Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ramón Piñeiro en Chantada

jueves, 14 de mayo de 2009
2 de marzo de 1977

O Día das Letras Galegas deste ano de 2009 está dedicado a don Ramón Piñeiro López, lugués da Láncara, un home que desempeñou un papel importante na construcción da Galicia actual. Estudosos autorizados analizarán as máis diversas facetas da súa vida e da súa obra.
Dende estas liñas quixera recordar a presenza de don Ramón Piñeiro en Chantada o día 2 de marzo de 1977 e na que tiven certa participación. Daquela estabamos a vivir un momento novo, e mesmo incerto, despois da morte do dictador, Franco. Había que facer a transición á democracia dun país que ou nunca coñecera un sistema democrático ou esquecera totalmente este modelo. Algo esencial para o funcionamento democrático como son os Partidos Políticos viviran perseguidos na clandestinidade e agora afloraban con moito entusiasmo, pero con escasa militancia e cunha organización elemental, entre eles cabe destacar a UPG, o PSG, o PCE . Xurdiron agrupacións políticas que tentaban ofrecer acougo a novas sensibilidades, para don Ramón, o valor dun Partido dependería da súa identificación cos valores de Galicia, dicía que as diverxencias políticas debían superarse poñendo como punto de partida a reivindicación de Galicia como pobo. Unha teima de Piñeiro era a galeguización da vida política, se os Partido teñen conciencia da súa galeguidade e engloban os problemas de Galicia, cada un con enfoque e ideoloxía distinta, xa será o electorado quen lles dará forza e continuidade.
Na sociedade da época había interese e inquedanza por aquel mundo que estreábamos con tanta ilusión como preocupación e falta de cultura política. Para bastante xente romper co franquismo ou coa dereita tradicional significaba case pouco menos que ser comunista.
Neste contexto e sen intencións partidistas definidas e uniformes, dende o Círculo Recreativo e Cultural da vila, intentamos responder a esta situación mediante a organización dunha Semana Cultural Galega coa fundamental colaboración da Editorial Galaxia que puxo á nosa disposición gran parte das súas publicacións e conferenciantes de prestixio como Ramón Villares, Francisco Carballo, Carlos Casares, Fernández del Riego... que disertaron sobre historia e literatura galega .
Recordo moi gratamente o descubrimento que para min supuxo don Ramón Piñeiro, tiven a honra de presentar ante un nutrido grupo de amigos chantadinos a aquel home que me pareceu un santo laico, marcado por unha vida tronzada pola Guerra Civil, que detrás daquelas grosas gafas amosaba unha mirada unha miga triste ao tempo que escondía un corazón moi grande que amaba a Galicia intensamente.
Falou don Ramón da Cultura de Galicia, dixo que circunstancias históricas illaran a Galicia, os galegos e galegas tiveron que pecharse en si mesmos, a súa lingua e a súa cultura foron consideradas como incultura, non tivo voz propia, ata o punto que nas Cortes era Zamora quen falaba por Galicia, foi un pobo mudo, silenciado, privado da dignidade que como pobo lle correspondía, urxe, pois, recuperar esa autoestima e dignidade.
No coloquio tocáronse temas como o da lingua, alma e esencia de Galicia para don Ramón Piñeiro, do que non pode desentenderse ningunha institución e se o fai non é realmente galega, vive outra realidade, alienada, por iso ante o caso concreto da Igrexa, concluía que non fora realmente galega, “foi toledana” dixo, vinculada ao Estado. Daquela, confiaba na renovación que agromaba do Concilio Vaticano e apuntaba o nacemento da revista de pensamento cristián, Encrucillada, e pastorais de bispos como don Miguel Araúxo, de monseñor Cerviño e de grupos de cregos e cristiáns comprometidos co evanxeo e coa súa Terra. Por iso concluía, don Ramón, afirmando “Vexo a situación con esperanza”.
Con admiración e mesmo devoción recordo a don Ramón e con gratitude as terras e as xentes de Chantada.
Vigo, 9 de maio de 2009
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES