Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As eleccións lexislativas en Portugal

miércoles, 16 de septiembre de 2009
a) Introdución
Portugal celebrará o próximo 27 de setembro as súas eleccións lexislativas para a Asemblea da República, nun marco en gran medida condicionado polos efectos da crise económica global neste país de once millóns de habitantes. Estes comicios lexislativos precederán ás eleccións “autárquicas”, a celebrarse o próximo 11 de outubro.
A pesar da complexidade da conxuntura política, económica, social e electoral, as últimas enquisas amosan notables posibilidades de reelección para o primeiro ministro socialista José Sócrates, especialmente ante determinadas posicións de inflexibilidade por parte da candidata opositora do conservador PSD, Manuela Ferreira Leite, do mesmo partido que o presidente da república Aníbal Cavaco Silva.
Non obstante, o PSD espera revitalizar nos próximos comicios portuguese a vitoria obtida nas eleccións ao Parlamento europeo celebradas o pasado 7 de
xuño. Igualmente, o PSD espera orientar ao seu favor determinados niveis de desgaste político de Sócrates, especialmente en sectores altamente conservadores da sociedade portuguesa, opostos á aprobación de determinadas medidas como os matrimonios homosexuais e unha nova Lei de Divorcio. Noutros escenarios, pode manifestarse un notorio ascenso electoral do Bloco de Esquerda (BdE), liderado por Francisco Louça.
Aínda que o Instituto Nacional de Estatística (INE) asegurou que o PIB portugués incrementouse nun 0,3% no primeiro semestre de 2009, superando moderadamente o espectro da recesión, resultan evidentes as dificultades económicas do país, especialmente en materia de creación de emprego.
Igualmente, debe medirse con atención cal será o impacto electoral das secuelas sociais provocadas pola expansión do virus H1N1 e a efectividade das políticas sanitarias e de prevención realizadas polo goberno de Sócrates.
b) Os candidatos e os seus programas.
Os comicios lexislativos portugueses do próximo 27 de setembro e as eleccións autárquicas do próximo
11 de outubro definirán o mapa político do país para os próximos catro anos. Neste sentido, o gobernante Partido Socialista (PS) do primeiro ministro José Sócrates, espera obter unha reelección que lle permita impulsar un proceso de reformas legais e constitucionais. Portugal é un dos países europeos máis afectados pola crise económica global, especialmente en materia de desemprego. Se ben as estatísticas oficiais esgrimen unha recuperación no nivel de crecemento económico, as secuelas provocadas pola crise no sector financeiro e en materia laboral son factores que poden influír na evolución do voto.
Polo tanto, a economía ocupa unha preponderancia central na campaña electoral dos respectivos candidatos. Sen embargo, os aspectos de índole ideolóxica e, incluso, ética están afirmándose nas últimas semanas como elementos de gran importancia para a mobilización social e a campaña electoral. Cómpre así considerar o discurso de tipo “progresista, liberal e modernizador” aplicado por Sócrates, en aberta contraposición coas posicións
consideradas máis “conservadoras e reaccionarias” da candidata opositora Manuela Ferreira Leite (PSD).
A fin de non perder votos en determinados sectores da clase media tradicional, Sócrates aparcou para a próxima lexislatura a aprobación da lei que legaliza os matrimonios homosexuais así como a nova Lei de Divorcio, ambas abertamente condenadas por Ferreira Leite e vetadas polo presidente Cavaco Silva, defensores dos considerados “valores da familia tradicional”. Nese apartado, Sócrates ven criticando nos últimos días a “intromisión” do presidente Cavaco Silva na campaña electoral en favor do PSD.
Non obstante, diversos medios de comunicación e analistas políticos portugueses sinalan que as últimas enquisas amosan a posibilidade de reelección de Sócrates, unha evidencia non exactamente dos acertos e da aceptación social do PS senón dos erros e da falta de visión e liderado de Ferreira Leite.
Pola súa banda, o PSD tentará reproducir o seu éxito electoral das pasadas eleccións ao Parlamento europeo e aproveitarse do xiro á dereita experimentado en diversos países da UE, reproducindo a vitoria nos próximos comicios lexislativos e autárquicos, que lle permita gobernar sen pactos políticos. Para isto, a candidata Ferreira Leite tentará mobilizar ao seu favor determinados niveis de descontento social provocados pola crise económica e pola posible legalización dos matrimonios homosexuais e da nova Lei de Divorcio.
A polarización ideolóxica, centrada nestes temas, probablemente determinará parte da evolución do voto o próximo 27 de setembro, pero con resultados que poden resultar sorprendentes. Neste sentido, o candidato do Bloco de Esquerda (BdE), Fernando Louçá, chegou a considerar nun mitin electoral que a posición extremadamente reaccionaria e conservadora do PSD “son unha dádiva do ceo” para Sócrates. Mentres o pulso electoral semella case absolutamente monopolizado a nivel nacional entre o PS e o PSD, o BdE tentará consolidarse como o “partido bisagra” do próximo goberno portugués, priorizando a súa campaña no aspecto económico. Así, o seu candidato Louçá acusa ao PS e o PSD de defender un modelo económico que, na súa opinión, afonda a desigualdade socioeconómica.
Baixo esta perspectiva, Louça acusou a Sócrates de posuír unha “axenda oculta” centrada en privatizar empresas públicas consideradas “estratéxicas” tales como Energias de Portugal (EDP), Galp Energia e Águas de Portugal. Para mobilizar con éxito ao seu electorado, Louçá tentará volcar a súa campaña en prazas onde obtivo considerables avances electorais nos últimos anos: Lisboa, Porto, Braga, Faro, Setúbal, Coimbra e Aveiro. Jerónimo de Sousa, á fronte da CDU, a coalición que agrupa a comunistas e verdes, ten como reto principal manter o seu electorado, resistir o avance do BdE, e rendabilizar o descontento social cun voto “vermello” afastado da “esquerda caviar” que representa
Louçá.
Pero as ofertas electorais non se centran unicamente en aspectos económicos. Os efectos da crise sanitaria provocada pola Gripe A son considerables: Portugal é, tras Reino Unido, o país con maior número de persoas infectadas polo virus H1N1, con 20,9 infectados por 100.000 habitantes. Resta observar se a efectividade real das políticas sanitarias de prevención e atención realizadas polo goberno socialista finalmente reforzarán ou afectarán a candidatura de Sócrates.
c) Galicia ante as eleccións portuguesas
As próximas eleccións lexislativas e autárquicas portuguesas terán un directo impacto nas relacións con Galicia, especialmente ante o futuro da compenetración económica dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, especificamente, en materia de infraestruturas viarias, tales como o AVE Vigo-Porto e os demais canais de comunicación dentro do Eixo Atlántico.
Igualmente, a acción exterior de Galicia debe observar a Portugal como un socio político, económico e cultural de gran amplitude dentro dos escenarios peninsular, europeo e global, neste último caso en torno ao mundo lusófono.
Polo pronto, o aspecto principal de atención en Galicia e, paralelamente doutras comunidades autónomas fronteirizas con Portugal como Estremadura e Andalucía, semella orientado cara o sector das infraestruturas viarias e a posibilidade de reelección de Sócrates. Os intereses están incluídos na finalización dos tramos do AVE entre Vigo, Porto, Lisboa e Badaxoz, proxectos previstos a rematar entre 2013 e 2015.
Nos últimos dous meses, o goberno portugués realizou diversos anuncios nos que, se ben apoiaba o impulso das vías de Alta Velocidade entre Portugal, Galicia e Estremadura outorgándolles “prioridade política”, deixou aparcada a súa aprobación lexislativa para despois das eleccións, xerando con este retardo de licitacións toda serie de incertezas nestas comunidades autónomas españolas.
En diversos medios de comunicación afectos ao PSD, así como nas declaracións da súa candidata Ferreira Leite e, incluso, do propio presidente da República Cavaco Silva, existe unha reacción abertamente contraria a ampliar estas liñas de alta velocidade debido ao “oneroso” que resultaría para o fisco portugués, por constituír investimentos valorados en 1,4 millóns de euros, que provocarían un incremento nos impostos.
Pola súa banda, a Asociación Nacional de Pequenas e Medianas Empresas de Portugal remitiu recentemente un comunicado opoñéndose a estas infraestruturas viarias. Con este panorama, o PSD asegurou que non seguiría adiante cos plans de alta velocidade ata que non se observe unha mellora na situación económica.
En Galicia, os sectores favorables a estes proxectos esperan unha vitoria do PS nas próximas lexislativas portuguesas. Non obstante, Sócrates dependería da composición da próxima Asemblea da República, para dar curso á aprobación final destes proxectos de infraestrutura, así como doutras medidas legais. En todo caso, e á espera do resultado electoral, o goberno de Sócrates ten practicamente listas as licitacións das obras viarias a realizar entre Porto e as rexións do Norte de Portugal con Galicia.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES