Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un mundo trémulo

jueves, 14 de marzo de 2024
O mundo da posguerra fría entra en 2024 nun acelerado proceso de fragmentación e descomposición con grandes retos para a economía, a sociedade e a gobernanza internacionais. A crise dos sistemas democráticos podería recibir novos impulsos coa promoción de líderes e formacións de signo ultraliberal e autoritarios consolidándose os espazos de inestabilidade ata nos países centrais do sistema global. O futuro preséntase perigosamente incerto ante a evidencia dun final de traxecto cuxa resolución reclama a fixación consensuada das vigas da nova orde multipolar. No Sur Global podería acentuarse a puxa indochinesa polo liderado.

Con certeza, esta percepción influíu na atmosfera do encontro mantido en novembro de Un mundo trémulo2023 entre os presidentes Joe Biden e Xi Jinping en San Francisco, cominados a establecer un acordo de mínimos para conter e encarreirar a espiral incontrolada de conflitos que ameaza a estabilidade global. As eleccións de novembro nos EUA serán as mais transcendentais pero igualmente o signo das principais tendencias en Europa e noutros continentes indican que non estamos ante feitos illados (bastantes xa se ollamos para Arxentina, Holanda, Italia, Suecia, Finlandia, Hungría, Eslovaquia...). Pola contra, asistimos a unha reemerxencia da dereita mais radical e extrema beneficiada pola complicidade conservadora e o desconcerto na esquerda ante a conxunción de múltiples cambios de paradigma e unha orfandade cívica que asiste impávida a importantes retrocesos no seu benestar. Mesmo a hiperestable Alemaña podería ter que acudir a comicios anticipados coa extrema dereita en significativo ascenso. Na Rusia, Putin ten asegurada a reelección.

A pesar do acadado nesa recente reunión entre os presidentes Biden e Xi Jinping, considerada positiva polas respectivas diplomacias, os intereses das grandes potencias chocan en numerosos eidos tanto sectoriais como xeopolíticos, con especial foco na pugna polas novas tecnoloxías e polos equilibrios en Asia-Pacífico. As eleccións en Taiwán (13 de xaneiro) e as tensións no mar da China Meridional (con Filipinas como epicentro mais visible) poderían levar as tensións entre Estados Unidos e China a un nivel febril. A percepción estadounidense de estarse achegando ao momento clave para defender a súa hexemonía global pode dinamitar o consenso de San Francisco.

Nestas circunstancias, a pesar da gravidade do momento, é improbable que os grandes líderes mundiais, dadas as súas divisións, recoñezan os riscos actuais ou se reúnan para proxectar a orde do século XXI mediante os acordos políticos precisos. Estamos na fase aínda en que todos tentarán chegar á hipotética mesa de negociacións na mellor das posicións posible.

Desmundialización
Nunha entrevista publicada o 2 de xaneiro, a directora xeral do FMI, Kristalina Georgieva, advertía contra a fragmentación da economía global en liñas xeopolíticas por mor do aumento das restricións de seguridade nacional, cos países gravitando cara a bloques separados liderados por Estados Unidos e China.

A guerra comercial, a guerra tecnolóxica ou a desvinculación, a ruptura das cadeas industriais e de subministración e a eliminación de riscos están deseñados esencialmente para converter as cuestións comerciais en instrumentos da pugna hexemónica, asegurar a perpetuidade a primacía de certos países, conter os mercados emerxentes e acoutar o seu empoderamento en termos xeopolíticos. Este proceso non ten visos de caducidade e moi ao contrario, todo indica que se vai profundar ao longo do novo ano con medidas cada vez mais agresivas ante o relativo fracaso das xa adoptadas previamente.

Riscos e incertezas xeopolíticas
A guerra entre Israel e Hamás, co risco de estenderse por todo Oriente Medio, e entre Rusia e Ucraína, están entre os principais conflitos mundiais de 2024 listados polo International Crisis Group (ICG). Outros conflitos destacados son Sudán, Myanmar (antiga Birmania), Etiopía, Sahel, Haití e Armenia-Acerbaixán.

Segundo a análise do centro de investigación de conflitos, as guerras en Gaza, Sudán e Ucraína, entre outras en todo o mundo, significan que "os esforzos diplomáticos para acabar cos combates están fracasando" e que os respectivos líderes seguen apostando por perseguir "os seus obxectivos militarmente".

A situación que mais preocupa é Oriente Medio. Aínda que os analistas do ICG consideran que nin EUA nin Israel buscan un enfrontamento rexional, afirmación que outros matizan, alertan dun perigoso "punto de conflito" na fronteira entre Israel e Líbano, onde as forzas israelís intensificaron os enfrontamentos co movemento xiíta Hezbolá.

"Os ataques de grupos apoiados por Irán contra as forzas estadounidenses en Siria e Iraq aumentan as tensións, así como os ataques dos rebeldes hutís de Iemen a barcos no Mar Vermello", advertiron ademais. Por outra banda, as accións terroristas presuntamente obra de Israel en terceiros países como o Líbano ou Siria ou a acontecida en Irán cando unha multitude conmemoraba o cuarto aniversario do asasinato en Iraq do xeneral iranianoQasem Soleimani, poden ter moi serias consecuencias e propagar a onda de inestabilidade por toda a rexión.

A guerra en Ucraína, tras a invasión rusa en febreiro de 2022, está actualmente estancada, con poucos cambios na primeira liña, pero Crisis Group di que, polo momento, hai "pouco que suxira" que as negociacións poidan dar lugar ao fin do conflito. Mentres tanto, os debates occidentais suscitan temores de que o apoio a Kiev vacile. Esta conxuntura pode suxerir outros rumbos para o conflito aínda que dificilmente verificables antes de 2025.

A incerteza sobre os Estados Unidos, con esas decisivas eleccións presidenciais en novembro, tamén contribúe ao desacougo global. "Un voto potencialmente 'divisivo' en 2024 e o posible regreso do ex-presidente Donald Trump, con predilección por liderados fortes e desprezo polos aliados tradicionais que xa sacudiron gran parte de Europa e Asia, advirten dun ano especialmente difícil".

Un desafío global clave como é o cambio climático podería verse sensiblemente afectado tralo tímido avance experimentado no recente cumio de Dubai.

¿Sur Global unido ou dividido?
Paso a paso, China afírmase cada vez mais como outro polo da orde global. Entre as numerosas iniciativas diplomáticas do presidente chinés Xi Jinping destaca a súa aspiración de posicionar a China como líder no Sur Global, obxectivo que a sitúa en competencia directa coa India. Moitos estados do Sur Global recibiron investimentos e propostas comerciais da China, pero os sentimentos nalgúns cara a China e os Estados Unidos non son particularmente favorables, percibíndoos a ambos os dous como socios dominantes.

Os países do Sur Global, con vocación de artellamento institucional, atópanse nunha encrucillada, obrigados a decidir entre aliñarse con China ou India en termos de liderado. China preséntase como unha alternativa anticolonial a Occidente, o que podería ter eco en certos estados. Non obstante, os críticos argumentan que quen elixen China poderían non pasar de substituír a influencia colonial polo dominio económico tanxible de Beijing. Porén, ao seu favor está esa capacidade de proporcionar un volume substancial de asistencia económica, comercio e investimento, que a India non pode igualar. Por outra banda, os países que buscan un mediador eficaz para as negociacións co mundo desenvolvido poderían inclinarse por Nova Delhi. A pesar de permanecer algo fóra do paraugas estadounidense, a India goza dunha relación máis favorable con Estados Unidos e Occidente que con China. Esta última deberá complementar a súa retórica con medidas efectivas que disipen os temores se quer contar co seu apoio para avanzar na definición da orde multipolar.

Hexemonía abalada
A abismal diferenza nas accións dos Estados Unidos ante o conflito israelí-palestino e a crise de Ucraína puxo de manifesto claramente a cínica dobre vara de medir que Washington está a aplicar de forma flagrante. As condenas selectivas de moitos países occidentais centrais converteron o dereito internacional en letra morta e a orde baseada en regras nunha argallada semántica de mera conveniencia. Os líderes palestinos, pola súa banda, veñen contestando rotundamente o veto estadounidense no Consello de Seguridade á resolución para esixir un alto o fogo, e destacan que máis que un exemplo vivo da aplicación selectiva e arbitraria por parte da Casa Branca da Carta da ONU para a súa propia conveniencia, este veto, vista a magnitude da masacre perpetrada por Israel, será un oprobio perpetuo para os EUA.

China negouse a condenar o ataque de Hamás situándoo no marco histórico da cuestión palestino-israelí e posteriormente condenou, por desproporcionadas, as represalias de Israel. En consecuencia, Oriente Medio é unha rexión onde China está gañando terreo. A India de Modi apoiou sen fendas a Tel Aviv.

Os esforzos en Occidente para reprimir as declaracións a favor de Palestina agravaron certo sentimento de desafección. Os gobernos dos EUA e da Unión Europea esixiron que plataformas como Facebook, X e TikTok eliminen "contidos pro-Hamas" e abran investigacións contra xornalistas simpatizantes de Palestina, deixando ao descuberto a nosa hipocrisía e dobre moral.

No Consello de Seguridade, os representantes estadounidenses seguen erguendo unha e outra vez a súa man solitaria, sendo o único país que vetou proxectos de resolución para esixir un alto o fogo entre Palestina e Israel. Ao tempo que lle procuran as armas que liquidan toda esperanza de solución dialogada, cinicamente reclaman a Israel "mesura" no seu uso...

Coda
Nun mundo que proclama a inexistencia doutra alternativa sistémica que o paradigma liberal, en 2024 pode rexistrarse un feito singular. Desde o punto de vista do Partido Comunista Chinés, 2024 será o ano do 75 aniversario da proclamación da República Popular Chinesa, o 1 de outubro. A URSS durou 74 anos. A reafirmación ideolóxica de signo marxista é unha das claves determinantes do presente político chinés en medio de severos retos en todas as frontes, tanto internas como externas. Pero a satisfacción íntima de transcender a vixencia daquel liderado soviético inaugurado en 1917 e disolvido en 1991 e ao que se enfrontara durante boa parte desa longa traxectoria, con certeza aledará o ánimo dos líderes chineses no seu ano do dragón.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES