Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Arcebispo de Antioquía

domingo, 10 de marzo de 2002
Para Carlos Casares, que segue a vivir na palabra.

Aquel domingo marzal, no cataventos do campanario, zoou un vento ferido e o galo empoleirou un quiquiriquí estourante que puxo nos peitorís das fiestras verdes a todos os habitantes da cidade. Dona Manolita sentiu no corpo un tremor umbilical e a don Paco custoulle acreditar no que, dende a fiestra, vían os seus ollos emocionados: o seu fillo cruzaba as rúas estreitas subido nunha moto con cornos de boi limiao. Era unha Harley escintilante que traía dende San Fiz ao famoso arcebispo limiao e mais a unha fermosa rapaza loira que seica traballara nun circo. Abriu a cancela e non se sorprendeu da galiña azul que petiscaba na tona balorecida dunha laranxa, nin da aparencia doméstica da familia que semellaba estar a agardalo: a paciencia benevolente do seu pai á par da lareira, a emoción desmedida da súa nai, o avó Herminio a lle amañar unha locomotora de madeira, a avoa Francisca xogando á brisca coa tía Carme mentres nos ollos da cadela Leda se prendía unha alegría insensata.
A súa chegada foi celebrada con foguetes e, nas rúas, os danzantes de Güín e mais os cabezudos de Xinzo trenzaron a eito os pasodobres da banda de Parada. O Fona, moito antes de llo encargaren, xa lle tiña feita unha muda relixiosa a este insigne veciño que, malia pór moitos reparos, o fixeron sentar nun sillón azul no centro mesmo da praza. E non lle abondaron dous días enteiros para recibir a visita emocionada de todos os amigos que se gababan de o coñeceren e que lle facían cumprimentos devotos. Mais de todas as visitas, a que máis fondo lle chegou, foi a do Rafa Cacá que, cun capote baixo dos seus brazos meniños, lle brindou unha corrida antolóxica. E alí, esvacoado de ledicia coma un principiño, encetando un puro do amigo Picamoca, o arcebispo de Antioquía apalpou a meiguice do novo mundo coma se fose un xoguete prohibido.
Riveiro Coello, Antón
Riveiro Coello, Antón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES