Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cidades e o transporte: Reduzamos a mobilidade procurando a accesibilidade

miércoles, 17 de septiembre de 2003
As políticas públicas de urbanismo e ordenación do territorio, xunto co respaldo hexemónico ao automóbil como medio de transporte, ten levado a converter o transporte e a mobilidade nunha das actividades humanas con maior impacto negativo sobre o medio ambiente e as persoas. Este impacto é medíbel tanto no eido local como cunha visión global das interrelacións entre ecosistemas e sociedades. Os distintos procesos industriais (extracción de petróleo e materias primas, etc.) implicados no funcionamento do sistema de transportes actual así como a xeopolítica militarista que mantén as servidumes do mesmo (como estamos a comprobar coa guerra e expolio de Iraq) suman unha lista catastrófica de desastres ambientais e sociais (xenocidio no Delta do Nixer, paramilitarismo contra a tribu U’wa en Colombia, Prestige, mortaldade constante nas estradas).
Nas cidades, o elemento central arredor do que xiran a meirande parte dos investimentos en infraestructuras é o automóbil. Esta centralidade do coche na planificación do espacio supón a marxinación “de facto” de grandes grupos sociais que por idade, incapacidade física ou falla de recursos económicos non teñen un. A fragmentación da cidade en espacios especializados atendidos por grandes viais de intenso tráfico crean unha barreira psíquica e física insuperábel para estes colectivos. Este ano foi proclamado “Ano Europeo das Persoas con Discapacidades” como chamada de atención fronte a marxinación que están a padecer. Mesmo cando a cidade adopta medidas para reducir a presencia do automóbil mediante bolardos nas beirarrúas, valados, etc; non fai máis que agravar aínda máis o problema.
As consecuencias do abuso do automóbil máis evidentes son a contaminación ambiental, acústica e visual. Pero temos que engadir a esta lista unha grande capacidade de contaminación cultural e de manipulación de comportamentos. As iconas sociais de competitividade, egoísmo, desprezo aos semellantes e sexismo manexadas pola publicidade automobilística (o mercado publicitario do automóbil e temas relacionados ocupa un 60% do espacio televisivo e de prensa escrita) depauperan os esforzos para crear unha sociedade máis solidaria e xusta, contaminando ideoloxicamente todos os ámbitos da nosa organización social.
Compre das un enfoque totalmente novo ao problema da mobilidade, enfocándoa dende o punto de vista de ben público e de utilidade social. Até o de agora, estas iniciativas de mellora da mobilidade enfocáronse cara a mover o maior número de persoas no menor tempo posíbel dun punto a outro sen ter en conta as distancias. As consecuencias desta opción son evidentes: atoramentos, contaminación, accidentes... Temos que introducir o concepto de cercanía/accesibilidade na planificación urbana e na ordenación do territorio. Volver a crear os espacios a medida das persoas, eliminar todas as trabas físicas (tanto en distancias e modos de transporte como en elementos urbanos) que impidan o acceso aos distintos servicios. Temos que fuxir dos espacios urbanos especializados para volver as zonas mixtas onde conxugar as actividades laborais, lúdicas, culturais e sanitarias nunha distancia asequíbel aos modos de transporte non contaminantes (a pé, en cadeira de rodas ou en bicicleta).
Cando estas distancias non sexan posíbles, as administracións deben de asumir a promoción do transporte público como eixo central da súa política. Planificar sistemas eficaces de transporte público en todas as comarcas urbanas que faciliten os desprazamentos entre as cidades e os municipios da súa área de influencia. Neste senso, cómpre aproveitar as posibilidades do transporte marítimo en comarcas como as de Ferrol, A Coruña e Vigo e a creación de liñas de tranvía. As macro-infraestructuras de alta velocidade non cumpren esta finalidade polos seus gravísimos impactos ambientais, os seus desequilibrios territoriais, o seu altísimo custo económico, o elevado consumo enerxético e a sua escasa utilidade social. Precisamos establecer unha rede interna de ferrocarril de dobre vía electrificada, que vertebre o país, conectando os núcleos grandes e medianos de poboación, cunhas velocidades axeitadas (200/220 km/h). Estas nova estructura ferroviaria ten que artellarse dende a intermodalidade, que permita optimizar (dende o punto de vista económico, social e medio ambiental) os distintos modos de transporte, ate acadar un sistema de transporte de calidade, accesíbel e asequíbel , que cohesione o territorio e que contemple as necesidades dos distintos grupos sociais, respectando o medio ambiente e aproveitando ao máximo as infraestructuras existentes.

Por Xan Duro
Presidente de ADEGA - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Duro, Xan
Duro, Xan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES