Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Literatura e vida

jueves, 30 de abril de 2009
Penso na literatura e máis na vida, nas sutís relacións que se establecen entre ambas. No epílogo a A cabeza do cordeiro (1955), esa colección de relatos que teñen como transfondo a contenda civil, Francisco Ayala narra algunhas historias, non inventadas pero tan incribles, que non foi capaz de incluílas, fabuladas, no seu libro porque “como escribilo”, interrógase, “como adobar nunha ficción feitos cuxa simple crueza resulta moito máis significativa que calquera aderezo literario?”. A literatura e a vida ás veces, se cadra, entrecrúzanse, e, en ocasións, a primeira, na súa natureza poliédrica, excede á segunda.

Un amigo, amante de poetas ignotos, en recente visita a Toulouse escríbeme abatido unhas liñas desde a fermosa cidade do Midi francés. Segundo relata, buscando nun plano outra cousa, atopouse cunha rúa adicada a Bertrand de Born, aquel vate medieval que cantaba á guerra, e decidiu achegarse a visitala. Malia de que dita rúa non estaba situada nunha zona do arrabalde, a súa sorpresa non puido ser maior, non só pola sordidez e abandono que percibiu en fachadas ou beirarrúas, senón porque se achaba completamente tomada por locais e persoas cuxo principal negocio se baseaba, digámolo así, no amor mercenario. A pesares da desolación experimentada por este amigo, non podo negar que a misteriosa conxunción antitética de conceptos (amor e guerra) que a súa información entrañaba produciume unha íntima e inexplicable satisfacción.

Bertrand de Born (1140-1215), vizconde de Hautefort, foi un poeta e soldado occitano dos máis coñecidos no seu tempo e aínda despois. Empuñar a pluma e a espada non supón unha habilidade especial nel tratándose dun nobre do medievo. A súa singularidade radica no feito de axuntar, como poucos, ambas actividades encamiñándoas cara a unha única e pleonástica finalidade. Da súa vida destácanse os seus enfrontamentos co seu irmán Constantino e as súas intrigas, que animaron algunhas das loitas intestinas da Europa medieval, entre elas as protagonizadas por Henrique, Conde de Anjou, contra o seu pai Henrique II de Inglaterra e o seu propio irmán Ricardo Corazón de León. Na súa obra non é difícil ver como, na maior parte das preto de corenta composicións conservadas, cantaba á guerra en afiados serventesios coa tenacidade fatal do que invoca á máis apaixoada das amantes. Por iso, o feito de que a rúa adicada ao poeta bélico por excelencia se atope tomada por aqueles que consagran os seus afáns vitais ao amor, aínda que sexa na máis infame das súas formas, non deixa de entrañar un insondable e atractivo misterio baseado, como non podería ser doutro xeito, neso que tradicionalmente se acostuma chamar xustiza poética. A tentar aclarar este arcano adico as liñas que seguen.

Imaxinar unha turba de maleantes, alcaiotes e rameiras que fosen amantes da poesía non é de todo imposible, aínda que non sinxelo (talvez si o fenómeno contrario). Pensar que turba tal decidise tomar esa rúa unha vez que foi nomeada, alugando locais ou vivendas, deslucindo as fachadas, trasladando a ela certa sordidez innata aos seus negocios co fin de redimir ao venerado poeta, tampouco. Podería quizais ser máis doado imaxinar a un alcalde ou concelleiro tolosano que, cal Dante Alighieri, decide darlle un escarmento á infausta memoria do vate condenándoo a unha sorte de inferno alegórico na Terra ao adicarlle, precisamente, a rúa consagrada ao contrario do que el cantou: ao amor, aínda que sexa nesa vertente de encontro clandestino (e pecuniario). Non en balde o florentino, na súa Divina Comedia (canto XXVIII, adicado ao Inferno) amósanos a un Bertrand de Born condenado e decapitado no noveno foso da oitava circunferencia do averno, xunto aos que sementaron a carraxe, a envexa, o odio... Deste xeito, este alcalde ou concelleiro do Languedoc (tamén el poeta na intimidade) estaría a darlle a razón a Calvino cando aventurou aquilo de que “o inferno dos vivos non é algo por vir; hai un, o que xa está aquí, o inferno que habitamos todos os días, que formamos estando xuntos”.

En calquera caso, ambalas dúas conxecturas tenden ao absurdo, pero del nútrese de xeito abundante a literatura, e tamén a vida. Ambas, literatura e vida, son necesarias; non sei se excluíntes. Nalgún tempo quizais o foron e esa terrible disxuntiva, non sempre premeditada, deixou a súa pegada indeleble na biografía dalgúns dos máis grandes creadores, aínda que non precisamente na do poeta occitano que soubo aunalas como poucos. Tamén, aínda que sospeito que ao seu pesar, aúnanse no caso de Roberto Saviano, autor desa dura novela que é Gomorra e condenado pola mafia napolitana. Leo na prensa unhas recentes declaracións nas que se doe do punto vital ao que o levou a súa obra dicindo que non hai nada que poda compensar a perda da liberdade. As pegadas da súa reclusión involuntaria deixan traslucir nas súas verbas unha certa e máis que comprensible amargura. No seu caso, como no de Salman Rushdie e algúns outros, a conxunción de literatura e vida ten asumido connotacións demasiado tráxicas e crueis. Pero a literatura, como todo arte, non é (non debería ser) á fin e ao cabo, máis que un mero entretemento (sublime, iso si) que pode proporcionarnos asemade un incognoscible goce estético. Tamén ás veces un tenaz coñecemento do mundo e dos outros e, cando iso ocorre, cando nos axuda a rozar a áspera follaxe que conforma a realidade, entón transmútase nalgo marabilloso e, sempre, imprescindible.

Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES