Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saúde Ambiental e normativa de construción: As Normas do Hábitat Galego e o Gas Radón

lunes, 29 de junio de 2009
Lugo, a 19 de xuño de 2009.

Recentemente escoitamos que as Nomas do Hábitat elaboradas polo anterior governo galego poden ser derrogadas.

A Vivenda é ese lugar en que pasamos a maior parte da nosa vida. Aínda aquela xente menos caseira ten que durmir e iso representa, como mínimo a cuarta parte das horas do noso percurso vital.

Que pode haber máis importante que a nosa saúde e o noso benestar?

Hai unha problemática poucas veces considerada no relativo ás vivendas, como é as emanacións de Gas Radón e a súa posíbel acumulación nas nosas casas.

Na normativa do Hábitat Galego regúlanse as condicións indispensábeis de salubridade dunha vivenda: ventilación dos cuartos, e definición de áreas de día e de noite para fomentar a orientación segundo o sol facilitando a entrada de luz, e de ventilación.

Estas dúas condicións son indispensábeis tanto para unhas boas condicións de salubridade como tamén de aforro enerxético. Iso tradúcese en que a vivenda sexa compatíbel cun concepto de sustentabilidade que debería rexer todas as actuacións da nosa vida. Nun mundo en crise económica, enerxética e mesmo de valores morais, concebir a vivenda como o lugar onde a nosa saúde fique preservada, é un avance con relación a motivacións doutra orde como especulativos ou puramente económicos.
Mais aínda, estudos recentes feitos na Universidade de Santiago monstran como Galiza é unha zona de alta radiactividade natural, debida, principalmente, aos minerais contidos nas rochas plutónicas como o granito . Entre estes, o Uranio 235 que emite radiactividade e gas Radón na súa desintegración espontánea.
As provincias de Pontevedra, Ourense e Coruña mostran unha maior predisposición a estas emanacions dado que o granito alí é a rocha máis abundante. O Gas Radón é mui inestábel e degrádase rapidamente. Por iso o risco de acumulación depende da capacidade de ventilación da vivenda. (Nas vivendas tradicionais non debería representar un grave risco debido a que non estaban tan ailladas como as de hoxe, en que se fomenta que se minimicen as perdas enerxéticas).

Na Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC tense formado un grupo galego de investigación integrado por Xoán M. Barros Dios, Adolfo Figueiras, Agustín Montes, Alberto Ruano, Ana Barreiro, Mónica Dios e Joaquín Peón para o estudo do Gas Radón como factor de risco ambiental polos seus efectos na saúde nomeadamente na aparición de cancro de pulmón. Paralelamente a este estudo estase a levar a cabo a elaboración do Mapa Galego do Radón (aínda en proceso). Estes traballos veñen indicar, e así o recoñece a Organización Mundial da Saúde ou a Axencia para a Protección do Medio Ambiente estadounidense, que existe unha relación directa entre a exposición ao gas radón e a aparición de cancros como o de pulmón. Este efecto vese fortemente ampliado cando a persoa exposta a esta radiación é fumadora. Hoxe, acéptase que o radón constitúe o segundo factor principal na etioloxía do cancro do pulmón (o primeiro é o fume do tabaco). O radón asóciase á aparición de cancro infantil e adulto do pulmón e o ril, melanoma e leucemia mieloide. Estímase que ata o 15% dos casos de cancro de pulmón é causado polo radón.
Nas análises que se están a facer en fogares e institucións galegas chéganse a atopar medicións de máis de 1000 bq/m3, cando o mínimo porcentaxe de risco sitúase nos 200bq/m3.
Isto indícanos a importancia de previr o risco de contaminación desde unha normativa que contemple esta prespectiva.
Por iso nas Normas do Hábitat Galego faise mención especial a evitar que as emanacións do Radón poidan seren acumuladas nas casas. Este gas emana do chan e introdúcese no ar das casas a través de varias maneiras; a través do chan situado baixo da casa (a través de fisuras, canalizacións, muros, unións, materiais porosos... ), nos materiais de construción ou a través da auga de consumo.

A maneira de evitar isto é mui semellante a como nos aillamos da humidade. Débese aillar o piso da casa do solo e deixar que circule o ar nese espazo para que o Radón non se acumule e chegue a migrar hacia o interior da vivenda. Deberíanse tamén evitar materiais de construción cuxa procedencia non sexa clara, pois muitas das veces estes materiais incorporan residuos que poden conter materiais radiactivos. Isto acontece, por exemplo, con cementos ou paredes sintéticas en que non se indique a procedencia dos elementos que as constitúen.

Estamos ante un problema de saúde grave xerado por un factor ambiental natural e que se verá favorecido ou mitigado atendendo ás características construtivas dos edificios. Resulta fundamental que a presenza ou non de solos que favorezan a propagación do gas sexa un factor a ter en conta mesmo na planificación urbanística e nas normas que rexan a construción.

Agora voltamos a escoitar que o actual governo pretende derrogar as normas do Hábitat, quizais impulsado por certo sector da construción que non ve máis que beneficio abundante e rápido.
Na normativa do Hábitat regúlanse as condicións de salubridade das vivendas en base á ventilación dos cuartos e á súa orientación solar. O sol é un potente bactericida e a ventilación facilita a eliminación de gases nocivos como pode ser o Radón. Trátase de combinar aforro enerxético e ventilación.

Se somos capaces de pagar un plus de seguranza no noso coche, ou en outras cousas cotidiás, como podemos non esixir o mesmo para á vivenda en que vamos pasar a maior parte da nosa vida?
Desde ADEGA - Lugo temos constituído un grupo de traballo para sabermos máis sobre o Gas Radón e a súa influencia na saúde ambiental e na nosa propia.

Xulgamos que é importante que as normas de construción sexan reguladas na contemplación, primeiro, da saúde dos utentes.
Consideramos imprescindíbel incorporar os estudos do grupo da Universidade de Santiago ás normas da construción. Na Norma do Hábitat fíxose un primeiro intento. O primeiro tamén do Estado Español a este respeito:

(Cito:D.2.3.1. Salubridade: Toda vivenda unifamiliar illada deberá separarse do terreo cun espazo mínimo de 60 cm desde o nivel inferior do forxado e garantir un nivel de ventilación cruzada suficiente que minimice o risco de penetración do aire exterior contaminado no interior da vivenda, así como o risco de humidade procedente do terreo. Así mesmo, terase especial consideración na eliminación da poiíble contaminación das vivendas por gas radon.)
Sería importante, imprescindíbel que, na consideración da derrogación ou non destas normas, non fosen os intereses políticos ou crematísticos os que tivesen a última palabra.

A saúde e o noso benestar, porén, deben primar sobre estes dous intereses.
Adega Lugo
Adega Lugo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES