Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

25 anos de traballo polo evanxeo

viernes, 25 de septiembre de 2009
Estanse a cumprir os 25 anos dun proxecto pastoral que se comezou a levar a cabo na vila das Pontes. Era aló polo ano 1984 cando sendo bispo da diocese don Miguel Anxo Araújo se deu o paso de mandar un equipo pastoral composto por catro sacerdotes diocesanos e catro relixiosas da Compañía de María. Foi unha aposta polo futuro impulsada polo entón vicario de pastoral, Manuel Mejuto, e posta en marcha por Segundo Pérez López, como o novo párroco moderador do equipo.

A razón de fondo de tal innovación foi a inxente afluencia de persoas que viñan a traballar e que se estableceron nesta vila mineira, cos seus problemas de asentamento, relacións laborais, nivel económico, mentalidade obreira, etc., propios dunha poboación industrial complexa e emerxente.

A resposta tradicional de corte rural por parte da Igrexa a unha realidade cambiante e anovada non era suficiente. Esixía un novo estilo pastoral. O feito de que se constituíse un equipo pastoral con sacerdotes novos, dispostos a traballar coordinados, non só nas Pontes, tamén nas parroquias rurais do seu entorno, era xa un paso moi importante. Como tamén o que catro relixiosas da Compañía de María deixaran a súa dedicación ao ensino nos colexios e se viñeran a “incardinar” a esta vila para convivir coa xente normal e colaborar nas labores de catequese, ensino, celebración da fe e promoción social, ofrecendo o testemuño discreto dunha presenza evanxelizadora.

Os que ao longo destes vintecinco anos fomos pasando por As Pontes -e xa somos un nutrido grupo de relixiosas e sacerdotes, algúns xa están na casa do Pai, como tamén de laicos- damos fe dos esforzos de planificación, realización e seguimento deste proxecto pastoral. Houbo moito de gratuidade, xenerosidade, dedicación e servizo desinteresado, de creatividade e acompañamento das persoas, e, sobre todo, de coraxe para encarar os problemas que ían xurdindo. Sempre co afán de que o evanxeo prendese nas vidas das persoas, aínda que non sempre acertáramos.

Botando unha ollada aos anos transcorridos, o balance desde o meu punto de vista -e creo que desde o punto de vista dos meus compañeiros e compañeiras -, a pesar dos erros e das dificultades, é francamente positivo: valeu a pena “pasar” por As Pontes e dedicar uns anos da vida a este proxecto. Creo que esta experiencia pastoral foi, e está a ser hoxe en día, unha boa escola para aprender a traballar en equipo, coñecer unha realidade distinta á de moitas parroquias, e, sobre todo, saber que os froitos non os vamos a saborear nós: só somos sementadores do Reino e traballadores na viña do Señor.

Finalmente, quero e debo ser agradecido: a Deus que me chamou sen especiais cualidades para esta labor tan apaixoante; á nosa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, que a través dos seus bispos don Miguel Araújo, don Uxío como administrador diocesano, don José Gea e, hoxe, don Manuel, trataron de que este proxecto pastoral se siga mantendo nas súas liñas fundamentais; aos compañeiros sacerdotes cos que coincidín, que, anque distintos, tratamos de non “desafinar” moito na labor de conxunto; ás monxas da Compañía de María que souberon moi ben reconverter o seu carisma á nova realidade pastoral con gran xenerosidade e a “fondo perdido”; aos laicos, home e mulleres, que se implicaron e se están implicando na misión da Igrexa, sempre en sintonía co equipo pastoral; á xente das Pontes e as aldeas do redor: canta paciencia tiveron con nós, canto tempero para encaixar coas persoas que fomos pasando e os modos de facer de cada un, e canta acollida cálida e gratuíta en moitas familias e fogares.

Para rematar, só un desexo: se nas Pontes houbo no seu día vocacións ao ministerio sacerdotal e á vida consagrada, por que non se dá tamén hoxe entre a xente nova esa resposta xenerosa? Sabemos que non é fácil, pero Deus segue chamando. A oración, o testemuño e a nosa proposta explícita farán que dalgún xeito esa chamada sexa escoitada.

Noraboa, e que sexa por outros vintecinco anos máis.

Rodríguez Basanta, Antonio
Rodríguez Basanta, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES