Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha lanza por Don Juan Tenorio

martes, 15 de mayo de 2001
Polo xeral, a valoración ética e moral que se fai de Don Juan Tenorio é negativa, e polo tanto sempre foi presentado como un modelo humano a evitar, en nome dos valores máis afincados no seo da sociedade en que naceu como personaxe literario, tanto da obra de Tirso de Molina, que o condena, coma da de José Zorrilla, que o absolve.

Efectivamente, só os indesexabeis, que haber hainos, poden aplaudir, e de feito aplauden, as falcatrúas daquel señorito sevillano, fillo de papá, malcriado e fanfarrón. Pero, precisamente, mirando a eses indesexábeis, Don Juan gaña moito en grandeza e mesmo se perfila como un heroe positivo, pois situados no ámbito das canalladas que comete o Tenorio e das que se cometen diariamente na actualidade ¿quen resulta máis despreciábel, o personaxe de Tirso e Zorrilla ou esa grea de violadores amparados na nocturnidade, na debilidade física e no terror das súas víctimas; cobardes pendencieiros en pandilla, matóns asasinos que non dan unha oportunidade de se defender a quen masacran; asaltadores de anciáns indefensos; prevaricadores do tesouro público, profesionais do pelotazo, acosadores sexuais que aproveitan o medo ao paro, secuestradores e asasinos de honestos industriais, de meniños ou de mociñas que xa nunca volverán a ver a luz do día?

Don Juan é un seductor que namora as súas víctimas e, se ben estas resultan burladas, o certo é que o Tenorio lles proporciona pracer, non as forza, non as viola, por moito que despois sufran co desengano amoroso.

Ata certo punto, Don Juan xoga limpo e as mañas que utiliza son inherentes á súa condición de Burlador, de xeito que, en boa medida, as víctimas déixanse enganar porque tamén esperan un beneficio que despois non lles chega. É como o timo das estampiñas. A Dona Inés de Zorrilla non resulta burlada, senón seducida pola palabrería do mozo. A paixón que Don Juan desperta nela (unha vivencia nunca experimentada pola novicia) é un sentimento que non lle impón Don Juan, senón que nace no seu peito porque unhas poucas palabras escritas nun papel souberon tocar maxistralmente a vaidade da mociña. Se fose máis modesta e humilde, é dicir, se fose honorábel, segundo o sistema de valores vixente no século XVI, Dona Inés debería decatarse de que estaba a ser asediada por alguén que quería conseguir algo dela, pero a súa vaidade puido máis, e por iso caeu na trampa. Don Juan, polo tanto, non é culpábel. El está no seu papel. Quen non cumpre coas súas obrigas é Dona Inés. E o mesmo podemos dicir das burladas na obra de Tirso de Molina: todas, polo si ou polo non, buscan un proveito valéndose de Don Juan, e este aproveita esa ambición ou a vaidade ao seu favor. En definitiva, Don Juan é un golfo, pero non menos golfas son as súas víctimas.

E eu sei de señoritos, fillos de papá, malcriados, fanfarróns, burguesiños disfrazados de proletas e seductores intelectuais da xuventude que necesitan dun coro de ocas detrás do que se parapetar para cometer, nos nosos tempos, cousas equivalentes aos de Don Juan nos seus. Don Juan, en cambio, válese de seu e anuncia na porta da casa a súa bravuconería, non engana a ninguén: Aquí está Don Juan Tenorio/y no hay hombre para él/Desde la princesa altiva/a la que pesca en ruín barca/no hay hembra a quien no suscriba/y cualquier empresa abarca/si en oro o valor estriba/ Búsquenle los reñidores/cérquenle los jugadores/quien se precie que le ataje/a ver si hay quien le aventaje/en juego, en lid o en amores.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES