Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pintadas

jueves, 23 de abril de 2009
Unha das cousas que máis feren a miña sensibilidade, e supoño que a de moitas persoas, e o atoparte, por exemplo, cunha obra recén rematada e que aos poucos días apareza marcada polo “graffiteiros” de turno. É como se quixeran deixar constancia pública dos seus impulsos incontrolados a costa da propiedade allea ou dos bens que están ao servicio da comunidade.

Fai uns días, no Complexo parroquial de Santa María de Caranza, en Ferrol, recentemente inaugurado e do que moita xente do barrio está orgullosa, por non dicir unha gran maioría, mesmo entre aqueles que non frecuentan moito a igrexa, apareceron os primeiros graffitis e unha pintada. Non podía ser menos, dada a “sorte” que polo xeral corre todo edificio público, sexa histórico ou de recente construcción. Lamentablemente parece que hai que afacerse a esta servidume que nos está a impoñer unha minoría, que en vez de utilizar os canles normais para facerse oír, recorre a estes métodos antisociais e de escaso ou nulo sentido cidadán.

Dito isto, a pintada en cuestión di o seguinte -porque aínda segue alí-: “que o clero se entere: nós parimos, nós decidimos”... Ben, de acordo, se isto se nos dixera con toda normalidade, de palabra ou por escrito (non precisamente na parede). De acordo tamén porque efectivamente a muller que vai ser nai é a que ten que parir e lóxicamente decidir -antes, durante e despois- a favor desa vida que vai alumbrar, e oxalá que sempre co apoio, a solidariedade e o amor incondicional da outra parte; é dicir: do varón.

E falo de vida, porque o que vai alumbrar non é un apéndice inerte do seu organismo, senón xa o comezo dun ser humano; e non un ser humano calquera, senón un fillo... E se isto é así, claro que vale a pena parir e dar á luz. Do contrario, nin ti nin eu existiriamos.

No fondo está a reacción á nota publicada polos bispos o pasado mes de marzo a favor da vida e en contra do proxecto de liberalización da lei do aborto. Todos sabemos o que pensa a Igrexa sobre estes temas. Un pensamento que choca moitas veces con outros pareceres e formas de pensar que se están a dar hoxe en día nesta nosa sociedade tan plural e complexa, onde a vida e as circunstancias de moitas persoas -familias, mulleres, adolescentes...- é ben difícil e problemática. Unha situación que non podemos eludir; ao contrario, temos que acompañar e atender.

A posición da Igrexa é, e será sempre, “relixiosa”. Non pode ser doutro xeito. Por iso a vida desde esta perspectiva é ante todo un “don” de Deus, non unha creación nosa en exclusiva da que poidamos dispoñer segundo nos conveña. A vida é un don, neste caso “sagrado”, que estamos chamados a acoller, coidar, potenciar e manter desde a súa concepción ata a súa morte natural.

E tamén é unha posición “humanista”. Para a Igrexa -e para moitos outros- a vida é un “dereito”, neste caso do aínda “non nacido”, pero que xa está nas súas primeiras fases de desenvolvemento e que biolóxicamente pide saír adiante.

A vida é boa noticia, don precioso e, para o crente, regalo de Deus. Hai algo máis ecolóxico, progresista e humanitario que esta aposta pola vida do ser humano?
Rodríguez Basanta, Antonio
Rodríguez Basanta, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES