Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do G-20 ao cumio ASA

jueves, 08 de octubre de 2009
Do G-20 ao cumio ASA: Dúas visións para o mundo do século XXI

a) Introdución:
Os cumios do G-20 e de África e América do Sur (Africa-South America, ASA), celebrados entre o 25 e o 27 de setembro respectivamente en Pittsburgh (EEUU) e a illa de Margarita (Venezuela), consolidaron dúas visións sobre o actual estado do mundo, en especial de cara á crise económica e a configuración dun sistema internacional multipolar.
Por unha banda, o cumio de Pittsburgh afondou nunha visión estritamente economicista como principal materia de discusión, ampliando a perspectiva para consolidar ao G-20 como o principal foro económico e xeopolítico mundial, superando incluso ao tradicional G-8 e reforzando o poder das potencias emerxentes.
No que respecta ao cumio ASA, o mesmo consolidou varios niveis de relación entre os países do Sur, establecidos entre as nacións africanas e sudamericanas, afirmando unha ampla visión da cooperación birrexional destinada a “ratificar as teses do Sur na axenda internacional”.
Se o cumio do G-20 tivo ao seu anfitrión, o presidente estadounidense Barack Obama, como a figura central, o cumio ASA tivo o seu foco de atención no anfitrión Hugo Chávez e o presidente libio Muammar al Gadafi, quen por vez primeira pisaba solo latinoamericano. Así, este cumio de Margarita certificou o dinámico proceso de reinserción internacional de Libia como un actor con prioridades de apertura exterior.

b) Do G-8 ao G-20
Varias perspectivas sobre o estado da economía do mundo foron discutidas no Cumio do G-20 celebrado en Pittsburgh (EEUU) entre o 25 e 26 de setembro. Con 50 puntos recollidos no Documento de Conclusións Finais, este cumio determinou un paso decisivo na designación do G-20 “como o foro principal para a nosa cooperación económica internacional”, acordando realizar futuras reunións en Canadá (xuño 2010), Seúl (novembro 2010) e Francia (2011).
Este traspaso de balanza de poder do G-8 ao G-20 suporá a certificación global das denominadas “potencias emerxentes” como polos en ascenso dentro do escenario internacional, atendendo as súas demandas e prioridades. Deste xeito, o G-20 incluiría unha conformación plural e mixta de países e bloques
de poder, establecidos en torno ás potencias económicas integradas no G-8 (EEUU, Alemaña, Xapón, Canadá, Francia, Gran Bretaña, Italia e Rusia); as potencias emerxentes do G-5 (Brasil, China, India, México e África do Sur); o Grupo BRIC (Brasil, Rusia, India e China), así como outros países como Arxentina, Australia, Arabia Saudita, Corea do Sur, Indonesia e Turquía, ou a Unión Europea.
Se ben a declaración final de Pittsburgh certificou o fortalecemento do G-20 como paulatino substituto do G-8 como referente dos asuntos económicos mundiais, resta por observar os pasos que se darán para fortalecer
este grupo e activar os mecanismos de recuperación económica.
A declaración final ilustrou que se ben están funcionando determinadas medidas de recuperación económica, a mesma “continúa incompleta” nun
momento en que “a produción mundial estábase reducindo a un ritmo non visto desde a década de 1930”.
Velaí o empeño en afondar as responsabilidades do G-20 como referente económico mundial, concedendo novos poderes ao seu Consello de Estabilidade Financeira e considerando unha histórica reforma financeira global que considere ao Fondo Monetario Internacional (FMI) como unha especie de “organismo operativo” do G-20.
Precisamente, a reforma financeira mundial foi un aspecto clave, tomando en conta o apoio de EEUU á proposta do Grupo BRIC de adiantar esta reforma
para o 2011, consistente en incrementar dun 43% a un 48% os dereitos de voto, así como a representación e capacidade de influencia, das potencias emerxentes nas decisións do FMI. Os asistentes ao cumio consideraron tamén a supervisión das actividades da banca mundial (quedando en suspenso o tema dos salarios dos banqueiros), a fin de reducir os riscos e os excesos que provocaron a actual crise económica global.

Sen esquecer a discusión de temas puntuais como a condena ás pretensións nucleares de Irán ou a polarización sobre o cambio climático (especialmente
entre EEUU e China), un tema recorrente de discusión estivo concentrado na posibilidade de certificar o fin da hexemonía financeira do dólar estadounidense a favor do reforzamento dos Dereitos Especiais de Xiro (DEX), teses defendida por China e Rusia. Así, o fortalecemento do G-20 como principal referencia económica mundial significaría, a mediano prazo, a consolidación de EEUU e China como principais potencias globais neste século.
Cómpre igualmente observar os cuestionamentos de diversos analistas sobre a calidade democrática, a defensa dos dereitos humanos e a enorme fenda socioeconómica en países membros do G-20 como Arabia Saudita e, incluso, India, Turquía e Rusia. En todo caso, a potencialidade económica e demográfica semella clarexar a solidez do G-20 reforzado en Pittsburgh: os seus membros concentran practicamente o 90% da produción económica mundial e dúas terceiras partes da poboación do planeta.

c) As voces do Sur
Se o cumio do G-20 centrouse case absolutamente nos aspectos económicos, no II Cumio África e América do Sur (ASA) celebrado na illa de Margarita (Venezuela) o pasado 26 e 27 de setembro, predominaron máis os aspectos políticos, especialmente orientados á necesidade de consolidar unha visión multipolar baixo perspectivas do Sur.
O amplo abano temático abarcou máis de 20 temas de discusión, destacando a enerxía, o comercio, a cooperación en infraestruturas e a loita contra a pobreza.
En total, a este cumio asistiron 8 mandatarios sudamericanos e 20 presidentes de países africanos, así como varios altos representantes gobernamentais
que elevaron a cifra de asistentes a 66 países. Entre eles, o máis significativo foi o presidente da Jamahiriya Árabe Libia Popular e Socialista, Muammar al Gadafi, quen por vez primeira pisaba territorio latinoamericano.
Asi pois, este cumio reafirmaba a vocación de propiciar a reinserción libia nos foros e organismos internacionais, ao acordar que o III Cumio ASA celebrarase en Trípoli no 2011. Posteriormente, Gadafi visitou Caracas para asinar acordos de cooperación enerxética, de reforma das institucións internacionais e de fortalecemento da posición de África e América do Sur dentro do novo contexto global.
Igualmente, estiveron presentes en Margarita mandatarios sudamericanos como o brasileiro Lula da Silva e a presidenta arxentina Cristina Fernández
de Kirchner, os cales un día antes asistiran ao cumio do G-20 en Pittsburgh. Outros mandatarios con presenza relevante no II Cumio ASA foron o ecuatoriano Rafael Correa, o boliviano Evo Morales e o controvertido mandatario de Zimbabwe, Robert Mugabe.
O II Cumio ASA permitiu ao anfitrión presidente venezolano Hugo Chávez revalidar a súa visión de cambio no sistema internacional, unha vez asegurara
na inauguración que “o mundo será multipolar, con África como un gran polo e Sudamérica igual”. Esta visión multipolar require consolidar os lazos de cooperación entre os países do Sur, nun exemplo por revitalizar o decaído Movemento dos Países Non Aliñados baixo perspectivas propias do século XXI.
Neste sentido, cómpre considerar que a Declaración Final deste cumio afirmou como demanda principal a necesidade de reformar o Consello de Seguridade da ONU, tese especialmente defendida por Lula, Gadafi, Chávez e o mandatario sudafricano Jacob Zuma.
Afloraron así as pretensións brasileiras e sudafricanas por alcanzar un posto nun hipoteticamente ampliado Consello de Seguridade, como parte do proceso de reforma da ONU.
Paralelamente, e aínda que a declaración final non recollera esta petición, Gadafi defendeu a tese de crear unha Organización de Defensa do Atlántico
Sur, anteriormente defendida polo propio Chávez en diversos foros rexionais.
En todo caso, o cumio de Margarita permitiu un sólido achegamento político e económico entre organismos de integración como a Unión de Nacións
do Sur (UNASUR) e a Unión Africana (UA), e adoptou unha posición firme sobre o fin do embargo estadounidense cara Cuba, condenando de forma unánime o recente golpe de Estado en Honduras.
Outro aspecto importante deste II Cumio ASA foi a creación do Banco do Sur, impulsada por Chávez e integrado por Arxentina, Bolivia, Brasil, Ecuador,
Paraguai, Uruguai e Venezuela, cun capital inicial de US$ 20.000 millóns, dos cales un total de US$ 4.000 millóns serán inicialmente aportados a partes iguais por Brasil, Arxentina e Venezuela.
Baixo o hipotético nome de BANCASA, o Banco do Sur espera ampliar a súa proxección cara os países africanos coa finalidade de financiar programas
de desenvolvemento e de cooperación económica, tomando en conta que o comercio birrexional ascendeu de US$ 6.000 millóns a US$ 36.000 millóns anuais nos últimos anos.

d) Cuestión de prioridades
Nos últimos anos, África e América do Sur veñen avanzando na súa inserción e diversificación tanto de socios exteriores como dentro dos organismos internacionais, conxuntando estratexias e cooperación e integración con outras potencias emerxentes como China, India, Rusia, Turquía e Irán.
Sen embargo, resta observar se os cumios ASA permitirán afirmar unha maior interrelación entre os países do Sur ou ben se, finalmente, predominará unha visión máis orientada á cooperación Norte-Sur, establecida por países con intereses cada vez máis globais como Brasil e Sudáfrica.
Polo momento, os países africanos e sudamericanos afirmaron a súa vontade de reformar un mundo con marcado ton multipolar. Paralelamente, o G-20 semella máis orientado a cifrar as súas expectativas na activación de mecanismos que permitan unha pronta recuperación económica global. En Pittsburgh e a illa de Margarita déronse cita dúas visións que contribuirán a modificar os patróns de poder global nos próximos anos.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES