Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 10 de abril de 2024
Leito de toxos na habitación dos soños

Por que non podo deitar sobre un leito de toxos na habitación dos soños? Xa sei que pican, pero así tamén raño, tamén rasco. Nesa habitación na que a luz brilla baixo unha tonalidade amarelada. Por que non podo soñar dentro do mesmo soño e mentres as ilusións van e vén sen saber de onde? Por que os infinitivos rematan en R e a súa conxugación percorre todos os tempos?
Pingas de Orballo Quero asubiar dentro do soño do soño e só me sae un ruxerruxe de follas secas esmagadas polos pezuños do burro que anda comendo nos toxos. A flor do toxo é bonita e o leito de estrume acouga coas miñas ansias de querer ser e non poder, de querer estar e notar tan só o silencio.
Por que non podo navegar coa Perla Negra por ese mar azul e verde e gris e marrón inmenso? Por que non lle canto un réquiem a ese desexo que non deixa de ser eterno? Son a pinga de auga que baña o seu peito e o caxato de temoeiro que suxeita o feixe dos sentimentos. Son o mar e o toxo, o barro e os soños. Son o leito e a ilusión, a folla seca e o verbo que se fai carne. Son o estrume e o silencio, a lúa e o universo. Son a ausencia que flota cara ó ceo aberto.
Quero deixar constancia de que a ruleta da fortuna roda como lle dá a gana e de que a luz brilla cando se lle dá á chave, ó interruptor, á conciencia. Hai conciencias negras e cheas de silvas que engarran e esgazan a pel á que se agarran. Como hai conciencias brancas que se acenden cando os actos non proceden. Non hai coma un leito de toxos na habitación dos soños.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES