Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 21 de marzo de 2024
Enfrontamento na Aira de Arriba

A Aira de Arriba de Baños de Molgas estaba preparada para o evento. Dous días antes, os propios veciños limpárana como se limpaba antes nos tempos da malla. O evento vaise celebrar ás catro da tarde, en plena canícula. A ocasión merece toda a luz do día e os máximos espectadores posibles.
Pingas de Orballo Tal acontecemento vai ser o enfrontamento entre un piollo e unha pulga. Nunca tal se vira en Baños de Molgas. Dúas horas antes empezaron a chegar os primeiros espectadores: unha ducia de carrachas. Que non tardaron en multiplicarse por centos na seguinte media hora e, por milleiras, a piques de iniciarse o enfrontamento.
Primeiro saíu a quentar o piollo reptando desde un can que estaba á sombra do pé dun canastro, e baixo os berros emocionados das carrachas. Non tardou en entrar en escena a pulga, que, baixo os aplausos dos afeccionados, apareceu saltando desde o gato que, este si, estaba ó sol á beira doutro pé do canastro, pero algo máis lonxe do can.
Dous minutos antes de iniciarse o combate, a lide, apareceu a árbitra: unha cascuda gorda e con certa chulería; aterrou sobre a aira coma un helicóptero botando os bofes. Non tardou en especificarlle a norma a seguir: que non había normas. Que se buscasen a vida ou que se salvasen como soubesen ou puidesen.
Ergueu unha á para dar inicio ó combate. Nin a baixou. Da nada apareceron cinco pardais e non deixaron bicho con cabeza. Aquilo foi unha auténtica desfeita, unha masacre. Só se salvaron media ducia de carrachas porque, nun amén, xa me meteran na pel do can. Non houbo combate.

Suar

Hai unha hora que rematou o partido de liga Sevilla-Celta (1-2) e aínda estou suando a causa da tensión, da angustia. Canto sufrimento! Polo detalle de que, moitas veces, o Celtiña deixou escapar puntos e partidos nos derradeiros minutos, nas derradeiras xogadas. Ante isto, os últimos dez minutos do partido tiven que velos de pé (o resto contempleino desde a cama) porque os nervios estaban demasiado a flor de pel. Agora sorrío ante esta actitude, pero hai que vivir o momento. Menos mal que, por fin, pagou a pena.
Pingas de Orballo Suar tamén súo un pouco pola temperatura. O ceo está nubrado e case ameazando chuvia, máis a calor é abondo sufocante. Tamén é verdade que, ás veces, non é necesario facer algo ou angustiarse para suar. Suar adoita ser bastante fácil. E se se fai un esforzo físico xa non digo nada.
Eu non son de moito suar nos esforzos físicos. Semento unha leira de patacas ou cargo un tractor de esterco e case non súo. Quizais si súe máis nesas accións nas que a maioría nin tan sequera se quentan. Por unha frase mal dita por alguén. Por un acto mal feito por outros. A min, por exemplo, por suar ata me súa a conciencia.
Tamén me súan os versos cando caen por contagotas. E súo cando sei que un sentimento queda colgado da galla dun amieiro. Ou cando vexo que un sorriso se queda, de golpe, nun simple xesto. Súo cando os soños non cadran e sei que acabarán rematando en pesadelos. Para a maioría, teño un suar politicamente incorrecto; aínda que, sabéndoo, é cando máis transpiro, precisamente para xiringar a esa maioría. Súo ante a fermosura ben fotografada e mesmo cando berro de ansiedade. Non son de moito suar, aínda que, por certos propósitos, por certas imaxes, estea sempre suando.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES