Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 22 de marzo de 2024
Ríos de tinta

Caeron ríos de tinta sobre o deserto. Tal deserto mollouse. Mollouse con tinta negra. Levaba séculos sen mollarse con pingas de auga ou de orballo. As precipitacións ideolóxicas, ás veces, asoman así, de repente e a cachón.
Nesta precipitación houbo de todo. Ríos cheos de controversias políticas, de enfrontamentos ideolóxicos e de inercias melancólicas. Formáronse lagoas de desexo. Pingas de Orballo Asomaron charcas románticas e brotaron fontes con pingas de sentimentos. Choveu sobre o deserto en forma de prosa e en verso.
Cada golpe de chuvia sobre a area deixou de ser un berro seco para quedar nun salaio húmido. Cada gran de area mollado era coma unha penca, coma unha pinta na luz do espello. Tanta humidade empapaba as ansiedades da alma, do espírito.
A precipitación, durante un tempo, non deu tregua. Caeu tanta auga que enchouparon os sentimentos. E asolagaron os oasis das conciencias. E formáronse regueiros que converxeron nun mar de dúbidas a causa dunha certa inocencia. Corría a auga por todas as dunas da memoria fotográfica e polas nádegas instaladas entre os dous talóns de Aquiles.
Caeron ríos de tinta sobre o deserto. Ese deserto no que non había nada e, agora, todo abrolla, todo agroma nun relato cheo de soños que foron, de afáns que son e de ilusións que poden ser. Agroma o silencio para desaugar ou verter no ruído. Agroma unha luz tenue, de cor amarela para iluminar un desexo divino. Os ríos de tinta negra que caeron, iso si, con morriña, son as sementes dun xogo divino.

A idiosincrasia dos soños

Estudei a idiosincrasia dos soños e non é tan fácil navegar con eles, por moito que me suba algunhas veces á Perla Negra. Mestúranse asuntos con pesadelos e detalles con fantasías, realidades con loucuras e ilusións con esperpentos. Porén, nunca hai que deixar de soñar.
Pingas de Orballo Nunca deixo de soñar. Soño co verme luceiro da aurora e coa cor da carpaza xusto no momento en que asoma o luscofusco. Soño co compás acompasado dun Elvis Presley desbocado e co ruxerruxe dun timbal nun tema de Morricone. Soño co arco da vella, coa flor do toxo, cos chourizos na lareira, coas sabas dun leito e os bafos nun espello, cun balón de fútbol e coas miñas pernas bambeando desde o corno da lúa en cuarto minguante. Soño con ser o heroe dos tempos que están por chegar.
Por moito que soñe, non é fácil soñar, e aínda que soñe sempre. Moitas veces, a realidade non ten esperanza e a fantasía morre afogada. Os sons do silencio de Simon e Garfunkel espállanse pola selva dos berros. Porque hai berros salvaxes, e libres, e fortes, e únicos, e longos, e eternos. Despois será o eco o que se adapte, o que se axuste ó momento.
Estudei a idiosincrasia dos soños e ando medio perdido polos camiños dos sentimentos. Mestúranse, crúzanse, bifúrcanse, atráncanse e, ás veces, todo acaba nun nobelo. Nun feixe de pesadelos que deixaron de ser soños. Emporiso, o heroe dos tempos que están por chegar deita na Perla Negra coa esperanza de distinguir a realidade da fantasía e o desexo do espírito amorfo. Nunca hai que deixar de soñar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES