Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 05 de abril de 2024
Un candil sen mecha

Os seus xestos son tardeiros, cachazudos, pausados. O seu proceder é lento. Semella máis un sapoconcho que un ser humano. Emilio Celeirón Estuarte, O Pausado, nunca ten présa. Nin tan sequera cando se ten que enfrontar a un perigo moi grande. Endexamais se apura. A súa ladaíña é: calma, que o mundo non se acaba. E colle todo a pachorra. Mesmo esas discusións futbolísticas que adoitan desenvolverse nos bares. Pingas de OrballoGústalle o fútbol pero non se esgorxa, non brama ante un erro dun xogador ou do árbitro, nin pica coma o pancho nos comentarios dalgúns espectadores. Sabe que mentres discute, e da forma en que o fai el, alá vai máis de medio partido. Así é que cando empeza algunha pequena disputa, axiña acaba lanzando un: cala, oh, e morra o conto.
Co Pausado morre o conto á forza. Incluso os propios compañeiros, veciños, amigos non se dirixen moito a el para non desesperar ante a súa lentitude ó falar. Tampouco lle piden moita axuda (todos os da aldea traballan na labranza) para non eternizarse facendo as cousas. Polo baixo, chegan a comentar se non o fará xa a propio intento, precisamente para que ninguén lle pida axuda e así vivir coma un rei.
El tamén pensa niso, en se os veciños pensarán que o fai a propio intento. Cada vez que pensa desta maneira deixa asomar un sorriso tan lentamente que nin eu mesmo sei se é un xesto ou algo que se lle asemelle. Menos mal que xa o coñezo de tal maneira que sei que a súa lentitude non é finxida. Sempre foi coma un sapoconcho ou coma un candil sen mecha. Emilio Celeirón, O Pausado, pousa sobre min a ollada e, agora si, noteille perfectamente o sorriso.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES