Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Profundadas (II)

lunes, 27 de abril de 2009
Con permiso.
Non vou a empeñarme moito nisto porque non podo, pero teño que botalo fora. E botalo precisamente así e agora, coa álxebra inadvertida dunha “lingua que pensa por nós” (Umbral). Porque aquí xa non se cabe.
Coma calquera outro cálculo, pode que este estea mal pero paga a pena.

(O pensamento das cousas)
É evidente que:
-Algunhas veces os proxectos da natureza e do home son indiscernibles.
-Os seus “como” son os nosos “para” -selección e “finalismo” converxen nunha solución única-.
-O “como” selecciona e o “para” pensa. Frecuentemente pois, a natureza “pensa” e o pensamento “actúa”.
-Son cousas algo intercambiables e, xa que non podemos actuar sempre, “pensaremos” primeiro.

Entre outros, o “pensamento natural” podería proceder así dunha diáfana urdime, duns poucos e sinxelos mandatos que seleccionasen limitadamente series practicamente ilimitadas de aleatoriedades biolóxicas, entre outras -poño por caso, o coñecido exemplo biolóxico de que a simple altura do ramón nas acacias sabaneras poda ser causa dunha ilimitada selección de xirafas polos seus colos, o que xa non é só un feito senón unha reflexión (tanto o “cómo ramonear” coma o “para ramonear” teñen a solución única de estirar o colo)-. Cando alternativas e mandatos deste tipo acontecen dalgún xeito nas poboacions e sucédense nas proles, temos xa propiamente un “pensamento evolutivo”, unha evolución lóxica, un “pensamento” en suma. Probablemente, no campo da bioloxía, o traballo de Darwin foi tan de descomunal non pola comprobación da evolución –cousa relativamente doada- senón pola lectura deste “pensamento”. *
Un exemplo transcendental deste tipo de “pensamento” puidera ser aquel no que unha certa materia inerte, inda azarosa e chea de paciencia, fora seleccionada contra toda probabilidade para albergar enerxía solar e, xa dentro delo, para captala directamente do sol ou indirectamente dos seus remanentes terrestres. Sucede coma se a vida non tivera máis dialéctica básica que a de “ser ou non ser”; unha especie de simetría opcional, hereditaria, algo especular e ata calidoscópica -que é un conxunto de “simetrías de simetrías”, unha xenuína “reflexión” múltiple precisamente-. Soamente así sería explicable tanto orde.
Nesta mesma liña de regularidade sospeitamos pois que os primeiros estadios vexetais, recibindo directamente a enerxía solar, non tiñan que buscala pois ela estaba por todas partes. Así, a partir de aquí, o seu problema evolutivo era soamente o de enfrontar inmóbiles a opción selectiva de acumular auga e nutrientes. Pola contra, os primeiros estadios evolutivos animais, que tiñan que buscar a enerxía alí onde estivera, tiveron que enfrontar tamén selectivamente a partir de aquí só a opción da mobilidade e da conseguinte constancia térmica necesaria nistas circunstancias. Hai pois certa simetría no feito de que os vexetais teñan inmobilidade, hidratura constante e temperatura ambiente e de que os animais teñan en cambio mobilidade, temperatura constante -propia- e hidratura allea, “ambiente”; é dicir, en que os vexetais nin necesiten nin podan cambiar de sitio fronte a que os animais necesiten e podan facelo.
Coa mesma vocación “racional”, outras moitas dicotomías naturais seguen logo superpóndose a estas. Complicados gradientes dos dous tipos de vida, en principio ampla e respectivamente latitudinais ou difusos, faríanse logo gradualmente máis teselares, máis discretos, tanto pola acción conxunta dos distintos ecotemperamentos fronte ós distintos medios -tamén organizados- coma polo vínculo da interacción enerxética (trófica). Ata tal punto isto semella ser así que nós poderíamos xogar a proxectar por exemplo mapas teóricos de distribución vexetal para logo recoñecelos na natureza. Persoalmente tiven a satisfacción de atopar nos Andes unha tesela fitoclimática inventada en Madrid. A fitoclimatoloxía, por exemplo, foi capaz de conter un sistema periódico de vida **.
Pero podería suceder incluso que, aparte das súas converxencias, o noso pensamento funcionase tamén así; que nisto, polo menos, nós fóramos unha especie de maquetas do Universo; que -como tantas outras cousas- leváramos firmamentos e anxos incorporados. Citaremos só, para non aburrir, a Le Verrier, que tiña sempre a Plutón na punta da pluma; a Pitágoras, cuxo teorema facía tempo estaba no chan, a súa veira; e a Mendelejew, que inventaba “terras raras” i escondidas, para amolar. Quizais por isto os gregos non distingan ben entre “inventar” e “descubrir”.
O pensamento natural non erra; simplemente desaparece. O noso si. A construción real que aquel implica non podería sosterse sobre a nada (Gonsar dicíao mellor: “as cousas para existir deben ter algunha razón de ser”). O noso pensamento en cambio, non necesitando apoios reais, si podería en cambio errar e logo convivir cos nós largamente -coma aquí mesmo puidera suceder-.
Os mitos tópicos da “sabia natureza” e da nosa “humilde condición” resultan pois ser bastante certos, inda que algo inxustos. O coñecemento teórico non é sempre unha mera masturbación. Ata certo punto, a filosofía podería ser tamén crible.
¿É a diafanidade do pensamento natural a oportunidade dunha verdadeira intelixencia informática?
Parte do mundo está “conforme” con nós. Crendo facer metáforas, xa dicía Novoneyra: “Como canta a fontiña, / como canta a fontela / e inda que a canción é dela / leva unha cousa miña / pola que podo entendela.”

(Hiper-físicas para non durmir)
Pero hai máis problemas.

Saltando por riba da súa propia sombra, Darwin sospeitou xa a imposibilidade temporal da evolución ocular -ningunha obxeción máis suxestiva nin duda máis autorizada: Darwin levaba dentro a súa propia negación- Costa creer efectivamente que en moitos casos a selección puidera ter tempo para facer tanta cousa.

E logo está o da consciencia: ese fenómeno non rastreable na natureza polo que nos batemos incomprensiblemente con nós mesmos.

Por engadidura, moitas veces tamén, o deseño da natureza non parece “pensado”. A anomalía da auga, poño por caso, non presenta sempre “variacións evolutivas” razoables; máis ben parece un designio, unha asombrosa e providencial casualidade que non ven de ningures.
E cousas máis estrañas veredes. Estamos non se sabe onde, nun espazo absurdo e baixo estrelas que xa non hai (un Piñeiro neno, deitado na herba e mirando pro ceo, xa sentiu o vértigo dun absurdo infindo pero tamén do máis absurdo “finito”, e rapaz houbo tamén que sentiu o vértigo infinitesimal contrario, pois non hai forma humana de chegar a pe ata o número pi, por exemplo). Por engadidura, flanqueadas por unha nada que nin sequera é iso, materia i enerxía intercambiables emerxen obedecendo mandatos inda máis estraños. E, por se fora pouco, as veces inda teñen tempo para “pensarnos” a nós, á vida, esa cousa colonizadora e imparable que excede o planeta e que, sen saber moi ben cómo, rebenta xa cara as estrelas.
A realidade, toda a realidade, semella ser pois coma unha estraña bolboreta que aleteara desesperadamente sobre o cedazo do noso pensamento -un cedazo a través do cal, por certo, soamente poden filtrarse desfeitos-.

Todo isto está repleto pois do que poderíamos chamar a teimosa nostalxia da curiosidade. A “Metafísica”, de meta = despois, chámase así non por ser máis que a física senón porque Aristóteles escribiuna detrás. E analogamente, “Hiperbóreo” –poño por caso- de hiper = sobre, quere chamarse así tamén non por ser superior ó boreo = norte senón por estar encima. Máis alá pois da física, inda podemos pensar i entender as moitas iniciativas aristotélicas do inventar e descubrir –nada de particular, por abstruso que sexa-. Pero logo hai algo moito máis radical e alleo, un abismo patas arriba, unha especie de burbulla que nos flota perigosamente encima e que de vez en cando cae sober do noso coñecemento estragándoo. Este é o indefinible sobresalto. Pode que ó outro lado estea xa o horror.

Curioso que moitos aínda esteamos xogando ó mus nesta infinda praia de tempo. ¡Coma se tal cousa!

(eutrapelias variadas)
A partir de aquí xa non se entende nada. Pero, con todo, algo máis de ignorancia sí que podemos aprender:

Quizais o Universo sexa máis incomprensible pola súa natureza que pola súa magnitude.

Se se lle da para atrás a un DVD ou a un Video pódese aprender máis da frecha do tempo que leendo a Hawking. Pero aínda se aprende máis dándolle para atrás a unha cinta de música: A música, que é un regato de tempo, contén datos confidenciais sobre o particular; asíntotas que converxen dereitamente no principio e misteriosas claves causais.

A vida é o búmerang da desdita

A lei de Murphy non é máis que a segunda lei da termodinámica, pero sen gracia. O verdadeiro chiste é este: “O desorde (a entropía) aumenta co tempo”.

Se o pensamento natural gasta enerxía ¿qué fai o noso exactamente?

O azar non é tan azaroso nin o verdadeiro caos posible. A aleatoreidade non da para tanto.

As regularidades do azar parecen garantir unha certa ecuanimidade universal.

¿Qué significa a simetría -ese pertinaz aire de familia-? ¿qué críticas encrucilladas cubre?

Un par de ollos ven mellor que dous ollos e un par de ouvidos oen mellor que dous oídos

Como a paisaxe, a realidade fúrtase en proximidade.

Inda que a evolución foi en moitos casos crítica, noutros -xa obsoleta- móstrase inexplicablemente indolente.

Somos verdadeiramente fillos do sol.

As dicotomías xeradoras son innumerables: a dereita e a esquerda, o antes e o despois, o norte e o sur, o arriba e abaixo, a taxonomía, a informática, etc...

Según o xenoma, un Keniata podería sernos máis afín co veciño do quinto. Algo falla aquí. O mellor non somos so xenomas.

A herdanza recibímola dentro dun estuche ben lacrado ¿a qué ven tanto remilgo?

A xeometría forma parte das ciencias naturais

A vida non é un catálogo, é unha teoría.

* * *

Eu tampouco entendo moi ben todo isto pero non preocuparse. Entre os moi espontáneos ideólogos que se mobilizan na nosa axuda, a Empresa Municipal de Transportes (E.M.T.) acaba de botar rúa abaixo un autobús descabalado coa gran pintada: “¡Deus non hai, vivide tranquilos!”.

Tranquilos si, pero ¿de qué?

------------------------------------------------------------------------------------------

FERNANDO ANDRADE
*Comunmente, a verba evolución refírese a calquera variación progresiva e irreversible. Nembargante, en bioloxía (Darwin e os neoevolucionistas), fai tempo que enténdese por tal un cambio deste tipo, sí, pero principalmente procedente da discriminación (selección) de variabilidades aleatorias (mutacións) efectuada pola súa propia viabilidade (adaptación); todo elo amplificado é perpetuado a nivel de poboacións descendentes por crecentes xéneses e herdanzas da variación vantaxosa que explicaron Mendel e Morgan, sen sabelo.
Hai outras evolucións biolóxicas non selectivas, coma as da “deriva”, e incluso outras máis xerais non biolóxicas, coma o releve hidrolóxico ou a sedimentacións mariña; incluso, dentro desto, outras que poden chegar a ser selectivas e que reforzan así coa súa xeneralidade a nosa sospeita dun “pensamento” natural indiscernible. E, sobre todo, hai outras cousas que non son nada disto.
A bronca evolucionista -unha das piores- veuse moi animada por razóns que non tiñan nada que ver coela: por unha teoloxía que consideraba a Deus incapaz de inventala evolución-; pola confesada metáfora darwiniana da “loita” -que en realidade non contiña moitas malleiras-; pola verba “adaptación” -con tantos resaibos deterministas e Lamarkianos-; polo negocio periodístico -vendendo a mala gran noticia dos simios devanceiros-: e, sobre todo, polo intolerable talento de Darwin -agravio comparativo este que non estáben en democracia-.
Tampouco a pedagoxía evolucionista colaborou moito neste asunto; empezando por Darwin, coas súas dilatadísimas explicacións de camiño máis que de termino (a súa verdadeira aportación). Pero non é a primeira vez que estes remilgos custáronlle cara a ciencia chegando tarde. Por exemplo, ós xenetistas chegaron séculos despois cos melloradores; os etnólogos, foron uns pésimos fisionomistas no caso Beringia; os ecólogos, son antagonistas dos seus propios partidarios; os economistas, profetizan o pasado; os enólogos, paladean coa nariz, e non sei cantos pundonores máis que exercen por aí as xentes serias. Outro asunto é a divulgación, raramente intelixible.
** “Atlas Fitoclimático de España”. J.L. Allué. Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias. Madrid. 1990.

Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES