Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba onte e hoxe: A Pravia

martes, 14 de julio de 2009
Vilalba onte e hoxe: A Pravia En prácticamente todas as culturas e tradicións as árbores foron de sempre un dos símbolos fundamentais que concentraban moitos dos seus valores esenciais e xenéricos. Esa morfoloxía tan súa de raíces, tronco e copa fai delas un elemento comunicador de tres mundos a miúdo afastados (subterráneo, terrestre e celeste) simbolizando con ilo o mesmo fluxo entre a vida e a eternidade. Para os antiguos exipcios representaban o crecemento espiritual, na Cábala hebrea relacionáronse co acceso ao coñecemento, en China vinculáronse á lonxevidade e á fertilidade, para os celtas eran sinónimo de protección e outras moitas cousas, na tradición cristiana son o despertar da conciencia no Edén, no budismo a liberación anímica, e na Grecia antiga a victoria en cuestións bélicas (loureiro), ou ben Cronos e a sabiduría en tempo de paz (oliveira).

Tradicionalmete as árbores simbolizan tamén a vontade, a permanencia frente ao fuxir irreparable do tempo, así como a continuidade e a firmeza. Precisamente eses mesmos conceptos son os que hoxe traemos aquí, pois son os que daban sustento a unha sección mítica daquel xornal chamado A Voz de Vilalba que levaba por nome “Vilalba, onte e hoxe”. Nela tratábase de dar conta (entre a denuncia e a curiosidade) das fondas transformacións que se estaban a dar, xa naquel entón, na morfoloxía da vila e, asemade, o xeito en que o percorrido vital fai que algunhas cousas fiquen incólumes ano tras ano. Tentábase algo sen dúbida semellante ao que tan ben reflectiu máis recentemente a exposición “Testemuñas de cambio”, así coma o libro homónimo editado polo Iescha en 2007, con texto de Carlos Gómez Osa e fotos de Amador. Un libro-testemuña (coma di o propio título) que, dende o intre mesmo da súa publicación, pasou a ocupar un lugar privilexiado nas librarías de moitos chairegos.

Tentar homenaxear agora aquela sección tan representativa non podía ser doutro xeito que amosando un dos iconos da imaxinería chairega por excelencia: a mítica Pravia. A súa presenza aquí ten unha función dobremente simbólica: por unha banda, a de representar, coma xa dixemos, un icono da Chaira; pola outra, por ter sido o lugar onde, un lonxano 29 de xuño de 1983, baixo as ramas que nos viron nacer e medrar, xurdíu A Voz de Vilalba, xornal ao servizo do pobo.

Ademáis, nas fotografías que aquí amosamos, pódense observar, xunto ao acer pseudoplatanus (nome científico da nosa afamada árbore), dous dos míticos puntos de venta do xornal naqueles anos do século pasado: a Casa dos Marios e a Librería Da Ponte, rexentada por Carmiña García Mato (filla e irmá de poetas) que tan proveitosas lecturas nos proporcionou.

A imaxe antiga foi tomada dunha postal (anos corenta?). Se a comparamos coa actual decatarémonos coma, aínda que de xeito lixeiramente perceptibeis, a fisionomía urbana da vila non foi allea ao paso do tempo. En torno á árbore hai xa unha glorieta que pervivíu ao longo de moitos anos ata que foi substituida pola actual. É quizais máis rechamante ese posto de gasolina e eses autos que semellan sacados de “Os violentos anos vinte”, de Raoul Walsh con James Cagney. A xente a parolar baixo a fresca sombra da árbore é unha leda estampa que, afortunadamente, aínda hoxe pervive.

A fotografía moderna foi tomada nun recente mes de maio, estando a primavera na súa esplendorosa consagración. Con todo, sorprende nela a perda daquela fermosa follaxe de verdor unánime que posuía a árbore, non sabemos se achacable ou non ao cambio climático. Hai xa uns cantos anos sufríu un declive do que, aínda que recuperou, non voltaría ao seu ser orixinal. As podas hixiénicas e necesarias (que ademáis liberan as súas ramas dun peso considerable) fan o resto, conferíndolle ese aspecto de bonsai hipertrofiado.

Sexa como for, disfruten das dúas imaxes. Jung relacionaba as árbores coa imaxinación creadora. Un bo símbolo que dende agora adoptamos coma noso xunto a ese outro, tradicional e xa sinalado, de vontade, firmeza, permanencia e continuidade frente ao paso do tempo máis aló de calquera inclemencia climatolóxica ou, mesmamente, vital.

Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES