Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre heroes e tumbas

lunes, 25 de mayo de 2009
Visitar a tumba dunha persoa descoñecida ten algo de singular. É coma internarse na vida (porque a morte ao fin e ao cabo forma parte indisociable dela) dalguén do que non sabemos nada, con quen non chegamos a ter contacto xamáis e, en moitos casos, nin siquera coñecemos o aspecto que tiña, cales foron as súas preferencias e as súas fobias, as súas ambicións... Pero tamén é un xeito respetuoso de achegarse a eles, aos desaparecidos, para lembrarlles que aínda, dalgún estraño xeito, están a salvo do esquecemento, e que, dende o privilexio que disfrutamos de estar vivos, somos conscientes de que tamén nós pasaremos, máis cedo ou máis tarde, a formar parte do seu mundo, dese vacío insondable e eterno. Os mortos enterrarán aos mortos, di o texto sagrado.

Cando o finado ao que visitamos é un poeta, nun sentido amplo (dichter, que dirían os alemáns), como o recentemente desaparecido Benedetti, hai algo nas sensacións que nese intre percibimos que se troca diferente. Imos camiñando cedo, entre os efluvios da mañán, tal vez na compaña da néboa ou dunha lixeira xeada, a un deserto cemiterio dunha cidade descoñecida, case sempre lonxana. Dar coa sepultura non resulta sempre tarefa doada, nin siquera naqueles casos nos que o poeta era alguén tan célebre coma para que a súa morada eterna fique anunciada na entrada ou en calquera outro lugar do camposanto. Especialmente curioso neste senso resulta o caso de Baudelaire, enterrado en París no cemiterio de Montparnasse (coma Vallejo, Sastre, Cortázar…). O seu nome apenas chama a atención baixo o das outras dúas persoas que o acompañan na morada eterna, a súa nai e o seu padrastro, a quen odiaba. Na lápida non se lle lembra coma un dos poetas en lengua francesa máis grandes do século, senón que, baixo o epitafio de Jacques Aupick, xeneral, embaixador e moitas máis cousas, lemos o seu nome fica esculpido para a eternidade cun breve “Charles Baudelaire, o seu único fillo, morto en París na idade de 46 anos, o 31 de agosto de 1867”.

Unha vez chegados frente á lápida do poeta en cuestión podémoslle render un pequeno homenaxe. Non hai un protocolo preciso. Pode, por exemplo, lerse algún dos textos que nos deixou ou, simplemente, lembralos, nesa intimidade á que convida o silencio, coma se dunha oración profana se tratase. Non é difícil ás veces atopar sobre as lápidas papeis enrugados deixados a xeito de exvoto por anteriores visitantes. Tampouco, xa de volta á realidade, cruzarse con outras persoas que se teñen afastado, coma nós mesmos, das rutas do turismo oficial e intercambiar con eles unha mirada de complicidade.

Permítanme tomar prestado o título da grande (por contido e por extensión) novela de Ernesto Sábato para encabezar este artigo, pero precisamente diso trata o libro que ten atrapada a miña atención dende hai varias semanas, de heroes e de tumbas. Non se trata de heroes nun sentido convencional. Non estamos a falar deses personaxes, mistura de deuses e homes, protagonistas de vellas historias épicas (ou si?). En calquera caso son, ou foron, homes e mulleres reais, que existiron noutras épocas, non sempre lonxanas, pero dos que a súa presencia, malia xa non estar entre nós, continúa a encher un oco das nosas mentes e das nosas vidas gracias aos seus escritos. Ou, coma di o autor de Tumbas de poetas y pensadores (Siruela, 2007), Cees Nooteboom (Le Havre, 1933): “Visitamos uns mortos aos que coñecemos mellor que á maioría dos vivos”, pois a lectura permítenos vivir en conversa con eles que diría Quevedo.

Este libro deixa constancia das visitas, ao longo e ancho do globo de terra e auga, que o poeta holandés fixo ás tumbas de insignes creadores coma Drummond de Andrade, Leopardi, Dante, Keats, Montale, Machado, Spinoza, Flaubert, Joyce, Eliot, Stevenson, Goethe, Baudelaire, Hölderlin, Kafka, Melville, Neruda, Proust, Vallejo ou Brecht. As cento trinta e cinco fotografías en riguroso branco e negro da súa dona, Simone Sassen, van acompañadas case sempre de textos do propio Nooteboom, doutros autores ou, mesmamente, dos finados. A temática é sempre común: a morte. Acaso nada estraño, pois o feito de nacer, coma o de morir, circundan a vida e, no fondo, preguntámonos: existe algún outro tema literario, agás a propia creación, que, por situarse entre ambos (vida e morte), non se relacione con eles?

A grande sensibilidade amosada polos autores non sorprende nalguén que desperta unha admiración tan diversa pola súa variada obra e pola labor de traductor de poetas de lingua castelá, catalana, francesa ou alemana. A cabalo entre Holanda, España e Alemaña, a súa vinculación connosco ven de lonxe. Xa en 1961 Francisco Carrasquer traduciu poemas seus en Poesía de España, aquela mítica publicación editada en Madrid por Gabino-Alejandro Carriedo e Ángel Crespo e na que tamén podían lerse poemas de Ángel González, Goytisolo, Gil de Biedma ou o noso Celso Emilio. Entre os seus libros de viaxes merece destacarse un recente que culmina, precisamente, na nosa terra O desvío a Santiago (2007).
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES