Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

lunes, 25 de marzo de 2024
Un boi manso

Á volta falo contigo, díxenlle a aquel que me acenou cunha man desde a distancia. Cando volvín non estaba. Coido que sería porque me colleu medo. Pola forma en que lle dixen de falar con el. Sei que llo dixera con présa e mirándoo de fronte; pero sen mala intención. Non sei por que desconfiou de min, se é que sospeitou algo. Eu só quería contestar longamente ó saúdo, ou sexa, falar por falar. De fútbol, de rozar os Pingas de Orballotoxos, de cine, do vértice dun triángulo, da curvatura dun círculo, da fermosura dunha fotografía, do río que pasa cheo de auga, de cousas intranscendentes.
Son incapaz de ameazar a alguén, aínda que, a moitos, as ansias de rillarlles os ósos están en min. Pero si, as ansias tan só. Á hora da verdade... un cacho de pan, un boi manso, un parola-parola e aquí paz e despois gloria.
Tamén puido ser que non me esperase porque non creo que me coñecese moito. Eu non o coñecía de nada. Para min que se confundiu, que se trabucou un pouco ó acenarme. E eu, como nunca renego de ninguén, como saúdo a todo o mundo, solteille aquilo de falar con el. Confiando tamén en que non me esperase. Non me esperou.
Se chegara a esperar, intúo que aclararíamos un pouco o malentendido do saúdo e, lóxico, acabaríamos falando das nubes negras que semella que corren polo ceo, do ruxerruxe dun conto mal contado, do corno dunha rubia galega, do orneo dun burro calquera e do fútbol, claro. Porén, quen rompe sempre o xeo nas conversas entre coñecidos e descoñecidos é o tempo. O tempo climatolóxico, se entende. A este habería que facerlle un monumento polos inicios das conversas e por romper os silencios incómodos.

Gabia a gabia

Pouquiño a pouco. Paso a paso. Golpe a golpe. Gabia a gabia. Encherei a leira. De patacas. A golpe de sacho e aixada e a queixas dos cadrís acabarei a sementeira delas. Non é tarde. Antes, case sempre tiña marcados os días da Semana Santa para aproveitar á familia que estaba fóra e viña de vacacións. Antes, era certo, sementaba eidos enteiros. Agora, como semento tan só pequenos terreos, pequenas hortas, Pingas de Orballopequenos agros, pois empezo en calquera momento. Antes sementaba as patacas en Baños de Molgas. Agora toca facelo pola zona do Ribeiro e, claro, hai diferenza na temperatura, nas propias terras.
Caeron oito gabias pequenas. Dentro de dous días, se o tempo o permite, caerán outras oito ou as que cadren. Se chove, repito, non é tarde; outro día será. Botándolle o ollo á finca (xa teño confesado moitas veces que a mellor medida que existe é a de "a ollo"), penso que teño para tres quendas, tres mañás. Tomando o asunto con calma, con moita cachaza. Polo detalle de que non hai présa e... para que vou rebentar!
Hoxe caeron oito en pouquiño tempo; nunha hora ou en pouco máis dunha hora, creo. A muller tiña présa. E eu... como sabía e sei que teño incluso todo o abril... Aínda que, como poida e o tempo me deixe, a finca caerá en tres días, ou sexa, pouco máis de tres horas. Porque as quendas irán pouquiño a pouco, paso a paso, golpe de sacho, golpe de aixada, gabia a gabia e, si, tamén, queixa a queixa. Para rematar coa ladaíña que se di sempre: Que Dio-las aumente!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES