Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O labirinto das pistas rurais

lunes, 22 de junio de 2009
COMPÁS SOCIAL: O LABIRINTO DAS PISTAS RURAIS
Fai algo mais dun mes que lin dúas boas noticias sobre os queixos de San Simón, producto de calidade da bisbarra lucense da Terra Chá. A primeira, que a súa comercialización xa había acadado o mercado internacional, tanto en Europa como nos Estados unidos. Segunda, Galicia Dixital deunos a boa nova de que a Consellería do Medio Rural de Galicia vai poñer 65 indicadores para sinalar os lugares onde se encontran as oito queixerías que fabrican estes afamados e peculiares queixos chairegos. É sen dúbida un pequeno pero gran paso adiante. Confiemos en que o Organismo competente instale esas sinais con símbolo claro en sitios estratéxicos, de tamaño e estética axeitada, indicando situacións e distancias precisas, e que nos centros de fabricación configuren algún monolito que resuma as características e calidades específicas do producto. Quedamos a espera, coa esperanza de que o labirinto de pistas rurais para chegar as oito factorías quede superado e ordenado. No mesmo texto desta segunda noticia D. Xulio Xiz contábanos unha experiencia miúda e algo curiosa: sendo chairego confeso, dinos que se perdeu no corazón da Chaira. Despois dun leve sorriso, emerxeron na miña memoria persoal varios casos parecidos. Entón, empuxado por un resorte espontáneo, encomecei a cavilar sobre o problema crónico da escasa sinalización das “pistas” da Galicia rural e sobre as deficiencias dos modestos indicadores existentes.

Unha historia case anónima sen reconstruír.
Neste eido, no último medio século o mundo rural galego foi dando pasiños aparentemente modestos, mais que a longo prazo resultaron ser transcendentais. Os labregos encomezaron empedrando corredoiras e camiños lamacentos para moverse cos primeiros tractores. Logo, reconvertidos xa en gandeiros con máquinas e apeiros de maior tamaño, necesitaron ensanchar e endereitar aqueles vieiros estreitos e nalgúns puntos estrangulados; pero esa tarefa trouxo palabras maiores, pois aquel avance requiría esmendrellar os ancestrais muros de pedra e toda crase cerrumes e arbores pegados os camiños públicos. Xurdiron centos de lerios que foron esmorecendo a vista dos bos resultados das novas “pistas”. O “efecto demostración” acougou ata os mais recalcitrantes. Mentres tanto a poboación rural ía motorizándose; e co empuxe de párrocos, mestres, pedáneos e outros notables solicitaron mais pistas, a poder ser con rego asfáltico. Coa democracia chegou un tempo propicio para peticións e promesas electorais de arranxo de camiños ata acadar a situación actual na que practicamente, pese as múltiples deficiencias, podemos chegar por pista asfaltada a tódalas aldeas e casais. No ano 2000 o Instituto Galego de Estatística (IGE) deunos a cifra de 27.820 Quilómetros de pistas municipais -o 62% de tódalas vías galegas de comunicación- que na inmensa maioría teñen menos de catro metros de ancho e cun firme empedrado ou de rego asfáltico.

Sorprendentemente ninguén se ocupou en serio de sinalizar axeitadamente ese labirinto de "pistas" rurais. Persoalmente teño rescatado desa maraña de vías sen indicadores a bastantes conductores foráneos, algúns deles case desesperados e maldicentes da desidia dos nosos gobernantes. Eu mesmo, presunto coñecedor de arañeiras viais do medio rural, atopeime sen rumbo en determinadas ocasións. Nun verán recente percorrín as 18 parroquias e as 310 aldeas do Concello de Guitiriz para inventariar o seu patrimonio natural e histórico-artístico-cultural; e despois de algúns tenteos en solitario, solicitei axuda dalgúns veciños de cada parroquia para non perderme, para gañar tempo e información precisa. A conclusión é sinxela: nunhas comunidades rurais de tradicións e hábitos orais non botaban de menos os indicadores escritos nin os gráficos. Os mesmos dirixentes municipais amosaron unha feble sensibilidade ante as carencias e deficiencias do sistema de sinalizacións.

A construcción social da sensibilidade colectiva.
A situación mellorou sensiblemente coa chegada das autovías e a renovación das estradas estatais e autonómicas nas que se sinalaron moitas entidades e núcleos menores con indicadores homologados; tamén se percibiu unha mellora considerable nas estradas provinciais, pero as redes municipais de “pistas”, fóra dalgunhas excepcións meritorias, quedaron sen rumbo previsible: poucas sinais e indicadores, de tamaño raquítico e escasa visibilidade, de pobre grafía sen poñer distancias, sen a penas símbolos nin monolitos que indiquen o patrimonio natural e histórico-artístico do medio rural disperso. En multitude de encrucilladas de pistas rurais non se sinala o paso preferente, nin o ceda o paso, nin o stop, nin as aldeas próximas nin as direccións nodais onde esas vías locais enlazan con estradas de maior rango. Non se albisca tampouco un necesaria reconsideración e renovación do sistema desas pistas rurais, aínda que, xusto é dicilo, a situación está cambiando nalgunhas bisbarras e concellos.

Como poden moverse os camións e furgonetas dos servizos ambulantes para o acceso as aldeas? Como desprazarse diariamente centos de traballadores rurais sorteando tantos riscos? Como atraer novos visitantes e habitantes foráneos o medio rural? Como soñar cun turismo rural sen a penas información nin sinalización do patrimonio natural, histórico, artístico e cultural dos concellos e de comarcas enteiras? Resulta sorprendente e admirable como día tras día os cidadáns resolven moitas carencias sen maiores accidentes nin custos sociais.

Todo ese labirinto pode superarse con un custo económico relativamente baixo e ó alcance das deputacións e concellos. Só falta sensibilidade, firme vontade política e coordinación entre os diferentes banzos das administracións públicas. O sistema xeral de ordenación do tráfico e sinalización-indicación de asentamentos de poboación, de paisaxes, de monumentos e outros bens culturais xa está inventado e homologado; só cómpre situalo nas circunstancias concretas do medio rural específico de Galicia. Dada a peculiaridade dos asentamentos de poboación galega, é necesario que o Organismo Autonómico competente promova e coordine un plan global para unha sinalización axeitada das vías de comunicación e transporte no medio rural disperso, sen esquecer a súa riqueza natural e cultural. Se as forzas cívicas e políticas dos concellos non se esforzan en coidar e mellorar o seu contorno rural disperso, as pequenas vilas e núcleos rurais tamén camiñarán rumbo dunha longa atonía que pouco a pouco irá perdendo pulsacións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES