Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 04 de abril de 2024
Maldita escuridade!

Como ninguén me dixo que a escuridade deixa de ser negra se lle dou á chave da luz e, non dándolle, sigo ás escuras. Ás escuras non vexo un carallo. Ando polo cuarto (ou polo que sexa) de aquí para alá e como galo sen cabeza. Choco contra as paredes e as portas, tropezo coas cadeiras e, creo, calzado que hai polo chan. O que peor levo é o de topar coas trabes e pontóns. Están baixos e eu son alto.
Pingas de Orballo Son tan alto que me teño que agachar ó cruzar as portas. Porén, segundo alto que son, síntome máis torpe que ninguén. Sei que non son agudo coma un allo e, para máis aquel, a intelixencia que teño é pouca. Nin tan sequera son capaz de atinar coa claridade desa escuridade que non me deixa ver un burro a tres pasos: un simple interruptor da luz.
A escuridade, en certos momentos e para certas cousas ou asuntos ou xogos é bonita. Tamén é daniña: golpes a esgalla e por cada parte ou centímetro do corpo. A escuridade é bonita cando se quere estar só e en silencio. Que, isto, tamén se pode coa claridade, mais a concentración é outra. Sempre digo que cos ollos pechos é cando mellor vexo. Porque os soños son así de sinceros, ou sexa, que soño como quero.
Como a intelixencia miña é a que é, sigo ás escuras. Ninguén me dixo: acende a luz ou dálle á chave. Creo que acabo de pisar, de esmagar un rato, ou algo. Un chisco de noxo si que dá. Non obstante, sigo dando voltas, e levando golpes, e soltando palabras groseiras, e deixando caer algunha que outra bágoa de impotencia. Porque, si, chegou o momento en que a impotencia xa é moita. Maldita escuridade!

O berro que non sae

Arrastrei as entrañas polo bulleiro dunha idea, dun concepto que, ó mellor, non procedía, pero tampouco perdía nada ante a ilusión que me facía. E como a ilusión ou a esperanza é o último que se perde, seguín envorcallándome polo lamazal do desexo. Hai desexos que se debuxan collendo de modelo unha fotografía, e hai realidades que poñen a cada un no seu sitio. Para rematar coa sentenza de... aquí paz e despois gloria.
Pingas de OrballoA paz dá igual; a gloria é efémera. Ora que, co pouco que queda, acubillareina detrás das reixas dunha gaiola. Aí, os berros racharán o silencio e o que puido ser nin é nin será. Maldita a lama do lameiro! Ese lameiro no que pacen os versos que remoen sentimentos.
Cheguei ó cabo da novela todo mollado e emporcallado coas ilusións rotas, os berros roncos, os latexos descosidos e as fantasías aniquiladas por catro asubíos de advertencia e dous ouleos salvaxes. Sempre pensei que os soños eran bonitos ata que, estes, se volveron pesadelos.
Non queda outra, entón, que seguir envorcallándose pola lamorqueira da conciencia. Que tampouco me é tan bonita e tan inocente como presumía. Porén, tampouco é plan de espallar, de esparexer as miñas perversidades, o meu negativismo. Cada un é como é, e cada un presume como presume e do que presume. A miña conciencia non é moi distinta da dos demais.
Arrastro as miñas asaduras polo parágrafo mal escrito e o poema peor recitado. Son coma ese berro que, aínda abrindo a boca, non sae.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES