Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eleccións lexislativas en Portugal (II)

jueves, 24 de septiembre de 2009
CANDIDATURAS E PROGRAMAS ELECTORAIS
a) Os principais candidatos e os seus programas
De cara aos comicios lexislativos previstos para o próximo 27 de setembro, o presente Igadi Paper ofrece unha panorámica sobre os programas electorais das principais candidaturas e partidos políticos.
A realización, o pasado 12 de setembro, do primeiro debate electoral televisivo entre os dous principias candidatos, o socialista José Sócrates e a líder do PSD, Manuela Ferreita Leite, avivou as diferenzas na campaña electoral portuguesa, especificamente no tema das infraestruturas de Alta Velocidade entre Galicia e Portugal, con gran repercusión política e informativa.

José Sócrates (Partido Socialista, PS)
Baixo o lema “Avançar Portugal 2009-2013”, o PS concentra a súa oferta electoral e política nas seguintes liñas xerais:
» Investimentos públicos: reforzamento do investimento público, apostando decididamente polas infraestruturas: AVE con Galicia e España, novo aeroporto e terceira ponte para Lisboa; modernización dos centros sanitarios e educativos; creación da marca “Portos de Portugal”, potenciando a relación con mercados emerxentes como Brasil, China, África e América Latina.
» Economía e Finanzas: Saneamento das finanzas públicas, promoción do acceso ao crédito, apoio á creación de empresas e ás PEMES (creación de 30.000 ao ano), políticas de fomento e creación do emprego mediante un Pacto sobre o Emprego; incremento do salario mínimo nacional; e un pacto estratéxico para a internacionalización da economía portuguesa.
» Política social e de inclusión: apoio ás familias e á protección social; eliminación dos obstáculos legais para o matrimonio civil entre as persoas do mesmo sexo; activar a diplomacia coa diáspora portuguesa, non só no aspecto económico senón no ensino a distancia da lingua portuguesa nas comunidades no exterior; combate á discriminación contra inmigrantes e minorías étnicas; promoción de políticas de igualdade de xénero; educación para a cidadanía.
» Política Enerxética: avanzar nunha nova política enerxética que reduza a dependencia exterior, que representa o 20% do consumo interno, e asegurar as bases para que Portugal sexa, no 2020, un líder europeo en enerxías renovables.
» Descentralización administrativa: avanzar no proceso de descentralización de competencias para as autarquías ou municipios; afondamento da reorganización territorial baixo cinco rexións-plano; apoio aos novos estatutos para as freguesías.

Manuela Ferreira Leite (Partido Social Demócrata, PSD)
Como principal partido de oposición, o PSD espera recuperar o poder utilizando como lema electoral o “Compromiso de Verdade”. Enfatizando o tema da seguridade cidadá e a paralización de obras públicas consideradas “onerosas”, as ofertas electorais do PSD son:
» Economía e Finanzas: equilibrio fiscal no gasto público e balanza comercial; desburocratización da administración pública; aumento do emprego e fomento da competitividade; posible redución impositiva; fortalecemento da agricultura como sector estratéxico; paralización das obras de infraestrutura proxectadas polo PS, en especial as liñas do AVE Vigo-Porto e Lisboa- Madrid.
» Políticas sociais e educativas: apoio ás familias, incentivos para os aforros, facilidades no acceso á sanidade, fomentar unha “cultura do mérito e do rigor” en materia educativa devolvendo “a autoridade aos profesores” e eliminando o “facilismo educativo”; estímulo á I&D.
» Seguridade pública e Xustiza: reforzar a autoridade do Estado, promover políticas de prevención e coordinación dos medios de combate á criminalidade e inseguridade cidadá; recuperar a confianza no sistema xudicial como garante das liberdades individuais e do desenvolvemento económico. A loita contra a criminalidade ocupa un papel central e prioritario do seu programa, onde se propón desenvolver unha política de maior fortalecemento da policía nacional e a revisión de penas e medidas de seguridade contra criminais considerados perigosos.

Jerónimo de Sousa (Partido Comunista Portugués, CDU-PCP e Partido Ecoloxista “Os Verdes”, PEV)
Dentro do escenario da esquerda portuguesa, a CDUPCP- PEV tenta constituír unha alternativa máis próxima á esquerda tradicional. Baixo o lema “Ruptura e Mudança: sim, é possível uma vida melhor”, a CDU-PCP-PEV busca capitalizar o descontento social cara o modelo económico e a crise actual, cun “programa de ruptura, patriótico e de esquerda”:
» Economía: eliminación do actual Código do Traballo, responsabilizado de fomentar a precariedade laboral; salario mínimo de 600 € ao menos ata o 2013; defensa estatal e nacional dos sectores produtivos e estratéxicos; pleno emprego e valorización laboral dos traballadores; defensa da economía mixta co fin dos monopolios e o reforzamento da propiedade social estatal.
» Políticas sociais: reforzamento do Servizo Nacional de Saúde; fortalecemento do Sistema Público de Seguridade Social; escolaridade pública, gratuíta, de calidade e inclusiva; rexeitamento do Proceso de Boloña; revogación do Réxime Xurídico das Institucións de Ensino Superior Público;
» Política ambiental: aproveitamento racional dos recursos naturais; redución das facturas enerxéticas.
» Rexións e administración: equilibrio no reordenamento territorial e cohesión socioeconómica nas rexións; afondamento das autonomías.
» Política exterior: rexeite do Tratado de Lisboa; ampliación e diversificación das relacións exteriores portuguesas (Brasil, Timor Leste, países do PALOP, Venezuela, China, India, Magreb, Mediterráneo, África do Sul, etc).

Francisco Louçã (Bloco de Esquerda, BdE)
Configurándose como posible terceira forza política “alternativa” dentro dun contexto marcado pola recesión económica, o Bloco de Esquerda adianta un programa de claro contido socialista, centrado en denunciar as desigualdades xeradas polo modelo económico liberal baixo o slogan “ A política socialista para Portugal”, e denunciando a convivencia do PS con este modelo:
» Economía: loita contra a precariedade laboral; salario mínimo nacional de 600 €; defensa da protección social ante o desemprego; aumento do investimento público en materia sanitaria, educativa, de transporte e enerxía e nacionalización destes sectores; reforma da seguridadesocial para contribuír ao pagamento da débeda interna; horario laboral de 35 horas semanais.
» Enerxía: nacionalización do sector enerxético (Galp e Energias de Portugal); fomento do aforro enerxético: redución do 20% do consumo enerxético final para o 2015; aproveitamento do potencial enerxético solar.
» Políticas sociais: a redución da débeda interna e a ampliación das políticas de asistencia social son medidas destinadas ao combate á pobreza, debido a que “un quinto da poboación portuguesa é pobre”. Adopción de programas de formación profesional. Modernización e “humanización” do Servizo Nacional de Saúde. Legalización das “drogas leves”. Rexeitamento do modelo educativo de Bolonia; apoio ás legalizacións matrimoniais do mesmo sexo, así como da adopción de nenos sen exclusión parental por orientación sexual. Políticas contra a violencia doméstica e a favor da legalización dos inmigrantes.
» Descentralización administrativa: apoio ao proceso de Regionalizaçao autárquica; ampliación dos poderes das asembleas municipais.
» Política exterior: oposición ao Tratado de Lisboa da UE; defensa dun proxecto europeísta baseado na solidariedade social; fin dos organismos financieros considerados liberais (FMI, BM, OMC) e defensa dun Banco de Pagamentos Internacionais e Apoio ao Desenvolvemento. Apoio ao desarme mundial, saída de Portugal da OTAN e peche de bases militares estranxeiras.

Paulo Portas (Partido Popular, CDS-PP)
Ás claras na marxe dereita do escenario político, o CDSPP centra o seu programa electoral en ofrecer medidas puntuais destinadas á recuperación económica:
» Economía: pagamento a tempo das débedas públicas do Estado; reembolso do IVA en 30 días; descontos fiscais para as familias con fillos; subsidio inicial de desemprego para os mozos; completa reforma fiscal e no sector agrícola.
» Seguridade pública: o CDS aposta polo reforzamento do Ministerio de Administración Interna, con capacidade para reformar o Código Civil e o Código Penal; suizos rápidos en 48 horas contra os delictos.
» Educación e Inmigración: reforma educativa, reforzamento da autoridade docente e maiores esixencias na cultura educativa; loita contra a inmigración ilegal, baixo políticas coordinadas cos países emisores de emigración.
» Política ambiental: aplicación dunha Estratexia Nacional de Desenvolvemento Sustentable, que adopte un programa gobernamental de educación ambiental e responsabilidade ecolóxica, de conformidade cos gobernos locais e rexionais.
» Política exterior e de Defensa: modernización das Forzas Armadas, dando cumprimento aos compromisos internacionais (OTAN); reforzamento da cooperación cos países de fala portuguesa incluídos no PALOP.

PARTIDO, DEPUTADOS, VOTOS E PORCENTAXE
Bloco de Esquerda (BE) 8 364.909 6,35%
Partido Comunista Portugués (CDU-PCP) 12 (a) (a) (a)
Partido Ecologista “Os Verdes” (PEV) 2 (a) (a)
Partido Socialista (PS) 121 2.588.312 45,03%
Partido Social Demócrata (PSD) 75 1.653.261 28,76%
Partido Popular (CDS-PP) 12a) 416.415 7,25%

b) A composición da actual Asemblea da República
A Assembleia da República Portuguesa é unicameral, composta por 230 escanos elixidos cada catro anos por sufraxio universal. O Presidente da República pode disolver o Parlamento e convocar a eleccións anticipadas. A actual composición da Assembleia da República tralas eleccións lexislativas realizadas o 20 de febreiro de 2005 é a seguinte:
(a) A pesar de formar dous grupos parlamentarios, a CDU-PCP e o PEV concorreron xuntos ás eleccións de 2005, alcanzando 433.243 votos (7,54%) Nestas eleccións de 2009, a coalición está formada por CDU-PCP-PEV.
(Fonte: Páxina web da Assembleia da República: http://www.parlamento.pt)

c) As recentes enquisas
Na recta final das eleccións lexislativas portuguesas, as principais enquisas, que experimentaron un certo nivel de descrédito público tralas eleccións parlamentarias europeas de xuño pasado, amosan un panorama incerto, fortemente polarizado entre o PS e o PSD, aínda que manifestan unha lixeira vantaxe para os socialistas.
En todo caso, o único que semella case seguro será a composición dun Parlamento fragmentado, que complicará a gobernabilidade para o próximo gabinete.
Resta por observar se o Bloco de Esquerda confírmase como o “partido bisagra” clave da próxima lexislatura, cunha posición complexa debido a que non amosa aparente predisposición a negociar co PS e que este, caso de resultar a forza maioritaria, pode optar por gobernar en minoría con pactos puntuais. Por outra banda, certa volatilidade do electorado do Bloco pode afectar ao resultado no actual clima de polarización entre as dúas forzas maioritarias.
Así mesmo, cabe observar os resultados a obter tanto polo CDS-PP como pola CDU-PCP-PEV. En ambos os casos, a tendencia electoral amosa lixeiros incrementos ou, cando menos, o mantemento dos seus niveis de votación de 2005. A desigualdade económica produto da recesión e o tema da inseguridade pública poden determinar, en gran medida, a evolución do voto destes e dos demais candidatos.
Dende a perspectiva global, os resultados das recentes enquisas publicadas nos principais medios portugueses como Jornal de Notícias, Público e Visão, amosan a seguinte configuración na intención de voto:
» Partido Socialista (PS): 33,6% - 37%
» Partido Socialdemócrata (PSD): 32,5% - 35%
» Coaligaçao Democrática Unitaria-Partido Comunista de Portugal-Partido Ecologista Os Verdes: (CDU-PCP-PEV): 8% - 9,4%
» Bloco de Esquerda (BdE): 9,6% - 11%
» Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS-PP): 6% - 8%

IGADI. 18 de setembro de 2009
IGADIPaper/ 21 4 18 de setembro de 2009

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES