Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manifesto polo galego na igrexa

viernes, 10 de julio de 2009
Manifesto polo galego na igrexa

O Foro de Curas Galegos únese ás manifestacións da sociedade galega a prol do uso normal da súa lingua identitaria, o galego. Particularmente, únese ao “Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”, que asinamos xa moitos. Con ese manifesto recoñecemos que “o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia orixinaria sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial”, e que “os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo estatus legal que o castelán ten no seu”. Sabemos que a situación do galego “está moi lonxe de ser así”, como alí se indicaba.

Este diagnóstico é tamén real para unha Igrexa en Galiza, que se resiste a ser galega. Como escribiu hai anos o bispo Araúxo: “A Igrexa galega ten unha débeda e un pecado histórico con respecto ó noso pobo: esquecer a nosa lingua e a nosa cultura” e “contribuíu a intensificar o proceso de alienación cultural” (Memoria de vida e O cristián ante a cuestión da lingua galega). Un pecado histórico endémico, pois a Igrexa ten sido un dos elementos máis desgaleguizadores da historia galega; aínda que nos primeiros tempos asumiu a cultura e a lingua do país, e ata o s. XIV actuou case exclusivamente en galego. Con todo, é tamén certo que unha parte importante da Igrexa fixo moito e ben en Galiza a prol do pobo galego e a súa lingua. Nos anos 30 do século pasado, os cristiáns galegos autoproclamábanse “cristiáns e nacionalistas, crentes en Deus e no porvir da Terra” (A Nosa Terra, 25 de Xullo de 1924); daquela sentíanse apoiados polo bispo compostelán Lago González, que dixo: “Amando a Galicia amaremos a Deus e seremos profundamente relixiosos”; chegou a escribir estes versos:



Alá están os que venden
esta terra bendita e nola aldraxan;
aquí viven os fortes
que saben ir á loita pola Patria.
Ai fillos de Galicia!
erguédevos agora e rescatala;
que non é bo galego,
nin ten o corazón da nosa raza,
quen a súa nai ve presa
en miserable escravitude, e cala!.

Décadas despois, o Concilio Pastoral de Galicia, algúns bispos galegos e un bo feixe de clérigos e leigos verdadeiramente bos e xeneroso, foron manifestando de palabra e obra a súa aposta polo galego. O Concilio de Galicia escribiu: “Este Concilio xulga necesaria a valoración e mesmo a promoción, por parte dos educadores na fe, dos elementos peculiares da cultura galega, especialmente da súa lingua”.

Pola súa banda, algúns beneméritos bispos galegos dixeron tamén palabras memorables. Don Miguel-Anxo Araújo, recentemente finado, escribiu: “Ser galego e non exercer de galego é unha esquizofrenia mental e cordial. E aínda máis, para un cristián é un pecado contra o misterio da encarnación” (Memoria de vida). E Don Xosé Diéguez, aínda en exercicio, dixo aos cristiáns da diocese de Vigo: “Temos que colaborar a que os habitantes desta nosa terra se sintan verdadeiramente gozosos de utilizaren o galego no exercicio da actividade pastoral, nas súas relacións persoais e na súa relación con Deus. Porque a lingua e a cultura propias son a mellor expresión para comunicarse, en verdade e de corazón, con Deus noso Pai” (Boletín do Bispado, xaneiro-febreiro1999).

Actualmente, a pesar da reticencia ao galego de algúns xerarcas e moitos cristiáns e cristiás que enchen as igrexas galegas cada domingo, nós estamos convencidos de que “os peixes vivos nadan sempre contra corrente”, como di a sabedoría popular; son os peixes mortos os que se deixan levar pola corrente, e nos sentímonos ben vivos aínda. Parécenos evidente o feito de que o pobo galego, que ten unha lingua de seu, debe non só conservala e coidala coma un tesouro, senón vivila, inzala; porque a lingua é sempre, privilexiadamente, a esencia dunha cultura, non un puro apéndice utilitario. Por iso, coidamos que para Galiza é máis grave destruír a lingua galega ca derrubar a benquerida catedral de Santiago. Estamos convencidos de que Galiza só pode medrar realmente galeguizándose, defendendo pacificamente a súa lingua e identidade propia sen pecharse ao mundo. Neste convencemento, cremos que tamén a Igrexa Galega debe facer esta aposta; se quere ser realmente galega e non un enclave colonial, cremos que é imprescindible que fale galego, que proclame o Evanxeo, que rece e celebre a fe en galego. Desgraciadamente, aínda que hoxe hai menos reticencia na Igrexa ao uso do galego, non hai unha aposta real por el.

Nesta aposta unímonos galegos cristiáns e non cristiáns; todos convencidos de que só así poderemos ir acadando unha Galiza liberada, cunha identidade de seu, aínda que plural. Coidamos que a aposta por Galiza, polo pobo galego e a súa lingua identitaria é a aposta do Evanxeo: o Reino de Deus; que non é soñar co alén, senón o amor comprometido á terra e aos irmáns e irmás, empezando por nós mesmos e polo noso próximo, o pobo ao que lle debemos a vida, a palabra, a cultura... o que somos.

A aposta de algunhas publicacións, grupos e comunidades espalladas pola nosa Terra, seguimos sendo a proba de que, fronte ao imperialismo castelán uniformador de parte da Igrexa en Galiza, hai unha Igrexa galega que existe e resiste. E desde esa identidade unímonos a outras igrexas nacionais na Iberia e por todo o mundo, coas súas peculiaridades culturais e étnicas. Unímonos tamén aos irmáns doutras confesións cristiás, doutras relixións e a toda a xente que quere outro mundo posible, máis xusto, máis fraterno, máis igualitario... porque este mundo é imposible tal como está, aínda que cada día os axentes do neoliberalismo e as xerarquías relixiosas nos queiran convencer que non hai alternativa, e loiten por acabar con nós e reintegrarnos ao seu curral.



Cervantes (Lugo), sete de xullo do 2009.
Foro Curas Galegos
Foro Curas Galegos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES