Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Congreso de Al Fatah

jueves, 27 de agosto de 2009
O VI Congreso do partido Al Fatah, celebrado en Belén entre o 4 e 10 de agosto por vez primeira en 20 anos, deu paso a importantes cambios na súa cúpula dirixente que deixa abertos diversos escenarios no contexto político palestino.

a) Introdución
Este congreso posibilitou a renovación do liderado de Al Fatah, confirmado polo cambio dun 70% dos 23 altos cargos do seu Comité Central, outorgando maior peso político á denominada “nova garda” xeracional residente nos territorios ocupados. O principal beneficiado foi o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas (74 anos), reelixido
por unanimidade para outro período presidencial de catro anos.

Se ben cabe matizar a configuración real deste “cambio xeracional”, resulta claro que o partido definiu unha nova estratexia programática destinada a recuperar a iniciativa e o control político no escenario palestino, ante o avance electoral do partido islamita Hamas tralas eleccións lexislativas de xaneiro de 2006. Neste sentido, Abbas e Al Fatah seguen a contar co apoio tácito de EEUU e Israel como únicos interlocutores en Palestina, a fin de abrir unha posible nova rolda de negociacións e novas eleccións na ANP, que esgoten a fortaleza política de Hamas.

Para o presidente estadounidense Barack Obama, a reelección de Abbas e a renovación de Al Fatah constitúen escenarios favorables para dar curso a unha nova estratexia de negociación que permita resucitar diversos postulados da fracasada Folla de Ruta de 2003, en especial no relativo á solución dos “dous Estados”.

Por contra, resta considerar cal será a dispoñibilidade e compromiso real coas negociacións no goberno dereitista israelí do primeiro ministro Benjamín Netanyahu e do seu ministro de Asuntos Exteriores, o ultradereitista e antiárabe Avigdor Lieberman.

Mentres a polarización xeopolítica afonda en Palestina, cunha Cisxordania dominada por Al Fatah e Gaza baixo o control de Hamas, ábrense novos escenarios de cara ao futuro. Resulta complexa a perspectiva dun entendemento entre Al Fatah e Hamas, que pode incrementar unha maior polarización. A crise económica e o desencanto dos palestinos ante os fracasos dos procesos de paz e o illamento exterior, pode dar curso a un maior descontento popular, unha especie de renovación da Intifada agora orientada cara diversos actores dentro da ANP.

b) O Congreso de Al Fatah: renovación ou “cambio de faciana”?

Un total de 2.241 membros de Al Fatah reuníronse na cidade de Belén (Cisxordania) a principios de agosto, para levar a cabo un congreso que permitira a renovación dos cadros dirixentes do partido. O último congreso de Al Fatah realizouse en Tunicia en 1989, estando no exilio a cúpula da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), entón liderada por Yasir Arafat. Polo tanto, este VI Congreso celebrado en Belén sería o primeiro en celebrarse en 20 anos en territorio palestino, reunindo aos residentes en Cisxordania e os membros da diáspora, e sería tamén o primeiro congreso da “era post-Arafat”, trala morte do líder histórico palestino no 2004.

Precisamente, o peso da rama cisxordana de Al Fatah é evidente, tamén evidenciado nos obstáculos trazados por Hamas para impedir a máis de 400 membros de Al Fatah en Gaza que acudiran ao congreso de Belén. Non obstante, estes membros puideron participar vía electrónica.

Unha primeira aproximación ao VI Congreso de Al Fatah indica a consolidación da fortaleza política do actual presidente da ANP, Mahmud Abbas, así como dos intereses políticos expresados por EEUU e Israel. A reelección de Abbas como presidente supón
un evidente paso a favor dos plans de Washington para reactivar o proceso de paz en Oriente Próximo e, principalmente, contribuír ao illamento de Hamas en Gaza, reforzando unha nova autoridade en Al Fatah que lle permita recuperar a súa popularidade na sociedade palestina, descontenta coa corrupción, burocratismo e debilidade política da ANP ante EEUU e Israel.

En segundo lugar, debe matizarse o alcance real da denominada “renovación xeracional” dentro de Al Fatah.
O congreso veuse na obriga de ampliar a súa duración debido aos duros debates políticos entre diversas faccións do partido, especialmente ante o impulso das bases máis mozas, que premeron pola remoción de diversos líderes da “vella garda” proveniente do exilio, afastados durante décadas dos territorios ocupados e, probablemente, menos conscientes das súas realidades.

A renovación dun 70% do Comité Central de Al Fatah amosou situacións un tanto contraditorias: a reelección consolida o poder do septuaxenario Abbas, beneficiado da sensible remoción do ex negociador e ex primeiro ministro Ahmed Qureia, tradicional rival
político. Igualmente, pode apreciarse que as bases de Al Fatah, ao alentar unha renovación tan contundente do Comité Central, estaban castigando ao liderado tradicional polos seus erros dos últimos anos.

Pero a denominada “nova xeración” non resulta tan clara: o líder máis votado para o Comité Central foi Mohammad Gheneim, de 71 anos, fundador de Al Fatah en 1965 xunto a Arafat e Abbas, mentres a maioría dos novos elixidos están en idades comprendidas entre os 50 e 60 anos. A diferencia estriba en que son liderados nados nos territorios ocupados e na loita armada contra Israel, a diferenza de Abbas e a alta cúpula relegada ao exilio entre 1967 e 1994.

Os nomeamentos máis significativos dentro do novo Al Fatah son Marwan Barghouti (50 anos), preso no cárcere israelí desde 2002, e Mohammed Dahlan, (47 anos), ex gobernador de Nablús e ex responsable dos servizos de seguridade. Incluso, hai quen acusa a Dahlan de ser o “home da CIA” en Cisxordania.
Pode concluírse que este congreso afianzou a autoridade e o poder político de Abbas, permitiu a reinserción dun Dahlan anteriormente defenestrado e afastado do poder; e consolidar a posición de Barghouti, aínda que a súa facción política non tivo unha gran representación na elección do novo Comité Central de Al Fatah.

c) Hamas e Israel
Tras definir a súa nova dirección, Al Fatah presentou un novo programa político, especialmente orientado cara as súas relacións con Hamas, Israel e EEUU, dentro do novo contexto político existente: confinamento e reforzamento de Hamas en Gaza; un novo goberno ultradereitista en Tel Aviv, reticente ante as negociacións de paz; e o goberno de Obama na Casa Branca, cunha posible visión alternativa para Oriente Próximo.

En primeiro lugar, cabe referirse ás relacións con Hamas, especialmente ante o afondamento das divisións existentes con Al Fatah. A fragmentación territorial palestina en Cisxordania amosa unha situación de debilidade política dos palestinos con evidentes beneficios para os intereses israelís e estadounidenses.

O partido islamita non confía nin probablemente acepte a Abbas como presidente da ANP, considerando que Al Fatah “pregouse” aos intereses israelís e estadounidenses a fin de manter cotas de poder no escenario palestino, especialmente en Cisxordania.

A negativa de Hamas a permitir a participación dos membros de Al Fatah en Gaza no congreso, da conta, igualmente, da súa capacidade de actuación e da polarización existente entre ambos partidos, que pode agravarse ante o illamento existente en Gaza, o descontento crecente na sociedade palestina e as presión
exteriores para que Abbas organice uns novos comicios
lexislativos que, eventualmente, debiliten a Hamas.
Hamas deu recentemente un exemplo do seu poder ao desarticular en Gaza unha rama radical islamita salafista denominada “Guerreiros de Deus” (Jund Ansar Allah), presuntamente ligada a Al Qaeda e que ansía construír un “emirato islámico en Gaza”. As milicias de Hamas asaltaron a mesquita onde se atopaba o líder deste grupo, Abu Musa, nunha operación que deixou 20 mortos.

O segundo aspecto ten que ver con Israel e a súa reacción ante o congreso de Al Fatah. O chanceler israelí Lieberman cualificou o mesmo como “unha reunión de radicais”, dando a entender os receos do goberno de Netanyahu para dar curso a novas negociacións de paz. Non obstante, a presión de Washington cara Netanyahu pode acrecentarse tendo en conta que Abbas saíu fortalecido e que, a fin de contas, é o interlocutor preferido por EEUU e Israel.

Se ben nas últimas semanas apreciase unha posible reactivación dos canais indirectos de contacto entre Israel e Hamas para potenciar o intercambio de prisioneiros de ambos bandos, a estratexia contemplada no novo programa político de Al Fatah estipula un cerco total cara Hamas, a reunificación de Cisxordania e Gaza mediante novas eleccións lexislativas e a activación
dunha campaña de desprestixio contra Hamas dentro da sociedade palestina.

En canto á posición de Al Fatah cara Israel, o novo programa concreta cambios considerables: o “non recoñecemento” de Israel como “Estado xudeu”; presión para o fin dos asentamentos en Cisxordania e Xerusalén Leste e do control policial e militar israelí nas principais cidades palestinas, recuperando o status dos Acordos de Oslo (1994); e a “legalización de todas as formas de loita e a mobilización da resistencia popular”, aínda que sen obstaculizar a obtención da paz.

d) Os dilemas de Obama
Resta por considerar a posición do “novo Al Fatah” ante o plan de paz que deseña o presidente estadounidense Barack Obama para Oriente Próximo.
No contexto interno, Abbas semella persuadido a apoiar a negociación exipcia con Hamas para posibilitar un adianto electoral en Palestina, un plan probablemente avalado por Washington.

Obama espera concretar un acordo de paz que recupere os principios básicos da Folla de Ruta de 2003, que recrea a idea de “dous Estados”, un israelí e outro palestino. Pero a fragmentación xeopolítica en Cisxordania e Gaza, a polarización dos palestinos cara este plan e as reticencias do goberno de Netanyahu dificultan a estratexia deseñada por Obama.
A polarización entre Al Fatah e Hamas non deben ser descoidadas por Obama. Na actual cúpula dirixente de Al Fatah, Barghouti manifesta unha posición proclive a atopar canais de entendemento con Hamas, mentres Dahlan é un radical opositor ao movemento islamita, con quen tivo fortes enfrontamentos armados en Gaza.

Finalmente, o descontento dos palestinos, a súa desilusión cara a ANP, os sucesivos fracasos dos acordos de paz e a asfixia provocada pola crise económica, son factores que poden dar curso a outra Intifada ou levantamento popular. Polo tanto, o único claro no escenario palestino é o “lifting” realizado no lideradopolítico no último congreso de Al Fatah.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES