Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casandra, científica de profesión

viernes, 12 de abril de 2024
Casandra, ou cando a credibilidade importa máis que a clarivivencia e que a mensaxe. Nunha versión do mito clásico Apolo concédeulle o don de ver o futuro pero, despechado, condenouna a non lle quitar proveito. Coñecedora da ameaza letal do cabalo de madeira negouse a que entrara na cidade. Non foi escoitada e Troia caeu. Botín de guerra, Casandra acabou no leito de Agamenón. Historias antigas. A de Casandra leva a ver o futuro e non poder facer nada por evitalo.

Os clásicos sempre volven. Casandra hoxe son científicos, investigadoras. Capaces de anticipar o futuro non como don divino senón como estudo e investigación. Así, os 80 investigadores de prestixiosos institutos internacionais e da ONU denunciando a países produtores de carbón, petróleo e gas. E isto ocorre no 28 Cumio do Clima (COP) nun ano marcado por extremos climáticos. Os gobernos nos seus cumios, o planeta nos seus abismos. Contra a emerxencia climática, os cumios anteriores só aportaron retórica. En Dubái, capital do petróleo, esperanzas e contradiccións.

Non cremos na ciencia que sabe o que vai pasar: a antiga maldición permanece. Reflexiona George Steiner: "Vivimos no medio dunha crecente barbarie dos medios, a estupidización das pantallas, o ruído, partidos reconvertidos en sectas, o dar tanta voz a xente tan prescindible". E como Casandra, avisa: "Cando se acaban os principios democráticos e liberais, a cultura desaparece e o futuro é asaltado polos bárbaros". Que silencian a ciencia. Desprezamos á Casandra investigadora dotada co don da clarividencia e escoitamos a vendedores de pócimas: influencers, tiktokers, instagramers, youtubers da nada, pantallas tóxicas. Cando ignoramos a intelixencia, o traballo das Casandras da ciencia, o cabalo de Troia entra na casa.

A ciencia fala alto e claro: "A vida sobre o planeta Terra está asediada. Adentrámonos nun territorio perigoso e descoñecido". En prime time, a ferocidade de fenómenos meteorolóxicos. Din: "co quentamento de 2,6º para este século as condicións van ser angustiosas e potencialmente inmanexables". Casandra experta climática avisa: "Os sistemas naturais poden colapsar. Falta de auga doce e alimentos, suba do nivel do mar, pandemias". Conflitos xeopolíticos, malestar social, migracións masivas. Temos sobrepasado os límites do sistema Terra poñendo en perigo ecosistemas que terman da vida.

Seremos máis vulnerables se expulsamos da vida plantas, fungos e animais. A cobiza humana está a causarlles unha dor insuperable. O planeta non se merece este flaxelo.

A recente COP de Dubái pode ser punto de inflexión ou de non retorno. A ciencia ve máis lonxe, máis fondo. Adiviña o futuro coa obriga de cambiar o presente. Se escoitamos ás Casandras co don da profecía científica e título universitario.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES