan puxante como dependente dos mercados europeos.
Este factor pode explicar o repentino apoio irlandés ao Tratado de Lisboa. A fin de garantir este apoio, Bruxelas activou a súa sutil diplomacia, realizando concesións a Dublín en materias sensibles como a neutralidade irlandesa nos asuntos exteriores europeos e noutros asuntos como as políticas cara a familia, o aborto e a política fiscal.
Persuadido pola aprobación irlandesa, o moderadamente euroescéptico presidente polaco Kaczynski, asinou o documento de ratificación nun momento en que Polonia tenta asegurar determinadas bazas no seo das estruturas da UE, especialmente agora
que o seu ex primeiro ministro Jerzy Buzek preside o Parlamento europeo.
Non obstante, a sensación de alivio en Bruxelas emanada da aprobación irlandesa e polaca do Tratado de Lisboa obriga a afrontar con maior moderación ante outras perspectivas non tan favorables. Segue a apreciarse un ambiente de parálise e inseguridade política na UE para impulsar un definitivo proceso de integración, así como certo letargo ante as negociacións de futuras admisións, como son os casos de Croacia, Islandia e Bosnia-Herzegovina, e doutros candidatos con maiores obstáculos para a súa admisión, como Turquía, Serbia ou Ucraína.
Paralelamente, cabe considerar a singularidade do momento político europeo. A reelección en setembro da chanceler alemana Ánxela Merkel e do primeiro ministro portugués José Sócrates reafirman as perspectivas de consolidar o Tratado de Lisboa como a referencia matriz do proceso de integración, recollendo os postulados esenciais da fracasada Constitución europea.
Sen embargo, cómpre observar a evolución da situación en Gran Bretaña, ante as dificultades políticas do goberno laborista de Gordon Brown que poden propiciar unha convocatoria de eleccións para o 2010, con altas posibilidades de vitoria para o candidato conservador torie David Cameron. Cameron defende someter a referendo popular a ratificación do Tratado de Lisboa, un escenario que pode repetir en Londres o incómodo rexeite irlandés de 2008, tendo en conta tamén o ascenso doutros partidos
antieuropeístas como o Partido Nacional Británico (BNP).

c) O desafío checo
Neste sentido, o obstáculo máis visible para a ratificación do Tratado de Lisboa está actualmente centrado na República Checa, onde o pasado 29 de setembro un grupo de 17 senadores conservadores, partidarios do presidente Vaclav Klaus, presentaron ante o Tribunal Supremo un recurso de inconstitucionalidade sobre este tratado, por considerar que non é compatible coa soberanía checa.
A decisión quedará agora nas mans do Tribunal Constitucional dese país. En maio pasado, o Senado checo aprobou o Tratado aínda que posteriores enquisas revelaron que un 60% dos checos están en contra.
Polo tanto, o presidente Klaus erixiuse nun dos principais detractores do Tratado de Lisboa. De perfil euroescéptico e cunha gran popularidade no seu país, Klaus reafirmou a súa posición contraria ao tratado incluso apelando ao nacionalismo checo, desenterrando feridas de carácter histórico tras facer recentemente referencia ao caso dos Sudetes, territorio checo ocupado pola Alemaña nazi en 1938 e que, posteriormente, retornou á soberanía de Praga en 1945.
Igualmente, Klaus ven criticando o que considera como “déficit democrático” na Comisión e Parlamento europeos. A súa crítica posición contra o Tratado de Lisboa obtivo a mediados de outubro unha inédita sucesión na veciña Eslovaquia, onde o goberno advertiu a Bruxelas dunha posible reprodución da negativa checa.
O punto clave da fricción de Klaus e dos seus partidarios semella centrado no asunto da soberanía checa, especialmente ante a ampliación de poderes cara a presidencia da Unión Europea e o Alto Representante da Política Exterior, tal e como contempla este tratado.
Este reforzamento de poderes determinaría que o presidente da UE se responsabilizará da representación exterior do organismo e presidirá os Consellos Europeos por un período prorrogable de dous anos e medio. Pola súa banda, o alto representante da política exterior da UE exercerá tamén de vicepresidente da Comisión Europea, e presidirá os Consellos de Asuntos Exteriores da UE.
Con este panorama, o Tribunal Constitucional checo podería tardar varios meses en emitir unha decisión final, o cal obstaculizaría a aplicación deste tratado previsto para xaneiro de 2010. Incluso, este retraso pode coincidir coa posible realización de comicios xerais en Gran Bretaña e coa presumible vitoria dos conservadores de Cameron, con pretensións de someter este tratado a un novo referendo popular.
Velaí que diversos analistas e políticos checos temen a activación de represalias políticas dende Bruxelas, no caso de que o Tribunal Constitucional checo retrase a decisión ou ben se a mesma contraría a aplicación do Tratado de Lisboa.
A posibilidade dun illamento checo no seo da UE, provocado polo rexeite a este tratado, é un escenario que tamén esperta temor en Praga, incluso ao mesmo Klaus. Ante as demoras da súa firma presidencial, incluso considérase que a oposición checa, dominada
polos socialdemócratas, utilizarían un último recurso: forzar unha moción de censura no Parlamento contra Klaus, para destituílo antes de que finalice o seu mandato en 2013.

d) A UE busca presidente
Fortalecida pola aprobación irlandesa pero contrariada pola negativa checa a ratificar o tratado, a UE acomete outro escenario político tendente a impulsar a aplicación formal da súa constitución política: a elección dun presidente.
Neste sentido, os candidatos con maiores posibilidades de alcanzar a presidencia da UE están centrados en torno a:
Tony Blair (56 anos): laborista, ex primeiro ministro británico (1997-2007), de coñecida posición atlantista, foi representante do Cuarteto de Paz para Oriente Próximo.
Felipe González (67 anos): socialista, ex presidente español (1982-1996), recoñecido
europeísta, é actualmente o presidente do Consello de Sabios da UE.
Jan Peter Balkenende (53 anos): demócrata cristiá, primeiro ministro holandés desde
2002.
Guy Verhofstadt (56 anos): liberal, ex primeiro ministro belga (1999-2008), lidera
actualmente a bancada parlamentaria dos liberais en Bruxelas.
Mary Robinson (65 anos): ex presidenta irlandesa (1990-1997) e ex Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos (1997-2002), de tendencia progresista e independente.
Vaire Vike Freiberga (71 anos): ex presidenta de Letonia (1999-2007), formou parte do grupo de expertos para a reforma da ONU.
Entre todas estas candidaturas apréciase un certo favoritismo para as opcións de Blair de converterse no primeiro presidente da UE estipulado no Tratado de Lisboa. Non obstante, a súa eventual elección tamén esperta contrariedades en Bruxelas e no resto de Europa, tendo en conta a súa vocación atlantista que, en anteriores momentos como a guerra de Iraq (2003), provocou unha fenda de gran magnitude no seo da UE.
Países como Bélxica, Holanda e Luxemburgo elaboraron a principios de outubro un documento que perfilaría os requisitos do que debería ser o presidente da UE: “demostrada vocación europeísta, con visión global das políticas da UE”. De acordo con estes requisitos, moitos dubidan que Blair cumpra con este perfil.
Polo contrario, candidaturas como as de González, Balkenende e Verhofstadt corresponderían máis.
Ao igual que a elección do presidente da UE, estase a elixir quen ocupará a carteira do Alto Representante de Política Exterior da UE. Os candidatos son Michel Barnier, conservador, ex ministro francés; o tamén conservador Chris Patten, ex ministro británico e ex comisario europeo; Margot Wallström, socialdemócrata e ex vicepresidenta da Comisión Europea; e Franco Frattini, ex ministro de Exteriores italiano e ex comisario europeo de Interior e Xustiza.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES