Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alemaña: Dura reelección para Merkel

miércoles, 30 de septiembre de 2009
a) Introdución
Nunha conxuntura determinada polos efectos sociais da recesión económica e coa imprevista influencia da campaña militar en Afganistán dentro do debate electoral, Alemaña celebrará o próximo 27 de setembro uns comicios lexislativos onde a actual chanceler Ánxela Merkel, da formación demócrata cristiá CDU, busca a súa reelección para un novo período de catro anos.
A participación alemá na campaña militar en Afganistán converteuse, de improviso, nun tema polarizador da campaña electoral. A balanza oriéntase de cara ás presións políticas para que o próximo goberno continúe ou non co compromiso da OTAN no país centroasiático, incluso coa posibilidade de dar curso a unha retirada militar alemá a longo prazo.
Favorita nas enquisas, Merkel sufriu a finais de agosto sendas e sorprendentes derrotas electorais nos länder de Sarre e Turinxia que, subitamente, complicaron as súas perspectivas electorais. Se ben diversas enquisas outórganlle a Merkel unha vantaxe sobre o seu opoñente Frank-Walter Steinmeier, do socialdemócrata SPD, apreciase tamén certo desgaste na súa candidatura, o cal está propiciando un notorio ascenso electoral dos liberais do FDP e do partido A Esquerda (Die Linke) como actores clave na configuración dun hipotético goberno de coalición en Berlín.
Cunha campaña electoral en pleno auxe, Merkel chegou a considerar a posibilidade de pactar cos liberais do FDP para formar un goberno de coalición, rompendo así o pacto gobernamental CDU-SPD, a chamada Gran Coalición, imperante desde 2005.
Paralelamente, nas últimas semanas apreciase certo achegamento entre o SPD, A Esquerda e Os Verdes, orientada a concretar unha coalición con posibilidades de desaloxar a Merkel da chancelería.

b) Merkel no seu labirinto
A chanceler alemá Ánxela Merkel tentará facer historia o próximo 27 de setembro, coa posibilidade de converterse na primeira muller en renovar o seu mandato como chanceler.
Cunha sólida popularidade, as enquisas dos últimos meses favorecíanlle claramente ata que as últimas citas electorais celebradas o pasado 30 de agosto nos estados federados ou länder de Sarre, Saxonia e Turinxia, reportáronlle imprevistas derrotas electorais para o gobernante partido demócrata cristiá CDU.
Para as eleccións lexislativas do próximo 27 de setembro, as cabezas de lista das respectivas candidaturas están definidas en torno a:
Anxela Merkel: Unión Demócrata Cristiá e Unión Social Cristiá CDU/CSU
Frank-Walter Steinmaier: Partido Social Demócrata de Alemaña SPD
Guido Westerwelle: Partido Democrático Libre FDP
Renate Künast: Alianza 90/Os Verdes
Gregor Gysi: A Esquerda (Die Linke)
Un elemento curioso deste proceso electoral é o pulso político entre dous socios de goberno: Merkel e o seu ex ministro de Asuntos Exteriores, o socialdemócrata Steinmaier, o cal podería favorecer un clima de maior polarización electoral.
Non obstante, e a pesar dos mutuos ataques e críticas realizadas nos seus respectivos mitins de campaña, os medios de comunicación alemáns coincidiron en interpretar que o debate televisivo entre Merkel e Steinmeier celebrado o pasado 13 de setembro amosou unha actitude carente de confrontación, con claro talante de distensión, deixando quizás entrever a posibilidade de abrir a xanela para un pacto político
post-electoral, destinado a reeditar ata o 2013 a alianza entre CDU e SPD.
No contexto electoral actual, as cartas das posibles alianzas políticas aceleran os seus niveis de negociación.
Hai só tres semanas, Merkel encaraba con certa tranquilidade estes comicios pero os reveses sufridos en Sarre e Turinxia a finais de agosto abriron un abano de posibilidades para os seus contrincantes.
Segundo o barómetro ofrecido tralas últimas eleccións rexionais, a baixa da CDU, de doce e trece puntos en ambos estados federais, foi capitalizada a favor dos liberais do FDP así como pola esquerda representada por Die Linke, integrada por socialdemócratas e ex comunistas.
Ante este contexto, os pesos políticos da CDU premeron a Merkel para que concentrara maiores forzas e capacidade de persuasión na súa campaña electoral.
Nun mitin en Düsseldorf a comezos de setembro, Merkel chegou a considerar que “a elección aínda non está gañada”

c) Afganistán entra en campaña
En paralelo a estas caídas de votos da CDU nas eleccións rexionais, o espectro das operacións militares da OTAN en Afganistán e a participación alemá nas mesmas impúxose como tema clave da campaña electoral, en clara advertencia para Merkel, principal avaliadora desta estratexia para o país centroasiático, concibida por Washington desde 2001 e notoriamente ampliada polo actual presidente estadounidense Barack Obama.
O pasado 4 de setembro, un alto oficial alemá destinado na rexión afgana de Kunduz solicitou á OTAN o bombardeo de posicións talibáns insurxentes, causando unha importante matanza de civís. Dende o ministerio de Defensa en Berlín negáronse as baixas civís mentres as investigacións da OTAN aseguraban a morte de decenas de persoas, a gran maioría delas civís.
O escándalo causado en Alemaña por esta operación militar provocou un forte impacto na campaña electoral. A esquerda de Die Linke incrementou as súas presións para a retirada dos 4.200 efectivos militares alemáns existentes en Afganistán, tomando en consideración que a gran maioría dos alemáns é contraria ao mantemento da misión militar en Afganistán. Die Linke acusou a Merkel e o seu goberno de propiciar unha “política de desinformación” mentres pediu un debate parlamentario sobre a misión militar en Afganistán.
Pola súa banda, Merkel avogou por unha investigación máis exhaustiva ao tempo que instaba a unha nova conferencia internacional sobre Afganistán. Mentres, o SPD manifestaba unha notoria polarización sobre este tema, a tal punto que un dos seus “pesos pesados”, o ex chanceler socialista Gerhard Schröeder, chegou incluso a reclamar a retirada militar alemán para 2015.
Con este panorama político, a enquisa realizada o pasado 11 de setembro polo Grupo de Investigacións de Eleccións, a tendencia de voto para o próximo 27 de setembro cifraríase da seguinte forma: CDU: 36%; SPD: 23%; FDP: 14%; Os Verdes: 11%; e A Esquerda: 11%.
Non obstante, outra enquisa realizada polo semanario Stern considera que a vantaxe de Merkel sobre o SPD reducírase a tres puntos porcentuais, incrementando o nerviosismo nas filas conservadoras. A fin de seguir conservando a confianza do seu electorado, Merkel centrou os seus recentes mitins electorais nos éxitos acadados en materia de xestión dos efectos da crise no país que, segundo as estatísticas da UE, estiman que Alemaña, a principal economía europea, está logrando superar os efectos da recesión económica.
Merkel cifra así as súas cartas en conservar unha alta votación e o eventual apoio dos liberais do FDP para, hipoteticamente, conformar un novo goberno, acabando así co pacto mantido co SPD desde 2005.

d) A posibilidade dun xiro á esquerda
Fronte á hipótese inicial dun escenario baseado na reedición da “gran coalición” entre conservadores e socialdemócratas, ou ben a máis preferida por Merkel cos liberais do FPD, non se debe descartar a opción dun entendemento entre o SPD, os Verdes e Die Linke a nivel federal.
Esta posibilidade cobra importancia ante o recente ascenso dos partidos tradicionalmente minoritarios, como Die Linke, os ecoloxistas e incluso os liberais de FDP, dentro do escenario político alemá, o cal está minando a tradicional hexemonía política da CDU e o SPD.
Durante a súa campaña electoral, Merkel ven explotando como factor de desprestixio, a posibilidade de que o SPD estea configurando unha orientación “esquerdista” con Die Linke e os ecoloxistas, considerando os presuntos “efectos perniciosos” que esta alianza tería para a economía. Durante un mitin en Baviera, onde a CDU ten a súa filial na Unión Social Cristiá CSU, o primeiro ministro deste länder, Horts Seehofer, declarou que “detrás de Steinmaier están Gysi e Oskar Lafontaine”, en referencia, respectivamente, ao candidato e principal líder de Die Linke.
Non obstante, resulta notorio que o SPD, Die Linke e Os Verdes tentan moderar publicamente a posibilidade desta colaboración post-electoral, precisamente para non
facilitar munición á CDU con argumentos engadidos para xustificar a mobilización do electorado ante a hipotética inminencia, a última hora, dunha posible “marea vermella”. Se ben estas alianzas “esquerdistas” xa existen nalgúns länder, o SPD semella descartar, ao menos ante a opinión pública, a posibilidade de formalizar unha alianza deste signo para alcanzar a chancelería.
Deste xeito, o debate electoral da pe para considerar a influencia que terán diversos puntos fortes da axenda dos partidos de esquerda. Se ben os datos económicos semellan favorecer a Merkel, o desgaste da axenda social nun momento de recesión e crise económica está propiciando unha forte discusión sobre os piares do modelo de desenvolvemento alemán.
Igualmente, e principalmente da man dos Verdes, entra na escena a axenda ecolóxica, en especial no relativo á enerxía nuclear, que representa a cuarta parte do consumo enerxético do país grazas aos seus 17 reactores operativos.
Barallando unha coalición post-electoral co FDP, Merkel outea a posibilidade de postergar a desconexión das centrais nucleares alemáns por 10 ou 15 anos, mentres a industria atómica pide ampliar este prazo a 25 anos. Pola súa banda, os Verdes, Die Linke e o SPD están absolutamente en contra desta ampliación dos prazos.
Paralelamente, a ONG “Greenpeace” publicou o pasado 9 de setembro unha enquisa na que aseguraba que as dúas terceiras partes da sociedade alemá está a favor dunha rápida desconexión destas centrais nucleares.
Segundo as enquisas, existe un 25% de electorado indeciso, un espazo social considerablemente importante para que a esquerda poida capitalizar un nivel de descontento e desgaste cos grandes partidos, a CDU e o SPD. No caso dos socialdemócratas, o escenario preséntase complexo debido a que gran parte do seu electorado segue a rexeitar o compromiso gobernamental adoptado pola dirección central do SPD de aceptar a redución do gasto social e da reforma laboral, así como un elevado nivel de conivencia política con Merkel.
Estas variables poden propiciar, a última hora, un xiro aínda máis á esquerda dentro dun sector do electorado tradicionalmente afecto ao SPD, o cal favorecería as opcións electorais de Die Linke. Así, o escenario político alemá semella disposto a reflectir
unha multipartidización parlamentaria que favorecería aos partidos “pequenos” e a probable conformación de diversas coalicións políticas de signo incerto.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES