Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cuestión de Pedrigree

martes, 02 de junio de 2009
Era a ollada máis triste do mundo. Estaba só e non sabía volver. Non paraba de dar reviravoltas, desesperado. ¿Onde estaba? ¿Por que o deixaran alí? Non entendía nada. Lembraba aínda a man de Rafa, o pícaro da familia, pousada suavemente no seu lombo, a noite anterior…¡Se soubera que nunca máis ninguén o ía aloumiñar! Sentou e agardou, tranquilo e obediente como sempre facía, pois estaba seguro de que aquel coche, que arrancara había escasos minutos deixándoo nunha estrada solitaria, volvería recollelo.

Caeu a noite e comezou a chover con forza pero Lupo non se moveu do lugar que acababa de escoller para permanecer á espera. Non quería fallarlle ós seus donos, tiña que quedarse alí para que o atoparan cando volvesen. El só sabía serlles fiel. ¿De que outro modo podía comportarse un animal que estaba disposto a facer calquera cousa polo seu amo a cambio dun simple afago? Pasaron os días. As faíscas que se sucedían nunha nevada que non perdoaba e o crecente baleiro no bandullo minaron as forzas do can que xacía, canso e melancólico, sobre a grava da cuneta. Pero Lupo non deixou o seu posto. Naquela triste historia, era o único que non estaba disposto a abandonar. Morreu, esfameado e conxelado, na tumba de asfalto e indiferenza que os seus donos, aqueles ós que sempre lles entregara o único que podía ofrecerlles, todo o seu amor, escolleran para el.

Agora tan só é un caso máis que engrosa unha truculenta cifra de xornal. 110.000 vidas caninas postas en perigo cada ano que ignoramos, tan doadamente como fixeron os donos, pasando a páxina. Tal vez a sorte de Lupo, e doutros tantos cans que padecen a mesma desgraza, fora moi distinta se tivese o branco e suave pelaxe do Samoiedo, tan popular entre a nobreza inglesa, a exótica semellanza co lobo, desprendida duns inquisitivos ollos azuis, do Alaskan Malamute, a pándega expresión do Bulldog francés ou calquera outra anhelada característica que a xente busca nos cans que se poñen de moda. Pero Lupo non era un pura raza; non era froito dun cruce canino estudado e premeditado coma se dun medicamento se tratase, non existía ningún documento que indicase a súa árbore xenealóxica e non tiña un tamaño adecuado para que as rapazas o levaran asomando do bolso coma se fose un complemento máis da súa combinada vestimenta. Lupo, coma moitos cans que nacen ou rematan nas rúas, non tiña microchip, nin colar, nin pedigree. Era un sen papeis: un ninguén. Sabía dar amor, respectar ó seu dono e zorregarlle co rabo nas pernas, tremendo de ledicia, cada vez que entraba pola porta. Pero non era suficiente. Seguía a ser un can calquera. De non ser así, tal vez estaría ataviado cun ridículo xersei de lá, competindo por ser o máis fermoso nunha exposición canina, despois de que lle cortaran o rabo e as orellas, ou, incluso, protagonizando un filme de Disney coma o cadeliño de Paris Hilton, convertido en estrela cinematográfica trala súa aparición en Beverly Hills Chihuahua. Aínda que nunca se sabe porque, chegada a época estival, os donos sen compaixón desfanse das mascotas coma do lixo.

Está claro que se cumpre o vello aforismo de que o can é o mellor amigo do home. Mágoa que o home non sexa sempre o mellor amigo do can.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES