Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diario dun voluntario (I)

jueves, 28 de mayo de 2009
Diario dun voluntario (I) Todo comezou un día de Xullo do 2007. Estaba vendo o telexornal da Primeira e vin a noticia que en Zaragoza se presentaban os uniformes dos voluntarios da Expo 2008. Pasóume pola cabeza que logo da experiencia do voluntariado que levei a cabo na miña cidade, con motivo da celebración do 50 aniversario da Tall Ship Race (antiga Cutty Sark), podíame presentar aquí tamén e decidín inscribirme ao día seguinte.

O venres, dende a biblioteca do Hospital, inscribinme e ao luns seguinte, recibín a confirmación dende o rexistro de voluntarios. Accedín á páxina e vin o temario de formación dos voluntarios e as preguntas sobre iso. Como eran bastantes follas, decidín ir ese sábado toda a mañá á biblioteca do Hospital e imprimir o temario. Cincocentos folios... Pensei ¡que barbaridade!

Todo o mes seguinte estíven lendo o manual, teño que recoñecer, que algunhas das presentacións, eran un pouco aburridas. Tiña présa en lelo xa que o día 23 de agosto acabábase o prazo para facer o exame online.

Contestei ás preguntas do exame e escribín unha pequena redacción, sobre porqué me gustaría participar como voluntario en dito evento. Unha vez confirmado que aprobara o exame enviáronme a documentación que debía presentar: datos persoais, dispoñibilidade horaria e o máis importante, o compromiso de adhesión. Remitinlla vía online e a través da Delegación de Goberno en Galicia, para así ter constancia de que non podía ser rexeitado.

Pero por fin o día 29 de agosto, recibín un correo electrónico confirmándome que fora inscrito como voluntario de Expo Zaragoza 2008. Aínda sendo incrédulo, pensei que ata que non me enviasen a confirmación, co meu horario, non o crería.

Pasaron os meses, e un pouco desesperado, tal como son eu, chamei varias veces a voluntariado da Expo, para preguntar sobre a evolución da participación no evento e sobre todo para adquirir os billetes de tren máis baratos.
O día 8 de Xuño do 2008, faltaban 6 días para o comezo oficial da Exposición Internacional, recibín un correo electrónico, informándome da miña axenda como voluntario. Todo contento, abrín o arquivo adxunto, e vin que a axenda que me puxeron non correspondía cos días que pedira. Chamei a Expo Zaragoza e pasáronme cunha coordinadora, expliqueille que os días que me asignaron non eran os correctos e asignóume do domingo día 7 ao domingo 14 de setembro. Acto seguido comprei os billetes de tren, (verdadeiramente un coñazo viaxar no tren “Estrela Galicia”, quedábanme doce horas de viaxe de ida e outras doce de volta), que, grazas a Vicen, informoume que comprándoos por Internet, a través da páxina web de RENFE, sería máis económico e así o fixen, obtendo un desconto considerable.

Unha vez comprados os billetes soamente faltaba que chegase o día e, como sempre, todo gran día chegou.
O sábado día 6 de setembro ás seis da tarde chegou o momento. Na estación de San Cristóbal estaban para despedirme os meus pais e Vicen ¡Que ilusión que estivesen alí! O tren comezou o seu lento camiñar, nunca mellor dito, cara ao meu destino, Zaragoza.
No meu compartimiento atopeime cunha moza que fixera un curso de inglés nun colexio de Coruña, era rioxana. Estívome comentando que o pasou moi ben en Coruña, e que coñecera a moita xente interesante na súa estancia.

Pasadas case tres horas dende nosa saía de Coruña, chegamos a Sarria, onde se encheu o compartimiento de 8 prazas, foi atafegante, estar case dez horas encerrado alí con 7 persoas máis. Eran peregrinos que fixeran o camiño de Santiago e que volvían para a súa terra, Monzón. Unha xente moi entrañable e moi agradable no seu trato.

Estiveron contándome que era a súa primeira vez, pero non a última que visitarían Galicia, xa que lles encantaran as súas xentes, as súas paisaxes, e sobre todo a súa gastronomía. Á súa vez, comenteilles, que me ía a Zaragoza de voluntario, que xa estivera naquela cidade un par de veces e que por parte do meu pai, os meus antepasados remotos, marcharan da provincia de Huesca, para asentarse na Costa da Morte. O marido dunha das señoras que viaxaban no compartimiento, sufría de claustrofobia e o pobre señor estivo toda a viaxe indo e vindo, baixar uns segundos nas paradas, sobre todo, o señor podería respirar máis en Monforte de Lemos, León... xa que esas paradas eran mais longas.

Chegou a hora da cea, eu tiña preparados uns bocadillos de xamón granadino, ben curado, exquisitos, que comín con grande voracidade, xa que dende a comida non probara bocado. Cada un dos restantes viaxeiros, comeu o que boamente puido, salvo a rioxana que só bebía de cando en vez uns pequenos sorbos de auga.

Despois, un intre charlando e logo a dar unhas cabezadiñas, se é que se pode nese tren, que xa non existe.

Xa preto de Logroño, despedímonos da moza, contenta por regresar á súa casa. Sobre as cinco ou cinco e media, non recordo ben, subiu ao tren un matrimonio cun fillo, pensei para min, pillar un tren a tal hora da madrugada, debían terse levantado sobre as catro, para ducharse, almorzar algo...
Xa se achegaba a hora crítica e ás seis e cinco da madrugada, xa chegara a Zaragoza. Esperábanme preto de dúas horas ata dirixirme ao centro de voluntarios, para recoller a miña credencial e que me desen aloxamento.

Aseeime algo nun dos lavabos de Zaragoza Delicias e senteime na sala de espera, paseei algo, vin que había uns Legos montados representando unha montaña, unha praia, unha casa... parecéronme curiosos e á vez instructivos xa que explicaban as
fontes renovables existentes.

Estaba amencendo e presentíase que o día sería soleado. Veu á miña mente o que poderían estar facendo os habitantes daquela cidade naqueles momentos, as preocupacións e as alegrías, recórdoo ben porque me sentín lonxe de casa.

Pasou o tempo e saín da estación intermodal para coller un taxi. O taxista moi amable comentou que só os vehículos autorizados poden acceder ao recinto da Expo. Explicoume que todos os días, ás once da mañá, realizábase un corte de tráfico xa que se izaban as bandeiras dos países que ese día tiñan asignado o seu “día nacional” dentro do recinto. Unha vez chegado ao sitio, o taxista, sacou do maleteiro o meu bolso e a miña mochila, que viñan cargados, con agasallos para Sergio e os seus pais.

Por fin puiden localizar a oficina do voluntariado, vin as portas de acceso á Expo, e para min díxenme: "¡onde me metín! ¡Joe! que grande é isto, fixo que me perdo”.

Cheguei ó mostrador de información de voluntarios e informáronme de que tiña que recoller a credencial nunhas casetas situadas no exterior.

Saín e a 20 metros xa estaba ante a oficina de recollida de credenciais, era o primeiro xa que eran as oito e cuarto da mañá e aínda non chegaran todos os traballadores. Enchín unha ficha e fixéronme unha foto para a miña credencial que me deron ó momento. Acto seguido pregunteilles se alí me daban a roupa de voluntario e informáronme de que tiña que ir á oficina central do voluntario, que estaba enfronte; outra vez cargar con mochila e bolso, sen durmir, sen ducharme, sen almorzar, cansado... grazas que aínda tiña un bocadillo de reserva e unha lata de refresco.

O garda de seguridade abriume a porta e indicoume o mostrador ao que tiña que dirixirme. Había unha persoa que estaba sendo atendida e logo era a miña quenda. Deixei as miñas pertenzas nun recuncho, e funme ao mostrador, senteime e déronme para cubrir unha ficha cos meus datos, confirmóume o horario e déume a roupa, vales do almorzo, da comida e da cea, asignóume unha cama no pavillón do Colexio A Compañía de María preto da Porta do Carmen, no centro de Zaragoza, e regalóume un cartón de bus para desprazarme pola cidade.

Unha vez feito isto, fun almorzar á cafetería Século XXI e chamei á miña casa e a Vicen para dicirlles que estaba perfectamente e que ía almorzar. Ó volver á oficina central vin unha moza cubrindo os datos, cunha chea de bandeiras adhesivas pegadas á súa mochila e a que me chamou máis a atención era a de Islandia. Escoitei que tamén era voluntaria para telecabina e respirei ¡por fin xa coñecía a alguén que ía no meu grupo!.

Sobre as dez da mañá, uns voluntarios leváronme nun microbus, e fóronme ensinando a cidade e os monumentos máis emblemáticos. Ó chegar, dixéronme que se quería volver ó recinto, que sobre a unha da tarde xa me pasarían outra vez a recoller. Unha vez alí o conserxe acompañoume onde estaban as habitacións e atopeime unha cancha de baloncesto completamente chea de camas, habendo tres separacións mediante lonas. Coloqueime na central, desfixen o bolso e ducheime.

Despois estiven descansando algo na cama e baixei sobre as doce e media. A señora que me acompañou no microbús ofreceume unha mazá que aceptei gustosamente. Estivemos charlando ata que un dos voluntarios nos veu recoller.

Cando cheguei preguntei a uns voluntarios onde se atopaba o restaurante. Indicáronme que tiña que baixar unhas escaleiras, pero non as atopei, saín outra vez e volvín preguntar, indicáronme por outro sitio que tiña que ir, pero non o localicei; ao final non puiden comer algo máis que un bocadillo e beber a lata de refresco. Chegou a hora, comezaba o meu traballo como voluntario no pavillón de Aragón.

O meu traballo consistía en informar á xente sobre os eventos culturais que se levaban a cabo en dito pavillón. Facía un calor espantoso, pero grazas ós botellíns de auga que outros compañeiros nos traían de cando en vez, púidose soportar.

Sobre as cinco da tarde, houbo unha actuación dun grupo folklórico e despois unha degustación de produtos gastronómicos aragoneses. ¡Que vergoña! a xente apiñábase para iso ¡claro! como era gratis.

Naquel instante veu visitarnos Mari Paz, unha voluntaria moi simpática, que me propuxo ser o meu guía, durante os meus vinte minutos de descanso. Case me dá un infarto, ensinoume a maior parte da Expo, e regaloume un libro do bicentenario dos Sitios de Zaragoza e o máis importante as diferentes entradas e saídas da cantina.

Regresamos ao noso posto e estivemos alí ata as oito da tarde, cando o noso coordinador, vendo que os eventos daquel día finalizaran, nos permitiu marchar.

Mari Paz díxome que se quería dar outra volta, ela me ensinaría todo o recinto, aceptei gustoso. Ensínome a localización dos diferentes pavillóns e o lugar onde ó día seguinte tería o meu posto ata o final da Expo. Como conxeniamos ben, démonos os números dos móbiles para quedar outro día e por se necesitaba calquera cousa durante a miña estancia na cidade.

Ó regresar, estábannos esperando para facer unhas fotos co grupo. Unha vez feitas, despedinme dos meus compañeiros. Saín do recinto e fun á consigna de voluntarios para que me desen a mochila, para poder cambiar a roupa. Chamei ós meus amigos Antonia e Vicen para comentarlles como fora o meu primeiro día e unha vez aseado volvín entrar na Expo e dirixinme á cantina para cear.

Xa cansado de todo o día, dirixinme á parada do bus, onde tiña que subir ó número oito para regresar ó “albergue”. Sobre as once e media da noite cheguei, ducheime e para cama que ó día seguinte, ás sete da mañá me tiña que levantar e ir almorzar xa que se nos convocou a todos os voluntarios ás oito da mañá.

O espertador do móbil, sonou á súa hora. Levanteime sen facer ruído, xa que os meus compañeiros de “habitación” estaban durmindo. Unha vez aseado e vestido co uniforme, saín do pavillón e fun á parada do bus. Tiven que esperar uns minutos, pero puiden ver outra vez a Porta do Carmen, unha das portas de acceso á cidade e onde hai 200 anos loitaran os defensores de Zaragoza contra as tropas napoleónicas. Unha vez dentro do bus, este foi pasando por lugares que xa visitara na miña última estancia. O máis fermoso era para min pasar á beira da Basílica do Pilar, e ver aquelas magníficas cúpulas, cruzar o río Ebro e volverme á memoria a famosa xota “o Ebro garda silencio”.

O bus seguiu o seu percorrido ata chegar á última parada, alí baixei e continuei a pé o tramo que separaba a parada da oficina de voluntarios e, xa que tiña uns minutos, chamei á miña amiga Antonia, que me viría visitar ese fin de semana.

Un vez que cheguei á oficina, preguntei a que hora era a reunión e comentáronme que sobre as oito e vinte. Funme correndo a almorzar á cafetería Século XXI que estaba moi preto, pedín un café só e un croissant. Engulín o almorzo e volvín a fume de carozo para non chegar tarde. Unha vez de volta, convocóusenos na sala de reunións. A coordinadora, María Rubio, presentouse e indicounos os postos que ocupariamos. A min tocoume con Rosa Chesa, a moza que coñecera o primeiro día no centro de voluntariado, e con dous mozos máis, Mario e Xosé Anxo. Eramos os mozos de “dársenas” Eles xa tiñan estado como voluntarios noutras datas, no mesmo posto, e xa coñecían o traballo. Indicáronnos as funcións e o que tiñamos que facer. Aínda que pareza mentira, tiñamos que parar ó tráfico para permitir o paso dos visitantes da Expo cara á porta da Torre da Auga ou, no caso contrario, impedir o cruzamento de peóns pola saída dos autobuses das diferentes excursións ou as lanzadeiras, un tipo de buses especiais para ir a unha das tres portas de acceso á Expo.

Empezamos ás nove menos cuarto, cando o tráfico de buses comezaba a ser máis importante. Pediámoslle á xente que parase e que esperase a que pasasen os autobuses. Foi un día produtivo, axudamos a baixar algunhas cadeiras de bebés, a algunhas persoas con mobilidade reducida indicámoslles onde podían solicitar unha cadeira de rodas...
Sobre as dez e media chamáronme os meus pais para saber que tal me ía. Xa lle comentei o que estaba facendo, non mo crían.

O luns 8 de setembro, naquela chaira, a pleno sol era para morrer, e sobre todo con algunhas persoas ás que indicabamos que non cruzasen pero nin caso, “váiseme o grupo”, “é que non me podo parar” e outras contestacións que nos sorprendían a todos. Grazas que, sobre as doce, o meu compañeiro Mario e eu fomos comer o bocadillo e descansar algo, logo daquela “dura xornada”.

Ó noso regreso a cousa xa acougou un pouco, a afluencia de xente case era nula e as plataformas dos autobuses estaban baleiros, co cal María nos deu permiso para que marcharamos á unha e cuarto. Logo de despedirme dos compañeiros, marchei para cambiar de roupa e asearme. A cor dos zapatos, que era azul mariño, agora era branco, debido á cantidade de po que había na chaira. Limpeinos cun papel humedecido e para dentro dunha bolsa e para a mochila, a cal volvía deixar en consigna para non ir cargando con ela.

Como non tiña moita fame, volvín dar unha pequena volta pola Expo, sobre todo nos pavillóns que non había moita cola, Bélxica, onde me regalaron unhas galletas, Dinamarca, que me esperaba algo mellor, e o noso país irmán Portugal, con referencias aos ríos que temos en común, Miño, Douro, Tajo e Guadiana, á súa xestión de recursos hídricos e como non aos seus afamados viños do Porto e de Madeira.

Sobre as dúas e media, o estómago, xa me estaba ruxindo e, para acougalo, fun á cantina. Despois de comer, volvín dar unha volta polos diferentes pavillóns, Asturias, con exemplos dos seus bosques, Canarias, coa súa fauna e flora e as desalinizadoras, Cataluña, cunha impresionante colección de botellas de auga, Castela e León, onde seu pavillón estaba composto por grande cantidade de botellas de viño, a Árbore dos compromisos, o lugar onde anteriormente me tocou como voluntario. Sobre as cinco da tarde, soou o meu móbil, era Mari Paz, que me invitaba ao espectáculo do “home vertente” ás once e cuarto da noite e que sobre as dez da noite estivese na porta do pavillón de Aragón. Seguín paseando e visitando pavillóns, Suecia, desistín de Polonia pola longa cola e Libia. Nixeria e India eran un mercadillo ambulante, que vergoña, Onde estaba a referencia sobre a auga? Como tiña fame saín do recinto e fun buscar o bocadillo, unha peza de froita e un botellín de auga ao centro de voluntarios. Descansei un pouco e volvín para a Expo, a seguir visitándoa, fun visitar o Iceberg, Augas Extremas, o Faro... ¡e coa calor que estaba caendo!

Estaba cansadísimo, e sobre todo encabuxado, porque tiña que esperar a que o pavillón do colexio da Compañía de María, abrise as súas portas ás once e media da noite, pero mentres fun á cantina a cear, descansei algo e chamei a Vicen e á miña familia.

Como xa eran preto das nove e media da noite, marchei da cantina e fun andando amodo ata a porta do pavillón de Aragón; nisto soou o teléfono, era Martín, que me comentou que tal pola Expo?, que tal os compañeiros? Tamén me dixo que non sabía se podería vir. Animeino e comenteille que me deron dúas entradas e que eran para él.

Sobre as dez e vinte chegou Mari Paz, presentoume ó seu marido e aínda houbo tempo de visitar o pavillón de Marrocos. Unha vez acabado de visitar este pavillón fomos a ver un concerto de música clásica a un dos balcóns. Logo como xa eran preto das once da noite dirixímonos a ver o espectáculo e mentres iamos andando o marido comentoume que estiveran por Galicia hai un par de anos e que lles gustaría volver. Á súa vez comenteille a posibilidade de ser voluntarios na Tall Ships Atlantic Challenge de Vigo de 2009.

Chegamos e Mari Paz falara coa coordinadora para poder entrar “free” xa que non tiñamos entradas. Foi algo sorprendente, sobre todo a primeira parte. A segunda foi algo aburrida e para min sen sentido, pero en xeral estivo moi ben.

Sobre as doce menos cuarto saímos e acompañáronme ata o pavillón de España, alí despedímonos ata outro día.

Cando xa ía para a parada do bus vin unha enorme cola de xente esperando os Expo buses. Perdín un, pero xa era un dos primeiros para o seguinte autobús. Ese día cheguei ao “albergue” sobre as doce e media pasadas. Co canso que estaba só me apetecía tirarme en cama, pero antes ducheime para quedar máis relaxado.
Trillo, José Antonio
Trillo, José Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES