Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camiños da desigualdade

viernes, 05 de abril de 2024
O estudo 'Desigualdad y pacto social', do Observatorio da Fundación A Caixa radiografía con precisión o mapa, extensión e causas da desigualdade en España. Explica con datos como temos chegado á fractura actual. E propón políticas necesarias e viables para reducir a desigualdade.

A foto fixa do estudo mostra que nas últimas décadas España, no club dos países ricos da UE, é un dos máis desiguais. Entre 2015-2019 agatuñou ata o quinto lugar de maior desigualdade entre os 27 países da UE, despois do Bréxit dos Trampulleiros. E non estamos a falar da maldición de deuses sombríos, nin do fatalismo dun ADN celtibérico. Éche máis grave e prosaico: as rendas do capital medran máis que as do traballo. Ao fin, a fenda entre os que teñen e os que non anchéase ata límites inconcibibles.

Curiosamente o mantra de baixar impostos foise impoñendo ata nos que dependen deles para vivir. Mentres o paraugas do Estado que acubilla a todos xibarízase. E a equidade e a redistribución da riqueza mingua. A aposta pola desigualdade vai multiplicar o malestar e problemas sociais no futuro. Solidariedade ou sálvese quen poida.

A investigación, con expertos de ata trece universidades, tenta averiguar por que cada día somos máis desiguais. Por que a equidade está máis lonxe. Por que a xente do común, atordada polo balbordo mediático e político, aplaude medidas que favorecen aos privilexiados.

A desigualdade non é abstracta, ten rostros e espellos que os reflicten. Desigualdade nos empregos, nos estudos, nos barrios e nas vivendas, no acceso á tecnoloxía, na fiscalidade. Terrible desigualdade na cultura política e participación cívica. Velaquí algo demoledor: os pobres viven de costas á política. Pensan que os partidos non se ocupan deles. E non votan. Iso explica as proxeccións que fan enquisas electorais máis aló de quen as paga ou tenta mover a opinión pública ao seu muíño.

Todo iso vai levando a España a se converter nun teatro de desigualdade. Onde, en tempos de crise, uns poucos aínda se enriquecen máis, mentres a maioría paga as facturas sociais. Salvando aos bancos. Aportando impostos dos que os máis ricos se zafan.

A parte positiva de estudo tan exhaustivo é que tamén aporta solucións. Con propostas de políticas e acordos para reducir a desigualdade. Para que a xente do común, insatisfeita coa democracia, non siga afastándose da política.

Neste contexto resoa o clamor dos donos de demografías e economías, os nacionalismos periféricos máis desenvolvidos ou o burato negro cósmico de Madrid, de querer autodeterminarse da España Baldeirada. Un sálvese quen poida insolidario. Que vai xerar inestabilidade social, malestar político, conflito e redución do crecimento. Froitos amargos que atopamos no camiños da desigualdade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES