Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Paseo dos soños

viernes, 30 de octubre de 2009
No Paseo dos soos O sábado, 24 de outubro, choveu todo o que había arriba almacenado e algo máis, vindo coincidir precisamente coa homenaxe que no vilalbés Muíño do Rañego se lle rendeu ó escritor Xavier Puente Docampo, organizado por Xermolos e a Fundación Manuel María.

O caso é que, despois da mesa redonda de homenaxe fomos a inaugurar a estatua de Valdi que acredita esta homenaxe, e gracias que fun de ganchete con Gerardo Criado, o Alcalde de Vilalba, que levaba un paraugas da Fundación Terra Chá, que se non a auga vilalbesa houberame posto coma un pito.

Un dos que interviñeron indicou que en Vilalba chovía case sempre, cando non nevaba. E non ousei interrumpilo porque o tempo púxose a darlle a razón a quen non a ten, que non chove alí máis ca noutros lados. E cando de Vilalba vin para Lugo, xa hai ben tempo, tiven ocasión de comprobar que falando de fríos e de auga Lugo queda tan ben como Vilalba.

Grans de arroz polo chan evidenciaban que no Muíño do Rañego casan os vilalbeses, e a curiosidade que moitos dos asistentes mostraban polos muíños evidenciaban o acerto do concello vilalbés en ter rescatado este conxunto etnográfico e monumental para garantir o seu futuro.

Ó mellor aínda hai quen non sabe que o paseo vilalbés que desde o Rañego ata os Freires se chama “O Paseo dos soños”, e que nel vai colocándose cada ano un “hectómetro literario” en homenaxe a un escritor chairego. Eso a pesar de que, como me dixo o Alcalde, son moitos vilalbeses os que fan este paseo, andando ou correndo, á beira do río, imprescindible xa nestes tempos nos que se valoran -e se precisan- as camiñatas como remedio para coidar da saúde.

Desde o Rañego ata os Freires hai, aproximadamente, tres kilómetros. Contando a ida e a volta, dan para sesenta escritores e sesenta anos, polo que como xa levamos catro comenteille ó alcalde que nos quedan só para cincuenta e seis, tendo que pensar a ver que facemos despois.

De broma ou de veras, quedamos en pensalo, que tampouco se trata de poñerlle límites á Nai Natureza, e cincuenta e seis anos pasan en seguida.

Tede a seguridade os que esto leades que o vilalbés "Paseo dos soños" é o sitio perfecto para perderse sabendo que un ha encontrarse á ida ou á volta con xente coñecida, con amigos, coa natureza ou consigo mesmo.

Hai xa catro pequenos monumentos colocados que han chamar, sen dúbida, a atención dos camiñantes... Un deles homenaxea a Manuel María, lembrando a publicación da súa obra “Os soños na gaiola”, outro a Paco Martín e o seu libro “Das cousas de Ramón Lamote”. O terceiro é do vilalbés Agustín Fernández Paz, que este sábado tamén estivo no Rañego. E o cuarto e último, polo de agora, é o que destaca “O misterio das badaladas” e toda a obra de Xavier Puente Docampo, que naceu en Rábade, os pais eran da zona de Castro, e conta como ninguén os contos que foron e seguen a ser a alma da nosa terra.

Xa digo que no Rañego, choveu a Deus dar. Pero aínda así resultou un día cheo de calor, luminoso, cheo de esplendor. E volveu tocar o tamboril un rapaz que se chama Avelino Pousa Antelo, que foi amigo de Castelao, tocou en orquestas, é historia viva de Galicia, ten unha cabeza que pensa clariño, clariño, e anda a celebrar os seus primeiros noventa e seis anos como se fose un mozo de vintetantos. Seguro que el tamén aposta por participar eses próximos cincuenta e seis anos.


Nota: Fotografías de Paulo Naseiro.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES