Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O futuro da relixión e a relixión do futuro

martes, 18 de agosto de 2009
O verán é un tempo propicio para case todo. Ademais das clásicas falcatruadas político-mediáticas, das vacacións na praia ou na montaña, do ocio e consumo a tope, tamén pode ser un momento axeitado para a lectura e reflexión repousadas, sen presas urbanas nin excesivos festexos rurais. Recentemente rematei a lectura dun pequeno libro de socioloxía da relixión titulado “EL DIOS PERSONAL. La individualización de la religión y el espíritu del cosmopolitismo”, do sociólogo Ulrich Beck, editado por Ed. Paidós neste ano 2009. Pensei que podería ser interesante e útil compartir cos lectores de GaliciaDigital unha breve ollada de síntese, de reflexións e interrogantes que foron xurdíndome ao percorrer as páxinas deste análise sobre o rumbo actual e futuro da relixiosidade e das relixións.

Ulrich Beck é un sociólogo alemán profesor na Universidade de Múnic, director do Instituto de Socioloxía, profesor na London School of Economics e que en España foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidad Nacional a Distancia (UNED). É un dos Persoeiros mais recoñecidos na comunidade científica da Socioloxía. Foi o primeiro en utilizar a idea e categoría de “sociedade do risco” aplicada a tódolos ámbitos da sociedade actual. Os títulos das súas investigacións sociolóxicas xa anuncian un traballo atrevido e moi actual: “A sociedade do risco”, “A democracia e os seus inimigos”, ”Que é a globalización”?, “A precarización do traballo na era da globalización”, “A Europa cosmopolita:sociedade e política na segunda modernidade”; e outros análises, todos eles provocadores dunha imaxinación creativa.

Esta investigación do profesor U.Beck, publicada en alemán en 2008 e traducida o castelán en 2009, é unha aproximación teórica a situación das relixións e da busca relixiosa nas sociedades actuais da era da globalización, da “segunda modernidade” e da “modernización reflexiva”, expresións que utiliza constantemente. O autor adxectiva a sociedade actual como de riscos e incertezas en tódolos eidos da vida, onde cada individuo vese empuxado a facer “eleccións persoais” en tódalas circunstancias, pois non hai regras preestablecidas. U.Beck tamén prefire chamarlle ao momento actual “segunda modernidade”, ó que outros conceptúan como “sociedade postmoderna”. Debaixo desa urdiume de ideas e referencias abstractas, o sociólogo constrúe e utiliza todo un aparello de conceptos e categorías de análise sociolóxico, tanto para unha aproximación xeral a “segunda modernidade” como para o caso concreto do proceso actual de pluralización das relixións e da relixiosidade.

Un breve percorrido polo texto da investigación.
O profesor Ulrich Beck encomeza o seu traballo describindo unha experiencia dun “Deus Persoal”: a experiencia da rapaza xudía holandesa, Etty Hillesun, que no seu diario escrito entre 1941 e 1943, baixo a persecución nazi, describiu a súa intimidade e o encontro co seu Deus persoal. Ao descubrirse a si mesma descubriu a Deus. Ese Deus no era o Deus das teoloxías, nin das grandes relixións nin das igrexas concretas, senón o Deus do diálogo interior consigo mesma. Etty Hillesun, segundo informe da Cruz Vermella, foi asasinada o 30 de Novembro de 1943 no campo de exterminio de Auschwitz. Esa experiencia dun Deus subxectivo atraeu a mirada do sociólogo por considerar que prefiguraba axeitadamente a idea do “Deus Persoal” da actual sociedade da modernización reflexiva, aínda que sexa un Deus desdebuxado, feito de ideas abstractas e de sentimentos e gustos movedizos.

No Segundo capítulo o discurso sociolóxico de U.Beck aborda o paradoxo central e sorprendente da súa análise: está en crise ou en colapso a teoría da secularización, entendida como retroceso acelerado das crenzas, ritos e prácticas relixiosas das grandes relixións. Noutras palabras, a secularización percibiuse como un proceso da cultura moderna que traería a paulatina agonía das relixións establecidas e mesmo da busca individual da relixiosidade, desaparecendo así da vida pública colectiva. Supúxose que a secularización ía unida a modernización e a democracia, e que a relixión era incompatible con ese proceso. O sociólogo muniqués recolle o eco dalgúns síntomas que a socioloxía da relixión recadou dende a década de 1970 e que resume nestes puntos: a secularización é un fenómeno especificamente europeo onde as prácticas relixiosas regulares das igrexas cristiáns descenderon por debaixo do 20% da poboación; mais por contra, desde unha perspectiva cosmopolita, as relixións presentan unha imaxe de vitalidade, sobre todo o cristianismo no espazo extraeuropeo onde neste intre está nunha das súas fases expansivas mais importantes.

Segundo paradoxo: a secularización quita poder a relixión e, ao mesmo tempo, dálle outras armas ético-morais mais potentes e refinadas, cargando sobre a ciencia e os estados nacionais o “morto” dos fracasos da racionalidade exclusivamente mercantilista e das colosais inxustizas planetarias. “A secularización forzada, dinos o sociólogo, puxo os fundamentos da revitalización da relixiosidade e espiritualidade no século XXI”. A secularización forzosa, que levou a separación e a emancipación dos estados e liberou a relixión de misións irrealizables, converteuse nun regalo de Deus que achaiou o camiño para un despegue da relixiosidade no século XXI. En Europa o núcleo do “reavivamento” da relixiosidade é, paradoxalmente, o desaxuste entre relixión institucionalizada e fe subxectiva. A autoridade principal desa fe reavivada é o “Eu soberano”. Desa fe individualizada e soberana xurde unha “pluralización relixiosa” que non enche igrexas, mais revitaliza centos e miles de novas experiencias de relixión individual. Esas novas “fes individualizadas”, aínda que non queda claro cal é o suxeito histórico que vai a sustentalas, teñen unhas características definidas: son cosmopolitas, tolerantes, incluíntes, desnacionalizan as fronteiras territoriais e culturais, superan xerarquías e colonialismos. Naturalmente, esta é unha descrición tipo ideal a verificar na realidade concreta.

Despois de expoñer o discurso central do seu traballo, o sociólogo e profesor Beck resume a súa teoría nestas teses básicas:
- O auxe da fe relixiosa é proporcional a inseguridade que producen os procesos radicais de modernización reflexiva en tódolos ámbitos vitais e sociais.
- Por tanto, non se albisca o fin da relixión, senón que renace unha anarquía da fe de novo cuño. Rómpese a unidade das relixións e da relixiosidade. Na “individualización institucionalizada” en forma de dereitos fundamentais do individuo, cada quen crea a súa crenza individualizada, o seu “Deus persoal”.
- Esa individualización da relixión é paralela a individualización que ocorre nas crases sociais e na familia onde tamén se da unha “destradicionalización”, un proceso de decisión individual, de opcións persoais e de autoimputación das consecuencias.
- Chégase así ao paradoxo dunha segunda modernidade relixiosa en Europa: o baleirado das catedrais e igrexas e o fortalecemento dunha relixiosidade fluída son simultáneos. As crenzas individualizadas están xerando novas formas de moral, de política e relixiosidade que a socioloxía debe escudriñar con novo aparato conceptual.
- A individualización tende a equipararse coa “privatización” da relixión, e dicir, co seu desterro do espazo público, o que é un erro, pois a relixión pode introducir un novo papel público da fe. Esa fe individual nun “Deus persoal”, ¿será capaz de saír do seu ensimesmamento, de cooperar e afianzarse colectivamente?
- A individualización da fe necesita a súa lexitimación, a súa credibilidade; e faino con este postulado indiscutido: “en cuestións de fe relixiosa non hai mais verdade que a persoal que un mesmo confeccionou”.
- A individualización da fe non é exactamente sinónimo de “estandarización” externa da fe, nin tampouco de multiplicación dos credos individuais. Mais o patrón individualizado da fe, como nos artigos de consumo estandarizados, sigue a conciencia colectiva estándar que cada persoa asume como autoconciencia individual. De aí xorden os “credos minimalistas” simplificados e mediáticos, pero asumidos como se foran propio e orixinais.
- Esa individualización da fe, ¿pode cimentar a construcción dun “Deus Persoal”? A historia da testemuño de procesos semellantes, pero tamén pode ser un sucedáneo doutras fes, como a relixión do arte, da ciencia, do propio ego, etc.

- Ábrese un horizonte de posibilidades a desenvolverse en diversas fases: rexeitar a privatización da relixión e afirmar o seu papel público e reconsiderar a relixión como un “actor de modernización cosmopolita” esplendidamente simbolizado nos modelos Mahatma Gandhi e Martín Luther king.

Despois de resumir a súas teses centrais, O sociólogo U. Beck escudriña as consecuencias indirectas da secularización, da individualización e cosmopolitización da relixión na sociedade global actual. Suscita a cuestión da “autocivilización” das grandes relixións mundiais para superar a intolerancia inherente a súa propia forma estrutural de pensar que tende a impoñer fronteiras excluíntes. Os vieiros para sobrepasar a posible conflictividade relixiosa poden ser estes:
- Adherirse a doutrina das impurezas das culturas que desactiva estruturalmente o potencial de violencia entre verdades relixiosas discrepantes.
- A individualización da fe que modifica as relacións entre relixión e moral, creando diverxencias entre a moral predicada polas institucións relixiosas e as morais persoais.
- Por contra, a secularización tamén pode incrementar a resistencia moral por motivos relixiosos, como ocorreu nalgúns casos históricos de desobediencia civil.
- Así mesmo a comercialización de Deus tamén promove a individualización e a cosmopolitización, creando un libre consumo das relixións en competencia entre elas e unha pluralización que rompe fronteiras nacionais.
- Visto desde outra perspectiva, o estado constitucional aconfesional nacido da secularización, se é neutral e sen laicismos excluíntes, tende tamén a crear unha liberdade multirelixiosa positiva e tolerante.
- A busca e construcción dunha ética mundial baseada nos dereitos humanos e na regra de ouro da reciprocidade, común a tódalas tradicións relixiosas ( “o que non queiras que che fagan a ti, non llo fagas a ninguén”), axuda a achaiar as diferencias relixiosas acadando un mínimo común denominador ético-moral para toda a humanidade.
- E por último, o sociólogo alemán apunta a “conversión metodolóxica” practicada por Mahatma Gandhi como posible camiño para desactivar a potencial violencia das grandes relixións, é dicir, profundando na comprensión da propia tradición relixiosa e nas tradicións doutras correntes relixiosas, Gandhi descubriu os auténticos valores de cada herdanza espiritual e a súa confluencia nun cosmopolitismo respectuoso con tódolos outros seres humanos.

No derradeiro capítulo, titulado ¿Paz en vez de verdade?, o profesor U.Beck segue interrogándose sobre as grandes incógnitas relixiosas do futuro: ¿triunfo dos fundamentalismos ou xiro cosmopolita?, ¿restablecemento das certezas relixiosas incuestionables e intervención divina inmediata ou relixións como posibles co-constructoras da modernidade reflexiva?, ¿nacionalización intolerante de Deus ou axuste das verdades relixiosas coa busca da paz mundial?

Este breve percorrido é realmente estimulante para espertar unha imaxinación sociolóxica na que teñen cabida centos de preguntas sobre o espírito relixioso, sobre as institucións e novos movementos relixiosos e sobre a sociedade mundial do risco. Todo iso queda formulado en termos abstractos, pero con poucas respostas empiricamente verificadas. Sería necesario outra investigación empírica de socioloxía das relixións e dos movementos relixiosos actuais que, con indicadores significativos e abundantes datos concretos, cimentase mellor algunhas categorías e afirmacións espalladas ao longo desde incitante traballo de teoría sociolóxica.

Algunhas cuestións na sombra.
Ao meu persoal entender quedan insinuados, pero non suficientemente desenvolvidos algunhos problemas esenciais desa innovadora visión sociolóxica do presente e futuro da busca relixiosa e dos feitos relixiosos concretos:

- A premisa inicial de que o auxe da fe relixiosa é proporcional a inseguridade que produce a sociedade moderna semella unha simplificación contraditoria, pois dende a fermosura do amor humano, da beleza plasmada na natureza e nas artes, dos formidables coñecementos humanistas e científicos acumulados tamén pode acadarse o espírito relixioso. Os grandes místicos relixiosos falan das limitacións humanas, pero moito mais das belezas e amores indescritibles.
- Hai que aclarar que é iso do “Deus Persoal” individualizado hasta o infinito, que pode atinxir cumios sublimes ou converterse nun simple subxectivismo baldeiro e atomizado, nun bricolaxe de credulidades e incluso supersticións, incapaz de aglutinarse, de asociarse e organizarse colectivamente. O pluralismo relixioso pode quedarse en algo socialmente irrelevante fronte as potentes plutocracias político-mediáticas tanto relixiosas como seculares.
- ¿Quén é, e pode ser no futuro, o suxeito histórico que leve a práctica esa nova relixiosidade e relixión individual e cosmopolita? ¿Os “emigrantes promedio”, as multitudes en acelerado mestizaxe, un novo “proletariado maduro”, unhas minorías activistas e internacionalizadas mediante os medios de comunicación?
- O rumbo futuro tanto das grandes relixións institucionalizadas como dos novos movementos relixiosos emerxentes hai que escudriñalo nun contexto de múltiples relacións e resultados finais incertos: as institucións relixiosas poden enrocarse ou flexibilizarse, os grupos “contestatarios” interiores tenderán a centrifugarse ou a reaxustarse coa súa institución matriz renovada, os movementos seculares laicos ou laicistas terán que decantarse por unha respectuosa convivencia pacífica ou ancorarse nun fundamentalismo antirrelixioso.
- No actual proceso de purificación da relixiosidade e das relixións, falta por saber se a relixión deixará de ser unha careta para encubrir outros intereses económicos, ideolóxicos e políticos ou a relixión brillará de novo con todo o seu xenuíno esplendor de transcendencia e de altruísmo humanista.
- No actual panorama mundial das relixións, dos estados seculares e dos oligopolios mediáticos, as intolerancias e violencias, refinadas ou brutas, poden vir en maior ou menor grado de calquera dirección. Confiemos que as grandes institucións relixiosas haxan aprendido algunha lección sobre o lado escuro da súa propia historia; e traballemos para que os estados nacionais laicos non deriven en sutís totalitarismos mediáticos.
- Na actual situación de globalización planetaria, para ir na boa dirección, a hipótese mais razoable e conveniente debería ser a construcción dunha ética-moral mundial, mesmo de mínimos, coa cooperación positiva de todos, crentes ou non. Esa ética ten que recoller, cando menos, os dereitos humanos esenciais debidamente xerarquizados para que non tropecen entre eles, como ocorre actualmente en España na cuestión do aborto.

De calquera xeito, merece a pena ler o libro do sociólogo e profesor Ulrich Beck. Intenta descifrar paradoxos e abrir amplos horizontes para quen queira contemplalos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES