Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Begonte: Dous anos de Convivencia e Progreso

viernes, 19 de junio de 2009
Cúmprense dous anos de goberno municipal diferente en Begonte. Se ata mediados de 2007, o Concello de Begonte foi gobernado polo PP con maiorías absolutas, a aparición dunha lista independente nas eleccións celebradas o 27 de maio proporcionou un resultado sorpresa por ser esta a segunda lista máis votada (14 votos por diante do Psoe), obtendo 5 concelleiros o Partido Popular, 2 os Independentes, 2 o Psd G-Psoe e 2 os nacionalistas do Bng.

O PP quedaba así sen maioría absoluta, obténdose a maioría gobernante coa suma das tres forzas restantes, resultando elixido Alcalde o que subscribe, como cabeza de lista dos Independentes, cos votos dos socialistas e nacionalistas, se ben estes últimos non asumiron responsabilidades de goberno. Entendeu o Bng que Begonte merecía un cambio pero nin os seus representantes aceptaron as condicións dos Independentes, nin estes as que os nacionalistas propugnaban. Os dous concelleiros do PSOE formaron grupo de goberno cos Independentes.

Repaso a Hemeroteca destes dous anos e os meus recordos, e descubro con sorpresa que en xeral non atopo nin malos modos, nin malas palabras, nin críticas especialmente ácidas. Tanto que me atrevo a falar da “fórmula Begonte” para enxuiciar a nosa convivencia política, a convivencia humana entre tres forzas políticas que poden considerarse “clásicas” e a nosa agrupación de independentes.

A primera ocasión importante para poñer a proba o acordo inicial foi sen dúbida a do 18 de xaneiro de 2008, cando abordamos o estudio do presuposto municipal para o pasado ano, adaptado á realidade e á necesidade do concello. Nesa ocasión o PP votou en contra. Quizais era que aínda estabamos “axustando” os mecanismos municipais.

Nestes dous anos, en Begonte sucederon cousas verdadeiramente importantes, entre as que temos que destacar a entrada en funcionamento da A8 entre Abeledo e Baamonde, e o entronque das dúas autovías galegas máis importantes (A6 e A8) en Baamonde; a creación dun centro de almacenamento de pezas de eólicos nas inmediacións do Parque Empresarial da capital do concello; que o Concello de Friol dese o nome de Begonte a unha importante vía da súa capital; que en Begonte se constitúa unha planta de biodiesel para España e Portugal; que os parques empresariais begontinos vaian evolucionando de xeito progresivo, e nun deles se vaia instalar o Centro loxístico de Carrefour; que se desafectasen oito escolas unitarias que volven a ser propiedade do Concello, ou que se afiancen celebracións de vellas feiras ou se volvan celebrar as festas patronais da capitalidade do concello.

E polo que a actividade municipal se refire, quero deixar constancia da participación do Concello na organización de Belén de Begonte, a inclusión de Begonte con Guitiriz e Curtis na nómina de “Concellos saudables”, a consecución dun desfibrilador para o centro médico de Begonte ou as obras de urbanización do parque empresarial de Pacios-Baamonde.

E quero subliñar a unanimidade dos grupos municipais begontinos na cesión do Centro de día de Baamonde ó Consorcio Galego de Sanidade, a esixencia e consecución de atención medica para os nenos begontinos, na solicitude a Traballo de dous obradoiros de emprego ou en sinalar as inmediacións do Club Fluvial para situar a piscina que se construirá por convenio coa Deputación provincial. E de xeito moi especial a unanimidade das catro forzas do concello para o pasado mes de marzo aprobar un presuposto de 1.900.000€ para o presente ano, destinando 170.000€ a infraestructuras consensuadas entre todos os grupos municipais.

Cumpridos os dous anos de goberno municipal, dous anos de convivencia e de progreso, quero deixar constancia da miña satisfacción como Alcalde dos logros conseguidos, agradecer ó resto das forzas políticas a súa colaboración, e solicitar que nos dous anos que quedan desta lexislatura se siga producindo unha igual situación de colaboración política e humana para seguir traballando todos xuntos por un Begonte mellor.

Begonte, Xuño de 2009.
O Alcalde,
José Antonio Vázquez García.
Vázquez García, José Antonio
Vázquez García, José Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES