Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na cuberta do Titanic

viernes, 22 de marzo de 2024
A globalización, con tantos aspectos positivos, pode levar a un punto de non retorno. Xa nos decatamos da forza dos que moven os fīos do mundo. Algo non vai ben se movementos para o cambio democrático son condenados ao fracaso. Desde aquela primavera árabe ata aqueles indignados. E ata a rapazada tan nova avisando da emerxencia climática

Neste tempo de crise que veu para quedar, petan na conciencia do mundo ondadas de refuxiados expulsados por unha violencia poliédrica. Se na CE asusta a súa chegada, que non pasará en países veciño e pobres que acollen moitos máis. Demandan centros de acollida que ordenen a avalancha, comida, atención médica. O que é inhumano é ver a decenas de miles de personas avanzando sen control por áreas densamente poboadas.

Por máis que hoxe asuste mediáticamente, a historia humana e a crónica dunha incesante migración. Cambios provocados pola cobiza humana e as agresións á natureza están a provocar un tsunami de transformacións sociais e movementos masivos de poboación. Pero anchear a capacidade de acollida non é ceder ante fundamentalismos relixiosos cebados por petrodólares, e outras formas culturais, aspectos fundamentais como o laicismo e os dereitos humanos. Hai un mínimo irrenunciable: libertade relixiosa, dereitos das mulleres, libertades individuais. Non é admisible impedir ás nenas asistir a escola ou concertar o seu casamento, expulsar a muller dos espazos públicos, obligala a vestir dunha determinada maneira, invisibilizala físicamente. Ou maltratar aos que teñen outra orientación sexual.

Nos cambios que se aveciñan, máis que afondar as diferencias co outro cómpre atopar puntos para loitar xuntos. A fin de contas compartimos a maioría dos problemas, tamén inimigos comúns como o neoliberalismo que coloniza o mundo a través da globalización. Vítimas da desapiadada economía globalizada son os millóns de persoas expulsadas das súas comunidades pola triple violencia da crise económica, as guerras e o destrozo ecolóxico e climático.

Problemas e solucións, porque na casa común compartimos o tesouro da cultura que nos fai libres, a natureza que pertence a todos e a riqueza do corpo que garda a herdanza bioxenética da humanidade. Son bens comúns que convén defender porque se son privatizados, multiplicarase o número dos excluídos contra os que se contrúen inútiles valados e outras formas de apartheid.

A crise dos refuxiados non se resume nunhas fotos de nenos rotos. A raíz do problema está no aumento das desigualdades que obriga a crear outro tipo de economía, unha nova utopía, a da solidariedade contra a exclusión e o medo ao outro, a inclusión contra o apartheid, a cooperación contra a competitividade.

O que xa non é posible é seguir bailando despreocupadamente na cuberta do Titanic, mentres abaixo a xente afoga e o barco afunde.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES